Pode o palleiro converterse nun can guía? A nova aposta para salvar a raza autóctona galega

A Fundación Perro Guía da ONCE arrinca un proxecto para poñer a proba se o pastor por antonomasia do agro galego pode axudar a persoas invidentes

Dous cans de palleiro da Fundación Perro Guía no metro de Madrid | Mario Fernández

Unha das equivocacións máis estendidas no imaxinario de galegos e galegas é a que confunde o can de palleiro co can mestizo. É complexo debullar as causas que fixeron que a raza autóctona galega de can por antonomasia chegase a tal punto de desconexión popular. Sexa como for, a comezos do século XXI, este can pastor endémico de Galicia atopábase en perigo de extinción. Cun horizonte pouco esperanzador condicionado pola mestizaxe sen control no país, en 2002 creouse o Clube Raza Can de Palleiro para tratar de rescatalo. Agora, vinte anos despois, o palleiro atópase fronte a unha segunda oportunidade que podería consolidar a súa salvación: a Fundación ONCE vén de arrincar un proxecto para tratar de convertilo en can guía.

A historia que está detrás deste proxecto é a da unión de dúas necesidades. Por unha banda a da preservación da raza dende Galicia e, pola outra, a da Fundación ONCE de ter cans capacitados para persoas con algún grao de invidencia e con vontade de levar unha vida moi activa. A raza que levan adestrando anos para este cometido é o pastor alemán, pero ten algúns inconvintes. “Os pastores alemáns teñen camadas moi pouco numerosas. E ademais teñen un alto grao de dependencia da persoa usuaria. Iso créalles ansiedade cando saen das familias educadoras”, explia a GCiencia Mario Fernández, coordinador técnico na Fundación ONCE Perro Guía. Mario, ademais, é familia educadora dunha das tres cadelas que acaban de levar dende Galicia á Madrid para iniciar este proxecto piloto.

Velaí, nese contexto de baixa capacidade de cría e no alto rexeitamento que teñen os pastores alemáns pola súa dependencia, foi onde xurdiu a idea. Por que non probar a educar un can de palleiro para ser guía? O temperamento é similar ao do pastor alemán, tamén é atlético e, sobre todo, ten unhas camadas moito máis numerosas. Onde o pastor alemán pode ter dous ou tres cachorros, o palleiro parte de seis ou oito. “É unha raza que está acostumada a vivir á intemperie, pastor de vacas no clima galego… Imaxina a súa dureza”, reflexiona Fernández. Esa xanela abríullela Roberto Seoane, unha das persoas que máis vida lle dedicou ao pastor alemán en Galicia. E Mario, xunto cos compañeiros da fundación, vírono moi acaído.

Primeiras probas cos cans de palleiro no Metro de Madrid. | Mario Fernández

Os testes de temperamento

Cando a Fundación ONCE Perro Guía se puxo en contacto co Clube Raza Can de Palleiro a proposta foi moi ben acollida. E dende Galicia convidaron aos técnicos da ONCE a presenciar probas de temperamento na que ir perfilando e entendendo as características da raza galega. Nestas probas, nun recinto pechado fanse probas para ver a reacción dos cans ante diferentes estímulos e contextos. Xente correndo cara eles, ruídos fortes… “Aí pode verse a seguridade do can. Se reacciona ladrando, amosando os dentes, ou simplemente nin se inmuta”, engade. A responsable de calidade do departamento de instrución da fundación, Cristina Ruíz, e Mario Fernández quedaron encantados co que viron nesas probas.

O cachorro can de palleiro que acompaña a Mario Fernández

“Un can guía tense que saber comportar incriblemente ben e calquera situación e iso é un reto”, explica Fernández. “Estea onde estea non pode destruir nada, non pode ladrar e non lle pode facer caso aos outros cans cando está traballando. Logo, cando non está, é un can normal”, engade. Certamente, é un traballo moi complexo. “Por exemplo, na última fase, a un can guía apréndeselle a calcular un obstáulo aéreo para a perspectiva do seu usuario. Ten que calcular a altura do usuario, a do obstáculo e decidir, mentres hai outra xente ao seu redor, que facer”, argumenta Fernández. Outra desas tarefas de alta complexidade é o concepto desobediencia intelixente e fai referencia a un animal de asistencia adestrado que é capaz de ir directamente en contra das instrucións do seu dono no seu esforzo para tomar a decisión correcta para a súa axud: “Por exemplo, se ao cruzar unha rúa vén cara eles un coche eléctrico que o usuario non está a escoitar”.

