Amparo Alonso: “A axencia da Coruña fará de Galicia pioneira en intelixencia artificial”

“O obxectivo é fomentar unha IA ao servizo das persoas e respetuosa dos seus dereitos”, afirma a catedrática da UDC, referencia da candidatura coruñesa

Amparo Alonso, enxeñeira química especialista en intelixencia artificial.

A recente decisión do Goberno de España de situar a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) na Coruña supuxo unha celebración a todos os niveis, posto que se prevé un impacto beneficioso non só a nivel de oferta formativa e fomento da investigación, senón tamén no que respecta ao emprego, á demografía e ao sector do emprendemento.

Amparo Alonso, enxeñeira química, é catedrática na Universidade da Coruña (UDC) e está especializada en intelixencia artificial. Coordinadora do grupo de investigación LIDIA, un laboratorio de I+D neste campo, foi unha das principais referencias da candidatura coruñesa.

—Que significa para A Coruña en concreto e para Galicia en xeral a decisión de situar aquí a sede da AESIA?

—Baixo o meu punto de vista é un recoñecemento ao labor que vimos facendo. Pouco a pouco, todo o ecosistema de innovación e de investigación galego foi medrando. A UDC puxo as primeiras sementes porque na Facultade de Informática contamos cunha especialización en intelixencia artificial. Evidentemente despois sumouse o resto do sistema universitario galego coas súas propias contribucións: máis oportunidades para cursar unha enxeñaría informática e tamén outras enxeñarías afíns como telecomunicacións ou a industrial. Como digo, pouco a pouco foise creando este tecido innovador, tamén no eido empresarial, e ademais é relevante a nivel nacional, polo que eu considero esta decisión como un recoñecemento a este labor que levamos facendo todos desde hai 30 anos, cando se comezou a impulsar este sector. Poderíamos dicir que dalgunha maneira é un premio e estamos moi contentos e orgullosos del.

—Alén, a AESIA será un modelo para outros países de Europa e do mundo en xeral?

—Exacto. Esta é unha axencia de supervisión da intelixencia artificial. É bastante relevante porque se temos en conta que os grandes hubs internacionais no que respecta á intelixencia artificial son Estados Unidos, China e Europa, esta última foi a primeira que comezou a falar da privacidade, dos dereitos das persoas, dunha intelixencia artificial ética. É dicir, que non se trata só de ter un ecosistema de excelencia con grandes empresas como pode ter Estados Unidos nin con grandes recursos económicos como ten China, que tamén ten grandes empresas, senón tamén de crear un ecosistema de confianza onde esa intelixencia artificial estea ao servizo das persoas e respecte os seus dereitos.

—Polo tanto, a sede que se implantará na Coruña será a proba de que isto é posible?

—A Unión Europea ten unha regulamentación proposta e España propuxo ser o campo de probas destas normas, por dicilo dalgunha maneira. Entón, España converteuse no primeiro país que vai implantar unha axencia de supervisión da intelixencia artificial. De feito a intención é facer un informe sobre a posta en marcha da regulamentación e das experiencias que teñamos con esta axencia cando lle toque a presidencia da Unión Europea no ano 2023, porque vai ser a primeira experiencia no mundo sobre estes aspectos. É algo moi relevante porque non falamos só de ser pioneiros en España nin en toda Europa. A AESIA sitúa a Galicia no mapa como pioneira no mundo da intelixencia artificial.

“A axencia afianzará as titulacións que xa existen e pode que se creen novas especializacións relacionadas coas ciencias sociais”

—Sen dúbida pode supoñer un foco de atención para fomentar novas formacións ou impulsar outros proxectos relacionados.

—A AESIA será unha axencia multidisciplinar polo que non soamente estamos falando de enxeñeiros especializados en intelixencia artificial. Hai que ter en conta o seu papel como axencia de supervisión polo que tamén terá en conta aspectos como cando unha aplicación está preparada para saír ao mercado, que tipo de normativa debe cumprir, etcétera. Terá que contestar preguntas moi complexas e para isto serán necesarias outras disciplinas relacionadas coas ciencias sociais e as humanidades, porque a intelixencia artificial non só se compón de partes tecnolóxicas. Na Coruña contamos coas titulacións de Enxeñaría Informática; Ciencia e Enxeñaría de Datos, da que este ano sairá a primeira promoción; Intelixencia Artificial, e tamén algúns mestrados relacionados: Bioinformática para Ciencias da Saúde, Informática Industrial e Robótica, Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial… Baixo o meu punto de vista situar a axencia na Coruña afianzará aínda máis estas titulacións e pode que ata se creen algunhas novas especializacións, por exemplo, en relación con ciencias sociais como a filosofía ou a socioloxía.

—Cales son os próximos pasos?

—Non o sei con total seguridade, mais a axencia xa ten unha dotación económica que foi publicada no Boletín Oficial do Estado, 5 millóns de euros. Esta dotación ademais xa está contemplada nos presupostos de 2022, polo que a partir de agora comezará a poñerse en marcha o proceso da axencia e a dotala das primeiras persoas que se farán cargo dela. Polo que eu sei, este será un número relativamente importante, aínda que non excesivo. Calculo que o persoal inicial estará composto por arredor de 70 ou 80 traballadores.

—É dicir, que a posta en marcha da AESIA é case inminente.

—Claro. Eu imaxino que será o antes posible, quizais cuestión de semanas ou uns poucos meses. Hai que ter en conta que España quere facer un informe no ano 2023, polo que o comezo do funcionamento non pode demorarse moito máis. Ademais, na candidatura que se presentou, pedíase que a sede estivera disposta para funcionar e A Coruña propuxo A Terraza, un edificio que está situado no centro da cidade e que conta cunha boa conexión tamén de transporte público. Hai tempo que non o vexo por dentro, polo que tampouco sei exactamente se precisa algúns arranxos, mais non dubido de que en breve poidamos ver a posta en marcha da axencia.

1 comentario

  1. Albricias !
    Parece que Madrid deixa timidamente de ser o centro de todo . Haber se por fin comeza un proceso de descentralización serio e en serio .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.