Venres 19 Abril 2024

Begoña Vila: “O novo telescopio da NASA será 100 veces máis potente que o James Webb”

A astrofísica viguesa impartiu unha conferencia en Santiago para desvelar os segredos do actual observatorio espacial

Cando observaba o ceo estrelado en Valadares, na súa casa da parroquia de Vigo, non imaxinou que sería unha peza clave na NASA para poñer en órbita o telescopio espacial James Webb, o gran instrumento da ciencia para achegarnos á orixe do universo. O currículo de Begoña Vila Costas (Vigo, 1963), astrofísica e enxeñeira xefa de sistemas no centro de voo espacial Goddard de Washington D.C, parece de ciencia ficción. Tanto que é a única española recoñecida coa medalla da NASA polos seus logros públicos excepcionais nos seus anos de liderado para o desenvolvemento do Fine Guidance (FGS), un sensor de alta precisión que achega estabilidade a un sistema ben complexo do tamaño dun campo de tenis con 18 espellos ganduxado peza a peza en 25 anos de construción e dificultades. 

Esta semana, nunha das súas escalas técnicas en Galicia para tocar terra natal, impartiu a conferencia ‘O telescopio espacial James Webb: Ollando cara atrás non tempo’ na Escola Superior de Enxeñería Técnica (ETSE) da USC ante un auditorio interxeracional, de profesores e alumnos, encandeado pola súa voz suave e as súas anécdotas espaciais nun mundo onde as mulleres seguen sendo minoría.

Publicidade

—Comecemos polo principio dunha vocación absoluta. Unha nena fascinada polas estrelas… 

—Viviamos na parroquia de Valadares e entón, o ceo aínda era escuro polas noites. Antes de saber que existía a astronomía, a min fascinábanme as estrelas. Pero tamén como cambiaba o sol no día, as fases da lúa… Quería saber, coñecer, comprender. Sempre fun moi boa estudante e o meu pai, que foi un excelente carpinteiro e gran lector; moi intelixente e emprendedor, sempre nos animou a min e aos meus irmáns e irmás para estudar sen discriminar se eramos mozos ou mozas.  

—Hoxe regresa ao campus universitario onde estudou Físicas nos 80. Estraña ou resúltalle familiar?

—Xa levo moitos anos fóra pero primeiro en Vigo e despois en Santiago comecei un camiño académico que logo me levou ao Instituto de Astrofísica de Canarias e despois a Manchester (Jodrell Bank), onde fixen o doutoramento sobre galaxias espirais. De aí a Canadá e á NASA (ri). Eu, ata entón, traballara na universidade,  e foi en Canadá cando saltei á empresa privada para o espazo. A NASA é o meu lugar de traballo e non me resulta estraño pero entendo que impresiona. Un compañeiro de facultade mandoume unha mensaxe moi afectuosa e lembroume que, sendo estudantes, eu aventurara que quería chegar aí.  Fíxate que non o lembraba. 

—Por que escolleu as galaxias? 

—Foi do que mais gostei naquel momento. Estaba en Manchester, entón. Foi outra muller a que me inspirou, unha astrofísica: Vera Rubin, que esbozou unha teoría que finalmente se confirmou: que os brazos das galaxias rotaban mais rápido do que deberan para a súa masa. Que tiña que haber outra masa. A miña tese tamén foi esa e demostrouse. Esa curva de rotación sinala a existencia unha materia escura no centro das galaxias, que probablemente todas ou a maioría, posúen un buraco negro.  

Agora, con Webb, estamos a ver datos que levan a pensar que quizais as galaxias se formaron antes do que pensabamos. Webb quere buscar esas primeiras estrelas e galaxias que se formaron no universo e ver como foron evolucionando ata chegar á nosa. E continuar esa procura, ver se non estamos sós, se hai outros planetas habitables. 

—Practicamente acaba de botar a voar o Webb e o próximo reto xa está en marcha: o Telescopio Roman. 

