O cancro de páncreas é un tipo de cancro relativamente raro, pero as taxas de supervivencia son bastante baixas, supoñendo un dos máis letais. No Reino Unido, estímase que tan só unha de cada catro persoas sobrevivirá un ano ou máis despois do seu diagnóstico mentres que en España representa a terceira causa de morte por cancro, por detrás do de pulmón e de colon. Unha das principais razóns disto é o diagnóstico tardío, xa que os síntomas son difíciles de detectar e poden aparecer cando a enfermidade xa está nun estadio avanzado.
No estudo máis completo a día de hoxe sobre a influencia do microbioma no cancro de páncreas, investigadores do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), liderado por Núria Malats, e do Laboratorio Europeo de Bioloxía Molecular (EMBL) en Heidelberg, liderado por Peer Bork, atoparon unha firma molecular de 27 microorganismos en mostras de feces que poderían predicir se os pacientes teñen un alto risco de adenocarcinoma ductal pancreático, o cancro de páncreas máis común, e inclusive diagnosticar aos pacientes nunha etapa máis temperá.
A investigación
Neste estudo, recentemente publicado na revista Gut, os investigadores seleccionaron 136 individuos: 57 pacientes que acabaran de ser diagnosticados, 50 no grupo de control e 27 pacientes con pancreatite crónica. Todos os grupos foron profundamente caracterizados a niveis epidemiolóxicos e clínicos, incluíndo mostras de saliva, feces e tecido pancreático para posibilitar a análise do microbioma. Os suxeitos foron seleccionados do Hospital Ramón y Cajal (Madrid) e o Hospital Vall d’Hebron (Barcelona).
Así, os autores do traballo puideron controlar variables clínicas e demográficas na análise realizada, evitando os nesgos asociados aos múltiples factores de risco que presenta esta enfermidade: diabetes, obesidade, consumo de tabaco ou alcol, idade, grupo sanguíneo, pancreatite crónica e historia familiar de cancro.
A detección e o diagnóstico temperán pode axudar na investigación de novas curas e tratamentos
O equipo científico baseouse na crecente evidencia de que o microbioma está relacionado co desenvolvemento do cancro e, ao contrario do que se pensaba, os microorganismos fecais resultaron dar máis información que os orais.
De feito, para os investigadores este é o enfoque fundamental: a detección e o diagnóstico temperán para iniciar novas curas contra o cancro, así como para o desenvolvemento de tratamentos. Precisamente, as limitadas opcións terapéuticas que existen son outra causa da elevada mortalidade que ocasiona este tipo de cancro.
Biomarcador
Actualmente, os programas de detección están dirixidos a familias con antecedentes de cancro de páncreas, que representan só o 10% da carga da enfermidade. Segundo os propios investigadores deste novidoso estudo, a inclusión nestes programas de cribado dunha análise de feces para identificar a firma microbiana podería axudar a detectar ao resto da poboación en risco.
É necesario levar a cabo máis estudos para determinar se este perfil microbiano é específico do cancro de páncreas
Esta firma foi validada nun estudo independente levado a cabo en dous hospitais alemáns e en 5.792 metaxenomas fecais procedentes de 25 estudos de 18 países e actualmente está sendo estudada en poboación xaponesa. Aínda así, os investigadores insisten na necesidade de realizar máis estudos para determinar se o perfil microbiano é específico do cancro de páncreas ou é compartido con outros tipos de cancro.
Polo momento, solicitouse unha patente para desenvolver un kit de diagnóstico de cancro de páncreas que detecta estes xenomas microbianos en mostras de feces de forma rápida, non invasiva e asequible.
Referencia: A faecal microbiota signature with high specificity for pancreatic cancer (Publicado en Gut)