Publicidade

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

Xeracións e xeracións de noieses compraron e enfornaron pan, empanadas e outros alimentos no forno da rúa Condesa. O Forno de Patricio —o nome que tiña cando pechou as súas portas definitivamente no ano 2020— é parte da historia da vila. Mais, é un forno medieval como se publica no portal no que está á venda ou aluguer?  “Que estaba en funcionamento hai 200 anos, seguro. Antes, moi probable. Porén, faltan estudos detallados para responder a esa pregunta” sinala Ana Filgueiras, arqueóloga municipal de Noia, que está a realizar un informe histórico-urbanístico do inmoble.

Con todo, sinala Ana Filgueiras, que tamén é responsable da Oficina de rehabilitación do centro histórico de Noia, “existen datos e contexto que avalarían a orixe medieval do establecemento”. “É unha construción tradicional de pedra, en pleno centro histórico de Noia. Ademais, no parcelario medieval aparecen varios fornos concentrados na mesma zona. Desenvolve unha actividade gremial moi valorada na época e o inmoble nunca foi utilizado como vivenda, o que é unha garantía de continuidade” enumera.

Publicidade

Fronte aos fornos particulares (privados), existían os fornos comunitarios (públicos), nos que non só os panadeiros amasaban e enfornaban, tamén a veciñanza podía levar a masa preparada do pan ou das empanadas, con ou sen recheo, para enfornala, quentar comida ou, no caso de Noia e outras vilas mariñáns, levar a roupa dos mariñeiros para secar. Esta prestación comunitaria —a de enfornar empanadas preparadas na casa ou determinados pratos— mantívose ata hai poucas décadas en toda Galicia e hoxe en día, aínda perdura nalgunhas panaderías.

Os vendedores ofrécense a ensinar o oficio

Tal e como recolle o anuncio de venda do forno medieval de Noia, en realidade trátase dun pequeno inmoble de dúas alturas. Un baixo, no que está o forno de pedra, de oito metros cadrados de superficie e un primeiro andar, utilizado como depósito de leña. En total 90 metros cadrados.

Os propietarios buscan comprador (ou rendeiro) pero tamén se ofrecen para transmitir os seus coñecementos co fin de que a actividade continúe. “Estamos dispostos a ensinarlle a forma de traballar e todos os segredos deste forno de leña artesán”, subliñan no seu anuncio. Unha proposta que esconde un dobre obxectivo: manter viva unha maneira tradicional de traballar e preservar a memoria dun pobo, que se tece tanto con grandes acontecementos como coa vida cotiá. 

Chegan a expor un posible uso alternativo: manter o establecemento que deu a comer a tantas e tantos noieses cun fin educativo. Unha proposta que queda no aire por se alguén, particular ou institución, quere recoller a luva.

Protección BIC

O forno está situado en pleno centro histórico de Noia, o que quere dicir que está suxeito ás esixencias derivadas do Plan de protección urbanística especial que arroupa este conxunto urbano, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1985.

Neste marco, o informe que está en marcha na Oficina de rehabilitación do casco histórico de Noia inclúe: a contextualización da zona, as características do inmoble, as licenzas municipais baixo as que operou, etc. “Canto máis saibamos do forno, da súa historia, valor patrimonial, etc., poderemos avaliar e aconsellar, con menos posibilidades de erro, o que se pode facer á hora de abordar o seu futuro” sinala Ana Filgueiras.

A localización, preservación e posta en valor do patrimonio de Noia e do conxunto de Galicia preocupa e ocupa a Apatrigal, asociación á que tamén pertence a arqueóloga municipal noiesa. Utilizan as súas redes sociais para denunciar agresións ou situacións de abandono, facerse eco de achados, actuacións destacadas a prol do patrimonio ou “curiosidades” como, por exemplo, a venda dunha vivenda familiar que é parte do mosteiro cisterciense de Montederramo ou o caso deste forno medieval, que non dubidan en cualificar como “xoia patrimonial”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

Labores forestais causan un “grave impacto” nas mámoas protexidas de Penarrubia, en Lugo

Adega e Mariña Patrimonio denuncian ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o dano provocado polos traballos de corta nos xacementos arqueolóxicos

Atopan no convento de Santa Clara unhas pinturas murais do século XVI “únicas”

Un dos maiores expertos en pinturas murais asegura que o achado en Santa Clara "non o hai en ningún outro lugar"

Adega demanda a paralización dun parque eólico por danos a un glaciar rochoso único

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia denuncia o impacto que o proxecto Ruña II, que está a desenvolverse en Mazaricos, tería nun elemento xeolóxico singular dentro da comunidade