Galicia non é allea aos roubos de patrimonio. En especial, a historia máis recente deixou o caso do Códice Calixtino: o 5 de xullo de 2011, coñeceuse que o manuscrito do século XII, que tiña o seu fogar na Catedral de Santiago, fora usurpado. A reliquia atopouse un ano despois da súa desaparición e agora está fortemente custodiado no arquivo da catedral. Así e todo, non todas as xoias da historia galega tiveron a mesma fortuna, e hai tesouros patrimoniais dos que se descoñece a pista dende hai décadas, cando non séculos. É o caso da Cruz de Afonso III, unha xoia do ano 874 que, a través do tempo, vestiu diferentes aspectos que marcaron a historia de unión entre a monarquía e a igrexa. Porén, a súa localización caeu nas sombras nos albores do século XX: a madrugada do 7 de maio de 1906, Galicia amenceu cunha xoia menos na súa terra. Roubaran a Cruz de Afonso III.
O Consello da Cultura Galega vén de publicar unha investigación con fotografías inéditas liderada polo profesor de historia de arte da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do CISPAC Francisco Prado Vilar. Este estudo achega novas pistas sobre as últimas localizacións coñecidas da reliquia. Prado Vilar xa atopara novas pegadas da súa presenza hai seis anos, nunha imaxe gardada nun museo londinense; agora, o historiador estuda os expedientes xudiciais do roubo de 1906 e sinala que o destino da xoia compostelá podería estar ao outro lado do Atlántico, en Bos Aires.
As réplicas
Antes de indagar na historia da reliquia, cómpre resaltar que se trataba dunha peza moi valorada dentro do tesouro da Catedral de Santiago. “A conmoción causada pola perda da cruz levou a tentar suplir a súa ausencia mediante dúas réplicas“, recoñece Francisco Prado Vilar no seu estudo, que compartiu a través do Consello da Cultura Galega. A primeira destas imitacións realizouse en 1917, da man do prateiro Ricardo Martínez Costoya, a raíz dun encargo do Cabido. A segunda chegou case un século despois, cando, en 2004, as celebracións do Xacobeo motivaron unha segunda réplica forxada nos Talleres Ángel. “Para reconstruír o aspecto da peza desaparecida, en ambos os casos tomouse como referencia o único testemuño fotográfico que daquela se coñecía: a fototipia difundida por Hauser e Menet a partir dun negativo realizado por J. Limia pouco antes da subtracción”, explica o investigador do CISPAC.

A pista no Museo de Vitoria e Alberto
“Un avance decisivo na recuperación visual da Cruz de Afonso III produciuse en 2020, cando identifiquei no Victoria and Albert Museum unha fotografía realizada por Charles Thurston Thompson en 1867“, conta Francisco Prado. A imaxe amosaba o aspecto da cruz antes da súa transformación no século XIX, na que se profundará nos próximos parágrafos. A testemuña visual “revelaba unha configuración moito máis complexa que a coñecida ata entón, formada polos sucesivos engadidos que foran incorporándose á peza ao longo dos séculos”, explica o investigador.
A fotografía pasou por un proceso de restauración cromática que revelou a esencia de séculos de existencia marcados pola devoción de quen a admirou, como crente ou artista. “Xeracións de reis, dignatarios, peregrinos e artistas, dende o Mestre Mateo ata Jan van Eyck, contemplárana, portárana, tocárana e venerárana”, reflexiona o historiador no estudo.

Os cambios na reliquia
O paso do tempo non só deixou a habitual pegada do desgaste na Cruz de Afonso III; de feito, a xoia experimentou múltiples cambios ao longo da súa historia. O traxecto comeza no 874, cando o rei Afonso III e a raíña Ximena doaron ao santuario xacobeo unha cruz cuberta de ouro e pedras preciosas. Un testemuño de 1572, por parte do arqueólogo e cronista Ambrosio de Morales, achega unha descrición diferente da peza: unha cruz “moi pequena cun crucifixo antiquísimo” estaba “asida nunha Cruz de ouro”, como recolle Prado Vilar na súa investigación. Así, sábese que antes desa declaración incorporouse unha pequena cruz que as pesquisas atribúen a Fernando I e Sancha. A reliquia pechou o século XVI como unha combinación de dúas doazóns monárquicas unidas nunha única peza.
Mais os cambios non remataron. O investigador do CISPAC comparte o seguinte estracto redactado por Antonio López Ferreiro en 1899 na súa Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela: “En el siglo XVII se puso una Cruz también de oro […] cubierta con una chapa de plata dorada, de pésimo gusto, sobre la cual se aplicó un crucifijo también de plata; Recientemente se quitó la chapa de plata y la cruz de oro que estaba debajo; y en su lugar se puso una cruz de cristal con pequeño trocito del Lignum crucis“. Así pois, sábese que no século XVII houbo unha terceira modificación sobre a peza, e logo unha cuarta no século XIX. As pezas quedaron separadas e, con iso, os seus destinos seguiron diferentes camiños.

