Luns 29 Abril 2024

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica

A astrofísica Begoña Vila sente fascinación polas estrelas dende que era unha nena. Lembra a súa infancia na parroquia de Valadares, en Vigo, ollando atentamente cara á escuridade do ceo. Daquela ela non sabía que había unha carreira que lle permitiría pasar o resto da súa vida estudando aquelas fermosas e brillantes luces penduradas, nin que acabaría traballando na NASA. Begoña Vila, convidada na cuarta e última sesión de Ciencia en feminino, repasa a súa traxectoria profesional nun eido tradicionalmente masculinizado. “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”, asegura a científica.

Vila lembra que cando entrou na carreira de Física, que estudou na Universidade de Santiago, había arredor de 100 alumnos e tan só 5 eran mulleres. “É algo máis no que tes que pensar porque notas que es minoría. Cando es nova tes que asimilalo e seguir para adiante”, apunta a experta, que volveu vivir a mesma situación cando realizaba a súa tese en Inglaterra. Con todo, recoñece que hai motivos para o optimismo, dado que nos últimos anos está a medrar a presenza de mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Vila estima que a porcentaxe xa rolda o 25%, lonxe do 5% no que ela estudaba, pero aínda insuficiente.

Publicidade

“Imos na dirección correcta. Se hai menos mulleres dende logo non é pola valía porque o fan claramente igual que os homes. É difícil saber que esta fallando”, admite a astrofísica viguesa. Tamén cre que é necesario ter máis referentes femininas: “Cando vas a un sitio e ves que todos son homes, talvez sen darte conta pensas que ese non é o teu camiño”. Malia que hai aspectos aos que facerlle fronte, como a maternidade e o coidado de persoas maiores —tarefas que recaen tradicionalmente sobre as mulleres—, unha boa política laboral pode ser a solución. ” Se se dan facilidades nos traballos para compaxinar a vida profesional e persoal, todas as mulleres van dar máis de si. Non o van lamentar”, engade.

En canto á NASA, Vila asegura que a axencia espacial estadounidense “é moi consciente” do importante que é promocionar a igualdade. Pero non só de xénero, tamén de relixión, de etnia… “Está demostrado que se tes xente diversa traballando para ti, vas saír beneficiado. A NASA ten unha forte política de igualdade. Cando no James Webb se admiten as propposals para facer observacións no telescopio, non se especifica o xénero de quen o pide. Isto tamén se debería facer cando optas a un traballo: valorar só o teu currículo”, indica a astrofísica.

No plano profesional, Begoña Vila foi unha peza clave para o lanzamento do telescopio James Webb, que leva dous anos e medio en órbita. “Xa forma parte da historia da ciencia. Considérome unha privilexiada por ter desenvolvido un papel moi importante e estar aí para o instrumento de guía”, apunta. O Webb está a revolucionar a forma na que se entende o universo porque ofrece datos que cuestionan o que xa se sabía ou que ofrecen información nova. O telescopio da NASA está mirando o universo máis novo a través da luz infravermella e tratando de atopar atmosferas noutros planetas e lúas, tanto de fóra como de dentro do sistema solar.

Amais do James Webb, Begoña Vila forma parte do equipo do telescopio Nancy Grace Roman, no que está a traballar a NASA. “É o primeiro observatorio espacial nomeado en honor a unha muller. Roman foi a primeira astrofísica xefa da NASA e é considerada a nai do Hubble”, apunta. Segundo continúa explicando, o novo telescopio, que se lanzará ao longo desta década, servirá como complemento do Hubble e do Webb. “Poderá mirar un anaco do universo e facer unha foto que será 100 ou incluso 200 veces maior que o que poden facer os outros telescopios”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:59:50

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Científicas no estranxeiro

As galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras explican as súas experiencias investigando noutros países
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas