A morte anunciada das xoias megalíticas do Guidoiro Areoso

Cando os arousáns prehistóricos deixaron a súa pegada no Guidoiro Areoso, esta zona era parte dunha península que a unía coa Illa de Arousa e co resto do continente. Daquela o nivel do mar quedaba varios metros por debaixo do de hoxe. Porén, a erosión e o quecemento global están rabuñando palmo a palmo o illote, e varias das súas mámoas e dolmens, xoias prehistóricas case únicas na Galicia insular, xa foron devoradas polas mareas e o vento. E apenas hai marxe para reaccionar.

O Guidoiro Areoso, a un quilómetro e medio ao leste da Illa de Arousa, ten uns 600 metros de lonxitude de norte a sur, e acada apenas nove metros de altura no punto máis elevado. O lugar, como moitos outros da ría, foi tamén acocho para o contrabando e o narcotráfico que durante décadas controlou a zona. Na parte norte hai unha duna, cuberta de vexetación na parte máis alta, mentres que no sur aparecen rochas graníticas, cada vez máis ao descuberto por mor da erosión.

Publicidade

Destrución da Mámoa 5 do Guidoiro Areoso en só dous anos debido á erosión. Arrastra o cursor para comparar.


Nos anos 80, varios investigadores galegos comezaron a descubrir a riqueza arqueolóxica que agochaba o Areoso. O arqueólogo Xosé Manuel Rey localizou as primeiras estruturas megalíticas no illote, escavando dúas delas, e un asentamento da Idade de Bronce. Tamén documentou restos cerámicos, de comida e de fauna doméstica, como vacas, porcos, ovellas e cabras, que evidencian unha conexión directa co continente.

Non se coñecen ocupacións humanas posteriores, o que casa co aumento do nivel do mar que comezou arredor do ano 2.200 a.C. É posible que nese rango de tempo o Areoso pasase a ser unha illa.

Panorámica do illote do Guidoiro Areoso, na ría de Arousa. Fonte: Guidoiro Dixital.
Panorámica do illote do Guidoiro Areoso, na ría de Arousa. Fonte: Guidoiro Dixital.

Continuando o labor de Rey e outros investigadores, o CSIC, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) puxo en marcha nos últimos un proxecto para determinar o impacto do cambio global nos xacementos costeiros de Galicia, prestando unha atención especial ao Guidoiro Areoso.

En novembro publicáronse os primeiros resultados sobre este proxecto, que forman parte dun dos capítulos do libro Public Archaelogy and Climate Change, obra que aborda a pegada do cambio climático no patrimonio litoral de varias rexións do planeta. Asinan o traballo, que estuda os riscos no marco do noroeste da Península, Elías López-Romero, Patricia Mañana Borrazás, Alejandro Güimil-Fariña e Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, varios dos investigadores que participaron nos estudos.

Un proceso case irreversible

“Non é un problema exclusivo do Areoso, está pasando en moitos lugares da costa galega e, en xeral, no litoral atlántico europeo, explica Elías López, un dos arqueólogos que estudou este impacto. Sinala López que, máis que salvar o xacemento da erosión, algo case irreversible, o que se pretende é recoller a maior cantidade posible de datos científicos antes de que as xoias do Areoso desaparezan para sempre.

“Non é un problema exclusivo do Areoso, está pasando en moitos lugares da costa galega”

A urxencia obriga porque o ritmo do desgaste causado polo vento e o mar e, en menor medida, o ser humano, estase acelerando de xeito preocupante. “Nos últimos anos – explican os investigadores do CSIC – a duna norte reduciuse considerablemente en altura e extensión, mentres que nas praias desapareceu case un metro de area“. Así o confirman os estudos realizados por investigadores do Departamento de Xeografía da USC e publicados en 2016. Neste traballo, explicase como un “mecanismo de rotación no lóbulo areoso” da parte norte orixina unha “redución do volume de area no flanco occidental do illote, dando lugar a unha maior exposición das estruturas arqueolóxicas”.