—(Ri). Foron moitos anos de traballo ata o lanzamento —o 25 de decembro do 2021 desde a Güiana francesa— e xa no espazo, moitos meses para despregar 40 estruturas e 178 mecanismos de apertura, axustar os espellos, aliñar os sistemas ata que o presidente Biden mostrou publicamente en xullo o que o telescopio Webb é capaz de facer. Nunha soa imaxe contamos 250 galaxias novas!

—¿En que se diferenciará Roman de Webb?

—Debe o seu nome a Nancy Grace Roman, a primeira astrofísica da NASA. (A nomenclatura de James Webb para o telescopio suscitou polémica polo papel non aclarado do exdirector da Axencia na purga do traballadores LGTBI+, o chamado Terror Lila, na Axencia espacial baixo a presidencia de Harry S. Truman).  Será 100 veces máis potente e modular, para que poida repararse. O Webb non pode ser reparado e por iso era crucial que todos os seus sistemas funcionasen correctamente e economizase combustible para alongar a súa vida útil. 

—Nalgún momento perigou a continuidade do proxecto Webb polo custo?

—Gústame explicar que equivale a que cada estadounidense achegue tres dólares, —algo menos de tres euros— e xa o temos (10.000 millóns de dólares). Por exemplo, o gasto en doces na Noite de Halloween é moi superior. O orzamento da NASA é pequeno comparado co que se inviste en Defensa e Industria militar no mundo. 

—A locución do lanzamento dicía ‘desde unha illa tropical ao bordo do Universo para mirar cara atrás á orixe da vida’. Que nos di Webb do Big Bang?

Ensínanos como nacen e como morren as estrelas. Os Piares da Creación: as nubes de po e gas que conducen á súa formación. Os rastros do Big Bang, a proba. Onde hai planetas nunha franxa habitable orbitando ao redor dunha estrela e como é o espectro da súa atmosfera. Hai máis de 3.000 planetas orbitando outras estrelas. Un dos datos que me gustaría recibir do Webb é poder afinar a procura doutro planeta habitable e saber se estamos sós. A xente sempre me pregunta se a NASA ten ou sabe. Pero non, non o sabemos. O Universo é tan inmenso que cabe pensar que non pero, temos que ser conscientes de que non hai outro planeta como A Terra e debemos coidalo mellor. 

—Que momento lle impactou máis en tantos anos de traballo?

Tiven a sorte de viaxar co Webb a Houston e Los Ángeles. Cruzar a cidade de noite a paso de boi nun transporte especial ata embarcar cara á Güiana cruzando o estreito de Panamá. O lanzamento foi inesquecible. É a peor parte e a que require probas de todo tipo: vibración, acústicas, electromagnéticas…  Velo despegar foi o mellor agasallo de Nadal. 

—Tantos anos estudando as estrelas. Desexaría velas máis preto? 

—Claro que sí. Tal vez non como astronauta pero quizais en voos privados. Teño a sorte de que Michael López-Alegría -primeiro español en viaxar ao espazo- é piloto en Axiom Space e bo amigo meu (ri). Por que non? 

—Falou da soidade de xénero. De ser moito tempo a única muller en moitos foros. 

—Fun a única muller moitas veces en salas, conferencias e reunións entre moitos homes. O inicio dos estudos, a proporción de mulleres era dun 5% e hoxe na NASA representa en torno ao 25%. Esfórzanse en promover a equidade pero aínda non chega. As mulleres non chegan. Hai que animar as vocacións científicas entre as nenas. Necesitamos informáticas, electrónicas, ópticas, mecánicas… É un traballo duro de equipo e a igualdade constrúese entre todos.  

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas
00:00:00

A NASA retransmite en directo a eclipse solar total

O fenómeno astronómico poderase desfrutar en México, Estados Unidos e Canadá, e en Galicia só de forma parcial