Toda unha década. Ese é o tempo que leva en marcha o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Co gallo da celebración dos seus 10 anos, celebrarase o I Simposio Chemistry at the Frontier os días 30, 31 de marzo e 1 de abril. Un dos convidados ao evento será o galardoado co Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, todo un referente internacional. De feito, esta será a súa primeira visita a Europa dende que recibiu o recoñecemento.
O director científico do Centro, José Luis Mascareñas, puxo en valor os principais indicadores do CiQUS ao longo da súa primeira década, destacando “o seu rápido crecemento e o cumprimento dos máis altos estándares de calidade globais en formación, captación de talento e competitividade, ao obter 11 proxectos ERC, dirixidos por sete investigadores do centro e financiados pola entidade máis prestixiosa do contexto internacional, o Consello Europeo de Investigación”, subliñou o director. Amais disto, outros obxectivos estratéxicos foron a produción científica, cunha media superior aos 100 artigos por ano en revistas de primeira orde como Science ou Nature, así como a transferencia tecnolóxica.
Conta cunha media superior aos 100 artigos por ano
Durante o acto de celebración destes 10 anos, Mascareñas estivo acompañado pola subdirectora xeral de Promoción científica e tecnolóxica universitaria da Xunta de Galicia, María Jesús Tallón Nieto, e polo Reitor da USC, Antonio López. “A boa saúde da que goza o CiQUS, que conta co maior número de investigadores ERC do Sistema Universitario de Galicia, e as boas perspectivas a medio prazo, reafirman a posición de referencia do centro no seu ámbito de coñecemento”, asegurou o reitor.
Áreas e investigación
No que respecta ao funcionamento do centro, as investigacións que levan a cabo no CiQUS organízanse en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica; Materiais Funcionais con Aplicación Tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para un Desenvolvemento Sostible. Mais non son compartimentos estancos, posto que estas áreas interactúan entre si co fin de abordar retos científicos desde unha perspectiva multidisciplinar.
“Facer ciencia de vangarda que impacte na sociedade é parte indisociable da nosa misión. Unido ao importante impacto económico grazas á captación de proxectos europeos de primeiro nivel (ao redor de 14 millóns de euros a través dos ERCs), a transferencia tecnolóxica que logramos nesta década, con numerosas patentes solicitadas (24), cinco delas xa licenciadas para explotación comercial; a creación de catro empresas ( Matprint, MD.Use, Sigillum Knowledge Solutions e CeltarysResearch); e contratos de I+D con oito industrias, dá debida conta da nosa incursión directa no progreso económico e social integral”, apuntou Mascareñas. Tamén destacan os proxectos internacionais de colaboración obtidos durante esta década.
Mascareñas: “Precisamos que a industria galega contrate máis científicos”
Ademais, o CiQUS conta cun equipo multidisciplinar, composto na actualidade por 190 investigadores distribuídos en 18 grupos. “O crecente prestixio internacional que adquiriu o noso centro converteuno en polo de atracción de talento procedente de todo o mundo. De feito, o 25% do persoal investigador, hoxe líderes de grupo, uniuse ao CiQUS a través de programas de captación de talento novo, sen gardar ningunha relación previa con Galicia nin a USC”, expuxo o director científico.
“Neste senso, teñen unha especial significación programas formativos como o Master CHEM Bio&Mat, unha titulación pioneira en España dirixida a mozos de todo o mundo que desexen coñecer a fronteira entre a química, a bioloxía e os nanomateriais. Ademais, o modelo de funcionamento do noso centro inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio da que forman parte, entre outros, ao Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, e que nos anima a seguir traballando baixo os máis altos estándares”, concluíu Mascareñas.
Visita de David MacMillan
O simposio Chemistry at the Frontier reunirá científicos de primeiro nivel. Entre eles, estará David MacMillan, galardoado cun Nobel de Química en 2021. Actualmente traballa na Universidade de Princeton (Estados Unidos) e campartiu o reputado galardón con Benjamin List polo desenvolvemento da organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares. Amais diso, os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril virán destacadas personalidades científicas do panorama internacional como Helma Wennemers da Universidade de Zúric ou Harry Anderson, da Universidade de Oxford. A cita celebrarase no Edificio Fontán da Cidade da Cultura.