Nalgunhas fotografías tomadas durante o traballo de campo vese como, con mareas vivas, a auga chega a cruzar o illote dun lado a outro. E hai máis imaxes que falan por si soas. O equipo do CSIC publicou varias comparativas dos últimos anos nas que se evidencia o desgaste acelerado nas zonas onde están os monumentos prehistóricos.

Deste xeito, os restos prehistóricos quedan xa na zona intermareal, a mercé da subida e baixada da auga que, día tras día, pon e quita pedras e area arredor deles. A area era a que aguantaba en parte dos monumentos, que agora están perdendo pé. Así, a erosión fixo emerxer máis restos, e é posible que aparezan máis. Porén, ao quedar ao descuberto, aumenta o perigo de que se destrúan, como xa aconteceu coa mámoa 5.

Nas mareas vivas, o mar chega a cruzar dun lado a outro do Guidoiro Areoso. Fonte: Guidoiro Dixital.
Nas mareas vivas, o mar chega a cruzar dun lado a outro do Guidoiro Areoso. Fonte: Guidoiro Dixital.

En 2017, a Xunta de Galicia financiou una nova campaña, que desenvolveu a empresa Tomos SL, para actuar na mámoa 4, unha das que se atopa en peor estado, e arredor da cal se construíu en 2011 un muro de pedra para protexela dos embates do mar. Pero dá a sensación de que cada día, cada marea e cada refacho de vento rouban, para sempre, a Prehistoria que esmorece no Areoso.

O factor humano no Areoso

Aínda que a maior parte dos danos están causados polo impacto do mar e o vento, os investigadores subliñan que a actividade humana tamén está afectando ao illote. Os movementos de area causados polas embarcacións que fondeaban arredor do Areoso levou xa a prohibir o paso e a ancoraxe de barcos por unha zona que fica delimitada por boias. Porén, sobre todo nos meses de primavera e verán, son habituais as excursións e visitas guiadas ata o illote, co conseguinte risco de danos para o patrimonio.

Ciencia cidadá

Para estudar o impacto da erosión, o CSIC, coa colaboración de entidades e veciños de Arousa, puxo en marcha unha iniciativa de ciencia cidadá que tiña por obxectivo recoller fotografías que achegasen luz sobre a situación do illote nas décadas anteriores. Entre 2014 e 2015, conseguíronse 700 imaxes datadas entre 1990 e 2013, que serviron de moita axuda.

Grazas a elas puidéronse “reconstruír dixitalmente algúns dos xacementos do illote xa destruídos, como a Mámoa 5, e coñecer o proceso de deterioro dos outros”. Porén, a “erosión segue sendo moi activa, polo que dispoñer deste arquivo é esencial para gardar a memoria do conxunto”, explican Elías López e Patricia Mañana.

Máis información:

– Capítulo dedicado ao noroeste da Península Ibérica no libro Public Archaelogy and Climate Change (ligazón).

– Guidoiro Dixital.

Erosión costera en yacimientos arqueológicos: Guidoiro Areoso, Ría de Arousa, Galicia (ligazón, en PDF). 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O quecemento global podería triplicar a probabilidade de secas no Mediterráneo

Un estudo da UVigo e do CSIC indica que o descenso da humidade transportada pola atmosfera dende os océanos provocará unha maior aparición de episodios de aridez

Electrocardiograma a un mexillón: o curioso método para avaliar a saúde do bivalvo

Un sensor deseñado en Galicia analiza o comportamento das valvas para coñecer o estrés térmico do molusco en tempo real

Mapas, datos e interface: así é o sistema da UVigo para afrontar chuvias extremas

Un método desenvolto no grupo Ephyslab calcula os caudais dos ríos e simula os asolagamentos ante precipitacións torrenciais

O cambio climático duplica a probabilidade de eventos tan extremos como o de Valencia

O primeiro estudo científico sobre a catástrofe de Valencia estima que estes fenómenos son un 12% máis intensos polo quecemento global