Unha fotografía inédita
Despois de que se separaran as pezas, perdérase o rastro da cuberta cruciforme de prata dourada coa figura de Cristo. Porén, unha imaxe inédita que se atopa no Arxiu Mas do Institut Amatller d’Art Hispànic de Barcelona confirma que sobreviviu á desmontaxe e permanecía en Compostela en 1919. “A imaxe móstraa colocada nunha nova montura, convertida xa nunha peza autónoma. A partir desta nova silueta, recoñécese tamén a peza nunha fotografía da capela das Reliquias, instalada no retablo que sería destruído polo incendio de 1921“, describe Prado Vilar. O investigador declara, non obstante, que o camiño cara á reliquia desaparece despois do lume: “Ignoramos se se perdeu no incendio ou se foi retirada e podería conservarse aínda, sen identificar, nalgún lugar da catedral ou de Santiago“.
Así mesmo, o museo barcelonés conserva tamén dúas fotografías da cruz de Fernando I e Sancha (a que se incorporou antes de 1572 á Cruz de Afonso III) realizadas en 1929, co gallo do seu envío á exposición á Exposición Internacional de Barcelona. “O seu valor documental é hoxe considerable porque rexistran a peza máis de seis décadas antes da drástica restauración á que foi sometida en Frankfurt en 1992, con motivo da exposición El arte en el Camino de Santiago. Primer itinerario cultural europeo“, asegura no seu informe Francisco Prado.
Os testemuños fotográficos permiten confirmar cales foron as dúas pezas que permaneceron na catedral despois da desmontaxe descrita por Antonio López a finais do século XIX: “A cruz de Fernando I e Sancha chegou ata nós profundamente transformada, mentres que a cuberta cruciforme coa figura de Cristo desaparece da documentación despois de 1919“, sinala o historiador.
No caso da Cruz de Afonso III, a que iniciou esta historia en 874, pérdeselle a pista tralo seu roubo de 1906. A fin de achar novas pegadas desta xoia na historia, o investigador Prado Vilar revisou os expedientes xudiciais do caso para abrir posibilidades que permaneceron nas sombras durante os 120 anos que se cumpren dende a extracción: “A documentación que presentamos agora revela, por primeira vez, esa parte descoñecida da historia. Trátase dunha fonte excepcional, formada polos documentos que o xulgado encargado do caso foi facendo publicar na Gaceta de Madrid, diario oficial do Estado e antecedente do actual BOE: citacións, comunicacións e requisitorias que permiten seguir o curso da investigación e reconstruír a cronoloxía das dilixencias”.
O roubo de 1906
A madrugada do 7 de maio de 1906, a historia lanzou unha pregunta que hoxe, máis dun século despois, aínda non se pode responder: quen roubou a Cruz de Afonso II? O investigador marca no seu estudo a seguinte liña cronolóxica para seguir os feitos que sucederon ao crime: o 30 de maio, o maxistrado e estudoso do patrimonio histórico-artístico Antonio de Nicolás dá a orde de localizar as xoias roubadas e deter a quen as tivese na súa posesión sen poder xustificar a súa procedencia. Entre o 22 e o 24 de xuño, cítanse no xulgado varias persoas, entre as que se atopa un canteiro da catedral.
No mes seguinte, xa en xullo, as sospeitas recaen sobre Francisco Estévez Yáñez. Entre o 10 e o 11 de agosto publícase a requisitoria e o xornal El Miño preséntao como un dos presuntos autores do roubo. Finalmente, outra requisitoria revela, o 2 de outubro, que Estévez marchara de Santiago cara a Bos Aires no mes de maio, semanas despois de que se producira o roubo. Esta viaxe suscita sospeita, dado que Francisco Estévez tiña a súa vida na capital galega.
Así, a historia do roubo mestúrase coa dun sospeitoso que levou a atención ao outro lado do Atlántico “e, dende alí, á historia dunha familia de emigrantes galegos que alcanzaría unha notable posición na sociedade arxentina e deixaría nela un legado perdurable a través da doazón á comunidade da súa extraordinaria colección de arte”, recoñece o historiador do CISPAC.
“Se a Cruz de Afonso III chegou tamén a Arxentina vinculada dalgún modo á partida de Francisco Estévez en 1906, nada obriga a supoñer que permanecese sempre nas mesmas mans. […]. O paso do tempo, as transmisións familiares e os sucesivos cambios de propietario podían acabar separando a peza das circunstancias da súa chegada, ata o punto de que os propios herdeiros ou novos posuidores ignorasen a súa verdadeira orixe”, explica na súa publicación Francisco Vilar.
Así, a historia da Cruz de Afonso III é a dunha xoia loitando por facerse ver, saíndo á superficie a través de textos e fotografías que a inmortalizaron no tempo e que constitúen os carteis que guían a mirada do presente polo camiño que percorreu, ela e as súas posteriores adicións, a través dos séculos e os quilómetros que separan dous continentes.
Podes ler a investigación completa neste enlace.














