Venres 29 Marzo 2024

Galicia é a terceira comunidade con máis mulleres nas empresas tecnolóxicas

Aínda quedan tarefas pendentes para solucionar a fenda de xénero como son os postos directivos, os salarios ou os empregos alternativos á formación STEM

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMIGA) vén de comunicar os resultados dun estudo realizado co obxectivo de coñecer a inserción laboral do sistema universitario galego. As conclusións confirman que o 43,06% das empresas que empregan especialistas en tecnoloxía na comunidade contratan mulleres con esta formación.

Así, Galicia é a terceira comunidade española con maior porcentaxe de empresas con persoal de formación tecnolóxica que contratan mulleres, xa que a cifra galega só e superada por Madrid, cun 44,26%, e Estremadura, cun 43,94%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatísica (INE).

Publicidade

Do mesmo xeito, o OSIMIGA destaca que a porcentaxe de mulleres que se manteñen empregadas en especialidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos dous primeiros anos tras obter o título é dun 83,9%, lixeiramente superior á de homes, que é dun 83,3%.

Tarefas pendentes

A pesar da perspectiva de inserción laboral nos sectores tecnolóxicos, o observatorio tamén fai fincapé en que unicamente o 20% dos 3.660 empregos creados entre 2015 e 2020 foron ocupados por mulleres. Isto contrasta co crecemento do emprego nese mesmo período, que foi dun 23%.

As mulleres son minoría nas funcións tecnolóxicas, pero maioría nas administrativas

Esta fenda de xénero tamén se ve reflictida no feito de que nas empresas de tecnoloxía soamente o 1% das mulleres ocupa postos directivos, fronte ao 5,8% de homes. Atendendo ás funcións que desenvolven nas empresas, só o 14,7% das mulleres están dedicadas a funcións tecnolóxicas, fronte ao 49,3% de homes. A tendencia desta última estatística comeza a invertirse cando se trata de funcións non especificamente tecnolóxicas, como no caso das administrativas, onde a presenza de mulleres é do 16,2%, superando ao 13% dos homes.

Tendo en conta as empregadas no 2020, con respecto ao 2019, o número de traballadoras no sector tecnolóxico afiliadas á Seguridade Social mantívose estable, mentres que o número de homes foi incrementado.

Salarios e outros empregos

En Galicia, a porcentaxe de tituladas nas carreiras STEM é moi inferior ao de titulados. Por exemplo, nas especialidades tecnolóxicas unicamente hai un 16,8% de mulleres e algo similar ocorre no caso das enxeñarías con apenas un 38,5%. Non obstante, en Matemáticas, a proporción é bastante equitativa, mentres que nas ciencias naturais as mulleres son maioría cun 66,1%.

As mulleres adoitan buscar emprego na hostalaría e o sector primario, mentres que os homes atopan traballo nas industrias e no sector TIC

A inserción laboral de ambos xéneros é moi semellante e en ambos casos supera o 83% e no que respecta aos salarios, mentres que os das mulleres superan aos dos homes cando son tituladas en carreiras tecnolóxicas ou de enxeñaría, quedan por detrás cando se trata de ciencias naturais e matemáticas.

Tamén hai diferenzas á hora de buscar outras saídas: mentres as mulleres tituladas nas carreiras STEM son maioría na hostalaría, administración e sector primario; os homes adoitan atopar emprego nas industrias xerais ou no sector TIC.

Vocacións científicas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) traballa en tres liñas chave para captar e reter talento: aumentar o recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel de dirección e liderado destas profesionais e deseñar proxectos atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto económico e social.

Entre as actuación en marcha destaca o Plan para a Promoción do Talento Dixital de
Galicia (DigiTalent), e a actuacións como o programa Girl STEAM ou a elaboración do
documental Mulleres na Informática: Marxe de Erro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%

O novo Pacto pola Ciencia busca erradicar a fraude e fomentar a integridade no sector

Nun comunicado, as organizacións piden compromiso para reducir o teito de cristal, especialmente nas áreas do ámbito STEM

“Chat GPT fascíname como investigadora, como usuaria dáme medo”

A informática Verónica Bolón recibe o Premio Ada Byron polo seu estudo dos algoritmos verdes e o fomento das vocacións STEM
00:56:22

“A falta de conciliación e o teito de cristal impiden rachar coa fenda de xénero na ciencia”

Verónica Bolón, Susana Ladra e Ana Crujeiras clausuran 'Ciencia en feminino' cunha análise sobre as desigualdades entre homes e mulleres