O can de palleiro: a raza galega que busca ser excepción na Lei de Benestar Animal

A normativa prohíbe a cría a particulares, o que exclúe ás asociacións que traballan sin ánimo de lucro para dar continuidade ás especies autóctonas

A Lei de Benestar Animal entrou en vigor o pasado 29 de setembro. A normativa prohíbe a cría de cans a todo aquel que non sexa un profesional autorizado que conte con núcleos zoolóxicos: establecementos rexistrados que aloxen animais. Isto anula a actividade das asociacións que procuran a consolidación das razas autóctonas posto que a maioría son particulares, como no caso da cría de can de palleiro en Galicia. Dende o Club de Raza Can de Palleiro teñen claro que, de non modificarse a lei, a especie galega desaparecerá. A Xunta de Galicia pediu ao Ministerio de Dereitos Sociais que se reformule a nova lei. Os técnicos estatais están estudando unha excepción na que se incluiría ao can de palleiro e outras razas autóctonas. Mentres que está aberto o diálogo, o número de camadas e nacementos experimenta un descenso, algo que pode agravarse pola inquedanza xurídica.

Club de Raza Can de Palleiro mantivo unha reunión co goberno galego para transmitir a súa situación. Dende o seu punto de vista, esta raza sobrevive en Galicia grazas ao traballo daqueles “non profesionais” que fan camadas á súa cadela. “Débese contemplar que se fai con estes criadores, senón a raza desaparecerá”, apuntan dende a organización. Os cans véndense posteriormente a un prezo “simbólico” para cubrir os “custos básicos”, como alimentación, o microchip ou as vacinas. Isto tamén queda prohibido por lei, de maneira que só os profesionais, as tendas especializadas ou centros de protección animal poden vender animais.

O can de palleiro é un perro pastor e de garda. A doutora en Veterinaria, profesora da USC e responsable do servizo de Medicina do Comportamento no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, Ángela González, explica que este animal de compañía estaba concebido para o exterior das casas. Agora, en cambio, o número máis elevado de cans que se teñen é de mascota e non tanto para o traballo gandeiro. Co cal, o palleiro foi substituído por razas estranxeiras, que se consideraron “mellores” polo feito de “ser de fóra”, apunta González.

“A raza está en perigo de extinción, agora ben, hai que ser sensatos. Agora mesmo o número de abandono de perros é brutal, estase mirando cara o estranxeiro porque non hai sitio aquí”, apunta González. En opinión da veterinaria, a nova lei contempla de maneira lóxica o “regulamento”, con todo, a normativa esixe o núcleo zoolóxico. “Piden canceiras para os cans, pero iso vai en contra dunha cría responsable, que non ten nada que ver con meter a un can nun canil”, sostén.

Ademais disto, González sinala que é importante tomar medidas para non ter unha cría descontrolada: “Unha cadela críase unha ou dúas veces, nada máis”. Para ela, as asociacións de razas autóctonas fan un bo traballo, e non aquelas persoas que, de maneira individual, deciden facer negocio coa venda de animais en aplicacións. “A regulación ten que ir encamiñada a algo pequeno. As instalacións que esixe a lei son unhas das principais queixas porque ninguén quere meter ao seu can cun canil. Non se debe”, apunta.

A asociación galega de can de palleiro está activa dende 2002 e rexistrou 2.841 exemplares. Despois de emitir alegacións ao articulado da lei, o club dirixiuse á Xunta de Galicia, coa que mantiveron un encontro na pasada asamblea e trasladaron as súas preocupacións. “Non facemos negocio cos cans, non se poñen á venda. É unha negociación entre particulares e é necesario que a lei contemple esta situación”, apuntan dende a asociación. Patrimonio Natural trasladou ao Ministerio que as novas obrigas sobre a inscrición no rexistro de criadores e animais reprodutores poden impactar negativamente na evolución dos exemplares de can de palleiro.

Polo momento, a Xunta mantén abertas as negociacións co executivo central, ao que solicitou tamén “harmonizar” a nova lei coa normativa do Goberno galego, ao considerar “desproporcionadas” algunhas sancións. Belén do Campo, directoria de Patrimonio Natural, trasladou ademais que a maioría das inquedanzas cidadás sobre a lei residen na “incineración das mascotas e a posibilidade de enterrar os seus restos; a identificación inicial dos animais de compañía e o procedemento para comunicar unha baixa; a obrigatoriedade do seguro de responsabilidade civil; e a falta de concreción con relación ás especies exóticas ata a aprobación definitiva da listaxe correspondente”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Se a lei vai en contra da pervivencia dun can marabilloso coma o can ( non
    perro) de palleiro .
    O palleiro hai que salvalo , por bo e por noso .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Remata a tempada de caza, comeza a do abandono de cans

O informe 2022 da Fundación Affnity cifra en case 22.000 o número de animais usados para fins cinexéticos abandonados en España

Pode o palleiro converterse nun can guía? A nova aposta para salvar a raza autóctona galega

A Fundación Perro Guía da ONCE arrinca un proxecto para poñer a proba se o cadelo por antonomasia do agro galego pode axudar a persoas invidentes

O achado do óso dun can proba que a especie foi domesticada hai máis de 17.000 anos

Investigadores da Universidade do País Vasco identificaron un úmero canino prehistórico na cova de Erralla que se corresponde cun exemplar de hai 17.000 anos

Estes son os danos que provocan as vagas de calor na saúde animal

Expertos galegos indican que varias especies sufriron queimaduras, golpes de calor e incluso a morte derivada das altas temperaturas