Loitar contra a extinción

As razas animais son unha “creación” do ser humano. No caso das autóctonas, isto tradúcese na adaptación ao medio e a funcionalidade buscada, o que determina a selección dos exemplares máis apropiados. O can de palleiro non é unha raza artificial xerada a partir do cruzamento con outras razas xa existentes, como moitas das que se crearon no século pasado. Iso si, foi necesario definila en base ás características dos individuos estudados, seguir seleccionando os mellores exemplares pola súa funcionalidade e morfoloxía, cruzalos en pureza racial mantendo a variabilidade xenética, e rexeitando e eliminando as influencias doutras razas para recuperar e consolidar esta xoia do patrimonio natural.

Nas análises do Banco Global de Datos de Recursos Xenéticos de Animais da FAO, as razas son clasificadas en sete categorías: desaparecida, crítica, en perigo, críticamantenida, en perigo-mantida, non en perigo e estado descoñecido. A clasificación está baseada no tamaño total da poboación, o número de femias reprodutoras e a tendencia da evolución do número de individuos (crecente, decreciente ou estable).

Se unha raza está no límite de dúas categorías, considéranse outros factores, como o número de machos usados en IA (inseminación artificial), o número de dose de seme ou o número de embrións acumulados e o número de rabaños. Outro factor tomado en conta é a existencia dun programa de conservación.

Neste sentido, a raza can de Palleiro, aínda non conta co número óptimo e desexable en canto ao seu censo (actualmente ten a consideración de protección especial ou en perigo de extinción no catálogo das razas españolas), e comparte características semellantes con outras razas do mesmo tronco tipo lupoide, algunhas definidas con anterioridade (que non significa que sexan máis antigas) e outras en proceso de estudo.

A historia da raza

Polo de agora, este é un gran paso para seguir loitando pola recuperación do can de palleiro. Segundo os datos que manexan na Xunta de Galicia, remitidos polo propio clube, agora mesmo hai arredor de 2.300 exemplares. E non só iso: máis de cen animais están fóra de Galicia, o que podería apuntar a un espallamento da raza máis alá das nosas fronteiras. Polo de pronto, todo indica que a raza se vai recuperando. Todo empezou nos 90, cando por iniciativa da Xunta de Galicia se apostou por describir un estándar de raza. E logo afirmouse co labor do clube, que é o verdadeiro gardián do can de palleiro.

O can de palleiro é unha raza autóctona galega.
O can de palleiro é unha raza autóctona galega.

Segundo apuntan no estudo Study of Behavioural Traits in Can de Palleiro (Galician Shepherd Dog) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Rof Codina, os antepasados destes animais eran, probablemente, nativos de Galicia, sendo importados durante o Paleolítico. Polo tanto, esta raza comparte certos capítulos da súa historia con outro tipo cans, como os pastores alemáns, os belgas, os holandeses ou os portugueses.

Aquí, en Galicia, o can de palleiro foi propio das zonas rurais para desenvolver esas funcións propias dos cans de aldea: o pastoreo e a vixilancia das casas. E iso de ser “de palleiro” non deixa de facer alusión ao lugar onde durmían. Xa a mediados do século XX se produciu unha redución significativa de exemplares que, agora, con iniciativas coma esta, estáse tratando de reverter.

Capacidade de adestramento

Outro dos trazos que revela o estudo é que os cans de palleiro teñen maior capacidade de adestramento ca outras razas. Isto, xunto a un menor medo cara ás persoas descoñecidas, indica que son cans moi apropiados para o pastoreo e a vixilancia. “De feito, sempre se usaron para este tipo de labores. Ademais, son cans tranquilos, no sentido de que son pouco excitables, aínda que precisen de moita actividade física como calquera can de traballo”, puntualizaba nesta entrevista en GCiencia Ángela González-Martínez, unha das asinantes do estudo. Polo tanto, aínda que sexa un can activo non vai ladrar por calquera motivo nin adoita ter problemas de comportamento.

“Todas estas características mostran que o can de palleiro ten un temperamento moi estable, que era o que defenía o propio estándar de raza”, indicou a investigadora. Mais isto non significa que estes animais non teñan unha conduta predadora moi marcada, algo habitual nas razas de pastoreo. “É normal que teñan esta tendencia. Mentres que o predador vai á espreita, sae detrás da présa, mórdea e mátaa, os cans pastores poden atenazar, pero sen facer dano“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.