Na última semana, medios e redes sociais centráronse nun feito que deixou en shock ao mundo: o roubo de oito pezas de xoiería pertencentes á coroa francesa no emblemático Museo do Louvre de París, que incluían tiaras, colares e broches de incalculable valor histórico. A operación, realizada á plena luz do día, ás 9:30 horas, durou apenas catro ou sete minutos, e puxo de manifesto a vulnerabilidade dun dos museos máis prestixiosos do mundo.
Pero París non é a única cidade que sufriu perdas significativas do seu patrimonio. Galicia tamén ten a súa propia historia de tesouros desaparecidos ou roubados. Aínda que algúns foron recuperados, outras resultaron en danos irreparables para a memoria histórica de Galicia.
Entón, cales foron as grandes perdas patrimoniais de Galicia ao longo da historia?
O Códice Calixtino
Era o 4 de xullo de 2011 cando Galicia espertaba cunha noticia alarmante: o Codex Calixtinus, un dos manuscritos medievais máis importantes de Europa, desaparecera da Catedral de Santiago de Compostela. Non era un simple extravío: o deán, José María Díaz, tardou tres días en admitir o que todos temían, un roubo histórico.
Ao principio, as sospeitas apuntaban a coleccionistas multimillonarios ou a bandas internacionais dispostas a lucrarse co tesouro no mercado negro. Pero pouco despois, a investigación liderada polo xuíz do caso José Antonio Vázquez Taín e o xefe da Brigada Central de Patrimonio, Antonio Tenorio, cambiou o rumbo da historia: o ladrón estaba moito máis preto.
O culpable resultou ser Manuel Fernández Castiñeiras, electricista da catedral durante máis de vinte anos e despedido pouco antes do roubo. Nas súas propiedades, incluíndo o piso no Milladoiro (Ames), atopáronse 1,7 millóns de euros procedentes do saqueo dos cepillos. O manuscrito, malia todo, sobrevivira: apareceu nun garaxe, envolto en trapos, intacto.
A xustiza fixo o seu curso: dez anos de cárcere, unha multa de 268.000 euros e a devolución de 2,5 millóns á Igrexa. Tras un derrame cerebral, Fernández Castiñeiras pasou ao terceiro grao en setembro de 2019, quedando en liberdade condicional, deixando atrás unha das aventuras criminais da memoria galega.
O Tesouro de Caldas de Reis
Cando pensamos en tesouros, a imaxe que xorde na mente é a dun cofre pirata baixo a area ou nunha cova misteriosa. Pero o Tesouro de Caldas de Reis, tamén chamado Depósito das Silgadas, apareceu de maneira menos espectacular: o 20 de decembro de 1940, durante uns traballos agrícolas nunha loma ao noroeste da vila. O que emerxeu da terra foi un conxunto prehistórico de ouro, datado na Idade de Bronce, que pesaba uns 20 quilos, aínda que os expertos estiman que en orixe podería alcanzar os 50 quilos.
O achado producíase entre eucaliptos, xunto á casa señorial chamada “A Canle”. Foron Amalio Touceda, veciño da zona, e Ignacio Maquieira, dono da finca, quen repartiron o tesouro en dúas partes iguais usando unha balanza romana. O segredo era fundamental: ningún deles quería facer público o achado, á espera de vender as pezas e obter así unha recompensa económica.

Meses despois, en 1941, alguén os delatou á Guardia Civil, quen interveu e requisou as pezas que aínda non venderan. A historia tamén apunta ás persoas que estaban na finca no momento do descubrimento pero non participaron no reparto.
Hoxe, o tesouro conservase no Museo de Pontevedra: 41 pezas que inclúen aros de distintos tamaños, tres tazas con asa, seis fragmentos de láminas, tres fragmentos de barra e un peine. Cada unha destas pezas é un testemuño brillante dunha Galicia antiga.
O brazalete de Toén
O Tesouro de Caldas de Reis non foi o único que os campos galegos gardaban no seu seo. En outubro de 1932, mentres un grupo de labregos traballaba na construción dun muro na parroquia de Santa María de Toén (Ourense), a terra revelou un segredo: un brazalete de ouro macizo, finalmente datado entre o final da Idade de Bronce e o comezo da Idade de Ferro.
A xoia apareceu na finca de Ramón Deprado. Ao levantar unha lousa preto das raíces dun carballo, xurdiu o brazalete acompañado dun fino fío de ouro de apenas un milímetro, que probablemente servía como cadea. Era unha peza única, un exemplo de ourivería prerromana galega, con decoracións propias das xoias do tipo Villena ou Estremoz.

A súa historia chegou aos nosos días grazas aos intelectuais Florentino Pérez Cuevillas e Fermín Bouza-Brey, que estudaron a peza e realizaron a única fotografía que se conserva da peza, fundamental para que hoxe podamos coñecer o seu aspecto.
Con todo, a súa vida foi breve. En 1934, desapareceu das referencias públicas: ningún museo a incorporou e non hai rexistros oficiais da súa conservación. Durante a Guerra Civil, o brazalete foi doado á campaña “Ouro para a Patria”, impulsada polo bando sublevado para financiar o conflito. As pezas recollidas foron enviadas ao Banco de España en Burgos, onde probablemente se refundiron en lingotes. Así desapareceu unha xoia milenaria que só estivo dous anos en mas humanas tras máis de dous milenios soterrada.
A Cruz de Afonso III
A Catedral de Santiago foi centro de máis dun roubo. Maio de 1906, noite escura e silenciosa: un grupo de ladróns aproveitou a penumbra para entrar por unha ventá da basílica, serrando os barrotes e dirixíndose cara a Capela das Reliquias.
Entre os tesouros que alí atoparon destacou a Cruz de Afonso III, unha xoia doada polo rei de Asturias no século IX como ofrenda ao Apóstolo Santiago. Pero a súa importancia non se limitaba ao simbolismo relixioso: era tamén unha obra maestra da ourivería altomedieval, feita de ouro e pedras preciosas sobre un esquelete de madeira.

As autoridades da cidade reaccionaron anunciando unha recompensa de cinco mil pesetas para quen proporcionase información sobre os responsables. Mais, a pesar dos esforzos, a cruz nunca máis apareceu. Así desapareceu un dos símbolos máis antigos e prezados do tesouro compostelán.














