Se nos viramos cara ao interior da ría de Arousa, a uns 1,4 quilómetros da costa oeste da Illa, atoparemos un pequeno illote de pouco máis de 600 metros de lonxitude. Estudado dende os anos 80, Guidorio Areoso, popularmente coñecido como illote Areoso, agocha nas súas praias un interesante patrimonio arqueolóxico.
Santiago Vázquez Collazo, director da última escavación realizada ata o momento no illote e secretario da Fundación L. Monteagudo, parte dunha base clara: “O illote do Areoso é un xacemento en si mesmo”. No verán de 2025, os arqueólogos chegaron ao enclave decididos a intervir na mámoa 3, ameazada polos efectos das mareas e case desaparecida debido a eles.
Ao longo dos anos, combínanse traballos estritamente arqueolóxicos con estudos sobre o paleoambiente e a paleomorfoloxía do illote. Así mesmo, trátase de responder a diferentes preguntas: dende cando existe o illote, como se formou, se en algún momento tivo unha superficie máis ampla ou se chegou a estar unido ao Guidoiro Pedregoso ou á Illa de Arousa.
Non obstante, o traballo é complexo e está condicionado polas mareas. “As características das praias favorecen a conservación dos restos orgánicos máis que no resto do territorio continental”, explica o arqueólogo. No continente, os solos moi ácidos e graníticos dificultan a preservación destes restos antigos. Con todo, no Guidoiro non só se atopan mámoas, túmulos megalíticos, senón tamén unha serie de estruturas pertencentes a distintas épocas históricas.
Estudado dende os anos 80
José Manuel Rey García foi o primeiro arqueólogo en investigar o que agochaba o Guidoiro. Nos anos oitenta, localizaron dous túmulos no illote, os actuais M1 e M2, denominación usadas para diferenciar cada mámoa. Despois de anos sen intervencións, nos anos 2000 retomouse a actividade científica no illote.
Ao longo do tempo, distintos equipos investigaron o Areoso, pero foi en 2015 cando se reanudaron as intervencións arqueolóxicas da man de Javier Chao Álvarez. Durante este período realizáronse diversas sondaxes nas dúas praias do illote co obxectivo de extraer a columna de sedimentos, estudar a formación do solo e do paleosolo, así como as dunas das praias.
O seguinte paso tivo lugar entre 2016 e 2017 coa escavación do túmulo M4 e dalgunhas das cistas que ían aparecendo, traballos dirixidos por Patricia Mañana Borrazas. “As cistas son pequenas estruturas de pedra, probablemente funerarias”, explica Vázquez Collazo, sinalando que poden datar da Idade do Bronce.
“Durante todo este tempo, controláronse os cambios dos xacementos coa subida do mar”, engade o arqueólogo. Por exemplo, a erosión provocou que a M5 desaparecese, localizada en 2011, estaba situada nunha zona de praia moi exposta á acción do mar.
Que se agocha no Areoso?
A escavación realizada este verán arredor da mámoa 3 permitiu descubrir novas estruturas que o equipo de Santiago Vázquez aínda está a interpretar. “Ao mesmo tempo, seguían aparecendo materiais arqueolóxicos, como cerámicas“, sinala.
Mentres tanto, na mámoa 4 tamén saíron á luz elementos sorprendentes: por exemplo, máis de quiñentas contas pertencentes a un único colar. “No interior da cámara apareceu un cacharro completo de cerámica“, explica Vázquez Collazo, algo pouco habitual en Galicia.

