Xoves 18 Abril 2024

O CiQUS conmemora unha década na investigación

Para celebrar o aniversario, o centro celebrará o I Simposio Química na Fronteira, ao que acudirán David MacMillan, Helma Wennemers e Harry Anderson

O Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de cumprir dez anos de vida situándose á vangarda da ciencia no ámbito internacional. Por este motivo, o centro celebrará o I Simposio Química na Fronteira nos días 30 e 31 de marzo e o 1 de abril.

A principal misión do CiQUS é desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a persoal científico e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Para iso, foi dotado dunha estrutura organizativa e de xestión innovadora e dun equipo humano interdisciplinario, contando tamén cunha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio e que inclúe ao Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage.

Publicidade

O centro

Nestes dez anos, o CiQUS experimentou un progreso moi notable, evidente nalgúns indicadores obxectivos como o número de proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), que pasaron de un a once nestes dez anos de percorrido. Do mesmo xeito, nesta década o centro conseguiu numerosas patentes, catro das cales xa foron licenciadas, e creáronse catro spin-offs, empresas que xorden ao abeiro da tecnoloxía desenvolvida no centro.

O CiQUS investiga terapias contra a covid, a creación de novos materiais e os encimas artificiais

As investigación organízanse en tres áreas temáticas: química biolóxica e médica, materiais funcionais con aplicación tecnolóxica e tecnoloxías sintéticas para un desenvolvemento sostible. Con todo, estas áreas non son compartimentos estáticos, senón que interactúan entre si coa vontade de abordar retos científicos de alcance dende unha perspectiva interdisciplinaria.

Entre os moitos obxectivos que o centro mantén en marcha están o desenvolvemento de terapias contra a covid, a creación de novos materiais tecnolóxicos e o descubrimento de encimas artificiais. Por outra banda, nestes momentos o CiQUS conta con máis de 180 persoas de diferentes nacionalidades divididas entre os 18 grupos de investigación que desenvolven estes proxectos.

O simposio

O simposio organizado para conmemorar este décimo aniversario terá lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e permitirá reunir a científicos de primeiro nivel procedentes de diferentes países.

Os convidados ao encontro organizado polo CiQUS serán David MacMillan, Helma Wennemers e Harry Anderson

Entre eles, destaca a presenza de David MacMillan (Universidade de Princeton), un químico galardoado co Premio Nobel de Química 2021 xunto con Benjamin List polo desenvolvemento da organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares. MacMillan tamén participará no programa de divulgación científica da USC e do Consorcio de Santiago ConCiencia.

Outras personalidades que acudirán ao encontro son Helma Wennemers da Universidade de Zurich e Harry Anderson da Universidade de Oxford, referentes nas áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representando a aposta do centro polo talento novo e a equidade de xénero.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno