Venres 19 Abril 2024

Amparo Alonso: “É más fácil eliminar os nesgos de xénero do algoritmo que das personas”

A experta en intelixencia artificial reflexiona sobre a importancia da igualdade no ciclo Ciencia en Feminino, impulsado por GCiencia e a Deputación de Pontevedra

“O curso pasado a media nacional de mulleres estudantes nas facultades de informática era do 13%, unha cifra súper baixa. Este ano superamos por pouco o 16% e aínda así hai que dicir que xa estivemos peor, preto do 10%. Hai unha fenda importante e é fundamental que intentemos resolvelo porque a informática é unha disciplina que está configurando o futuro e temos que estar aí para opinar sobre como queremos que sexa ese futuro“.

Así fala Amparo Alonso, enxeñeira química especializada en intelixencia artificial,  coordinadora do grupo de investigación LIDIA, un laboratorio de I+D neste campo na Universidade da Coruña (UDC) e recoñecida co Premio María Josefa Wonenberg 2020, en conversa con GCiencia no marco do ciclo Ciencia en Feminino en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Publicidade

Dende os nove anos

Para Alonso, esta importante fenda nas carreiras STEM ten que ver fundamentalmente cunha cuestión educacional: “Hai estudos que din que as nenas aos nove anos xa senten que non son competentes en temas de matemáticas e de tecnoloxía. E é curioso, porque eses mesmos estudos din que eles teñen as mesmas notas ca eles, ou mellores, nesas disciplinas. Isto evidencia que temos un problema na educación, queremos que sexa igual para todos e todas e non o estamos conseguindo dalgún xeito”.

Neste sentido, a visibilización que se está levando a cabo nos últimos anos supón un empuxe para as vocacións científicas das mulleres, xa que como ela mesma explica, “é difícil querer ser o que non sabes que existe, e a mestura destes elementos cos estereotipos asociados a homes e mulleres acaba provocando que as nenas non esperten esa vocación. Cando dicimos ‘princesa’ e ‘campeón’ xa estamos dicindo o que esperamos das nenas e dos nenos”.

Vivencias propias

Precisamente, o caso de Amparo Alonso non é un excepcional. Aínda que a súa vocación científica e investigadora espertou moi cedo, é capaz de poñer diferentes exemplos da súa vida que ilustran como é esta carreira para as mulleres. “Eu teño un irmán e el escolleu a vía das humanidades e a arte, pero o ordenador na miña casa estaba na habitación del, non na miña. E era a min a quen me gustaba a ciencia e a tecnoloxía”, explica. Aínda así, na súa casa sempre a animaron a facer o que quixera, polo que puido desenvolver a súa curiosidade e puido chegar a especializarse no que a apaixoaba.

Agora que xa é nai, tamén pode ver como isto se traduce nas experiencias dos seus fillos: “O menor estábame falando dun compañeiro que empezou o curso e xa puxo no seu currículo que era experto en determinada cousa. As mulleres non facemos ese tipo de cousas habitualmente. A ambición é unha característica positiva nun home, pero nas mulleres ten unha connotación negativa“.

Cuestión de privacidade

A intelixencia artificial chegou a todos os ámbitos da vida, dende o desbloqueo dos móbiles coa pegada dixital ata as aplicacións de GPS que recalculan a ruta pasando polas recomendacións de películas segundo as túas anteriores visualizacións. De feito, na pandemia foi unha ferramenta chave: “Un sistema detectou que había un problema cun virus estraño, aínda que non sabía cal era, pero prediciu con moita precisión como se ía expandir. Un dos motivos polos que tivemos as vacinas tan rápido é que a intelixencia artificial puido axudar a escoller cales eran os mellores compostos“, manifesta Alonso.