Con todo, insiste en que o illote é patrimonio arqueolóxico en si mesmo: “Está composto por moitas estruturas diferentes de épocas distintas”. Así, están tratando de constatar que os monumentos foron reutilizados ao longo da prehistoria recente. Segundo o arqueólogo, algúns constrúense no Neolítico, despois reocúpanse durante a Idade do Bronce e inclúen tamén restos da Idade do Ferro. A toda esta historia súmanse incluso fragmentos de ánforas romanas.
Estes achados axudan aos arqueólogos a contextualizar a cultura e caracterizar ás persoas que construíron os monumentos do illote. Con todo, os descubrimentos non cesan: “Guidoiro vai ofrecendo achados practicamente cada ano“, explica Vázquez Collazo. A mámoa escavada este verán sitúase a apenas catro metros e medio da de Manuel Rey, de modo que un dos extremos da escavación intersecta partes da intervención dos anos 80. “Rey nunca coñeceu esta estrutura porque estaba cuberta pola duna”, engade.
A erosión do mar
Como van aparecendo estes restos no Areoso? A través da erosión e da acción natural do vento e das mareas, o illote deixa á vista estas estruturas. “Estou convencido de que baixo as dunas da zona sur debe haber máis monumentos”, advirte Santiago Vázquez. Con todo, este impacto meteorolóxico é totalmente negativo e é un dos motivos da última intervención.
A Fundación L. Monteagudo, unha entidade sen ánimo de lucro, ten como obxectivo velar polo patrimonio cultural de Galicia, especialmente no ámbito arqueolóxico. Coñecida a situación que sufre a M3, dende a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia propiciouse unha colaboración coa fundación, co financiamento desta última, para organizar unha intervención na mámoa. “Tras comprobar como vai evolucionando, acabamos vendo que o xacemento ía rematar desaparecendo“, explica. Así, iniciouse unha especie de campaña rescate.

“En plena campaña, houbo varios días que o mar chegou ata o interior da cámara“, sinala Santiago Vázquez, evidenciando a subida do mar. Entre as medidas adoptadas, a Xunta de Galicia construíu un parapeto de pedras para amortecer a acción do mar no xacemento M4. Grazas a esta estrutura, en 2017 un equipo arqueolóxico dirixido por Patricia Mañana puido realizar a intervención, aínda que cando a marea sube moito a auga entra polas marxes.
Con todo, “non se pode loitar contra o medio”, asegura o arqueólogo. A condición do illote, separado en dúas partes cando sube a marea, deixa incomunicados o norte e o sur. Hoxe en día, cada vez que a marea sobe, case sempre conséguese ver o illote dividido en dous: na parte norte permanece unha duna activa, e na parte sur concentranse os túmulos.
Recompilar para non perder
“O único que se pode facer é investigar e recompilar para rexistrar a maior cantidade de información posible”, advirte Santiago Vázquez. As novas tecnoloxías permiten realizar escaneos e rexistros fotograméticos nos que cada detalle queda documentado, así como rexistros topográficos que axudan a comprender como cambia o terreo e os elementos do illote. “Se chegase a desaparecer, poderíamos reconstruílo nun plano empregando as coordenadas”, explica o arqueólogo.
As investigacións continuarán, cunha perspectiva a máis longo prazo, de varios anos, e cun amplo equipo interdisciplinar. As liñas de investigación céntranse na definición dos xacementos arqueolóxicos, na identificación e datación do maior número posible de estruturas, e na reconstrución da historia do Guidoiro.
Con todo, un dos obxectivos é atopar restos óseos humanos: “En Galicia non temos nin un só resto humano registrado en contextos funerarios megalíticos da prehistoria recente”, sinala Vázquez. A pesar de traballar con estruturas funerarias, non se localizaron esqueletos humanos, algo que si ocorre noutros puntos de Europa e mesmo da península ibérica.
Santiago Vázquez Collazo destaca que os túmulos representan a primeira arquitectura monumental creada polo ser humano, concibida para perdurar no tempo e ser visible. Así, O Areoso segue agochando moitos segredos baixo a súa area, e aínda quedan moitos por descubrir.
















Rueda de Vil (e demais trogloditas PPodridOX): hai cambio climático ou non? (Tamén se admite a denominación “climático cambio”, se non vos gusta a outra…)