Catástrofe. Esa é a palabra que emprega a Confraría de Pescadores de Noia para describir as altas taxas de mortalidade do berberecho, superiores ao 80%, debidas a unha prolongada situación de baixa salinidade. As causas están claras: as altas precipitacións dos últimos meses e a apertura da presa do Tambre impedirán que se reanude a campaña marisqueira o vindeiro luns. Esa foi a conclusión do último informe, elaborado pola asistencia técnica da confraría, e que deriva nunha solicitude de paro biolóxico á Xunta; a primeira da que se ten constancia. “O stock de berberecho comercial non é suficiente para que a súa extracción sexa rendible”, confirma a bióloga Liliana Solís, encargada do informe.
Dende outubro, os niveis de salinidade comezaron a oscilar coa marea. Nos tres meses seguintes, os valores próximos a 0 prolongáronse durante días. E coa chegada das altas precipitacións, xa non subiron nin do 5% nin do 10%. Segundo explica Solís, o marisco xa comeza a estresarte con niveis de salinidade inferiores ao 20%, polo que os primeiros datos xa apuntaban a unha situación preocupante. “Morreu o 81,3% do berberecho de talla comercial e o 77% do non comercial. Este último sería o que se capturaría na próxima campaña”, apunta a bióloga. Aínda que a temporada de capturas vai de setembro a abril, e o berberecho tería toda a primavera e verán para recuperarse, Solís augura que as previsións de cara á nova campaña tampouco son boas. “Todo depende das condicións climáticas”, indica.
Mellorar a xestión da presa do Tambre
Ante as fortes e intensas chuvias, pouco poden facer dende a confraría. Ás veces, o tempo é o mellor aliado pero tamén o peor inimigo. Solís recoñece que as altas precipitacións, cun dos outonos máis chuviosos dos últimos anos, foi o factor clave que determinou as altas taxas de mortalidade do berberecho; o marisco que máis contribúe á facturación da confraría. Malia a incapacidade de actuar ante as circunstancias climáticas, hai outro factor en xogo que empeora a situación e diminúe aínda máis os niveis de salinidade. “A oito quilómetros está a presa do Tambre. Nós temos instaladas dende o verán dúas estacións hidrográficas nos bancos marisqueiros. Iso permítenos controlar a salinidade a cada hora e como vai variando”, explica Solís, dando conta de que estas estacións permiten relacionar os baixos valores coa apertura da presa.
“Hai datos hidrográficos cos que se poderían calcular caudais máximos da presa para que non afectasen á salinidade do marisco”
LILIANA SOLÍS, bióloga
“É fundamental que se xestione ben a presa porque é unha das causas dos baixos niveis de salinidade. Cando hai desaugamentos, pode manterse en valores próximos ou que acaden o 0%”, apunta Solís. Segundo continúa explicando a experta, cando non abren apresa, a salinidade flutúa coas mareas e, aínda que o marisco poida estar estresado se hai baixa salinidade, ten auga salgada durante varias horas. Porén, cando o caudal da presa é moi alto e a abren, a marea xa non pode contrarrestar a corrente do río. Solís cre que debería facerse un proxecto coa vontade da empresa xestora e de Augas de Galicia. “Están establecidos os caudais mínimos, pero non os máximos. Dado que hai datos hidrográficos, poderíanse calcular os caudais máximos da presa para que non afectasen á salinidade do marisco”, sostén. E engade: “Actualmente, o que prima é a produción eléctrica, non o que pasa río abaixo”.
Na ría de Muros e Noia están algúns dos bancos marisqueiros máis importantes de Galicia, salientando o berberecho. Na confraría están autorizadas preto de 2.000 persoas e traballan arredor de 1.600, segundo os datos proporcionados pola bióloga da zona. Polo tanto, todas elas se están vendo prexudicadas por este paro da campaña, sen que as previsións sexan boas de cara á apertura de setembro. De todas formas, esta non foi a única mala temporada. Solís lembra que o 2000 foi un “ano nefasto”, tamén pola forte baixada da salinidade. “Os invernos chuviosos condicionan as seguintes campañas e isto combínase con malos recrutamentos por condicións climatolóxicas. Xúntase todo”, lembra, e conclúe: “Pero si, houbo anos moi malos”. E un deles, é este.
As ameixas, as outras ameazadas
O berberecho non é o único marisco seriamente ameazado polos niveis de baixa salinidade, rexistrando altas taxas de mortalidade na ría de Muros e Noia. As ameixas tamén se viron afectadas, rexistrando unha redución do 54% da xapónica de talla comercial. “Sería á especie á que se podería acoller a confraría, dada a situación do berberecho, pero o stock tampouco é suficiente”, explica Solís. En canto ás outras especies de ameixas, como a fina e a babosa, atópanse en “densidades de regresión”. A fina, por exemplo, ten unha mortalidade de cría do 88% e un crecemento moi lento, posto que tarda catro anos en acadar a talla comercial. A babosa, por outra banda, é unha especie moi vulnerable á baixa salinidade e cos últimos invernos chuviosos non se deu recuperado, segundo apunta Solís. “A babosa non está peor do que estaba, pero segue en densidades de poboación moi baixas. Ante esta situación, non se aconsella reanudar a campaña”, conclúe a bióloga.