“Cada vez ímonos preocupar máis, e debería preocuparnos, o dereito á privacidade”

Aínda así, a investigadora tamén recoñece determinados aspectos que hai que coidar á hora de desenvolver sistemas de intelixencia artificial: “Hai aplicacións que deberían vixilarse ou directamente prohibirse como o deseño de armas autónomas ou a vixilancia en masa, que xa existe en varios países. Imaxina que as compañías de seguros puideran ter acceso aos teus datos de saúde. En Europa este tipo de cuestións están prohibidas e é algo que vai calando tamén a nivel internacional. Cada vez ímonos a preocupar máis, e debería preocuparnos, o dereito á privacidade“. 

Nesgos no algoritmo

“Moitos dos nesgos aparecen porque os algoritmos de machine learning traballan con datos do mundo real”. Así explica Alonso os diferentes escándalos que xurdiron arredor de ferramentas que empregaban esta tecnoloxía como as de recursos humanos de Amazon, que só seleccionaban homes porque ao ver poucos currículos de muller entendían que os primeiros eran mellores; ou as de sistemas que utilizan traducións do inglés empregábase o masculino xenérico en lugar dunha tradución dobre que impedise a discriminación. “É todo un tema porque a maioría dos investigadores que traballan nisto son homes de raza branca e esta pouca diversidade xeral nos equipos leva a considerar que iso é o normal, cando hai moitas normalidades aí fóra”, engade.

“O importante é darse conta de que eses nesgos existen e traballar para solucionalos”

Así, a investigadora explica un dos casos máis soados neste eido: as ferramentas de asistencia persoal. “Todas tiñan nome de muller e utilizaban unha voz nova, agradable e inclusive submisa. De feito, a UNESCO ten un estudo onde se ve que algunhas das conversas que se teñen con estes asistentes teñen que ver con cuestións sexuais. Agora hai tempo que podes configurar aos asistentes con voz de home ou neutral e as contestacións a ese tipo de cuestións non son de forma coqueta. O importante é darse de conta de que eses nesgos existen e traballar para solucionalos. É máis fácil cambiar o algoritmo que ás persoas“. 

Retos do futuro

No seu grupo de investigación, Alonso ten experiencia aplicando a intelixencia artificial en numerosas áreas. Dende a medicina, cun sistema de monitorización que reduce os riscos no parto predicindo o estado do feto durante a xestación; ata a industria, no eido do mantemento preditivo para coñecer cando van fallar as pezas utilizadas e optimizando os recursos; e mesmo no ámbito das criptomoedas, desenvolvendo un proxecto para detectar falsos perfís e mensaxes sobre estas.

“En Galicia temos a oportunidade de ser unha rexión importante no eido da intelixencia artificial”

Mirando cara ao futuro, a investigadora busca estabelecer unha boa ligazón entre a universidade e as empresas: “En Galicia temos a oportunidade de ser unha rexión importante no eido da intelixencia artificial dentro de España. Temos grupos bastante importantes a nivel nacional e internacional e o ano que vén imos ter un grao dedicado só a isto entre as tres universidades, así como un máster específico. Tamén sería interesante conseguir traer algo de volta dos profesionais que exportamos, querendo ou sen querer. É moi interesante ver que é posible saír de calquera sitio de Galicia e traballar creando a túa propia empresa ou en outras tan grandes como Facebook, Google ou JustEat“.

Xa a nivel global, Alonso mira cara á implantación dunha medicina personalizada, así como unha educación que permita atopar as mellores formas de aprendizaxe para cada crianza; a condución automática ou a loita contra cambio climático.

Máis Ciencia en Feminino

Este ciclo de charlas, que xa contou coa presenza de Mabel Loza e unha mesa de debate arredor da fuga de talentos e a conciliación, rematará o xoves próximo, día 24, cunha mesa redonda sobre os teitos de cristal na investigación.

As convidadas serán Concepción Sánchez Fernández, directora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia; María Luz Loureiro García, catedrática de Economía da USC; Lucía Maneiro, CEO da spin-off galega Psico VR, e Carmela Silva, presidenta da Deputación. Presenta a xornalista Begoña Márquez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado

Un novo modelo de IA afina o diagnóstico e o tratamento das arritmias cardíacas

Un equipo de Barcelona deseña un método que permite fixar con exactitude o lugar de orixe desta afección do corazón
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro