Mutacións de ómicron xa existían en pacientes infectados meses antes de ser dominantes

Un estudo usa unha técnica de secuenciación ultra profunda que permite detectar secuencias víricas non detectables polos métodos habituais

Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), en colaboración coa Fundación Jiménez Díaz, descubriron que pacientes vacinados e infectados coa variante alfa durante a terceira onda da pandemia de covid (entre xaneiro e marzo de 2021) xa presentaban mutacións características de variantes delta plus, iota e ómicron. Este estudo interdisciplinar, publicado en The Journal of Clinical Investigation, analizou en detalle por primeira vez en España mostras de hisopos nasofarínxeos correspondentes a pacientes vacinados e posteriormente infectados durante a terceira onda da pandemia.

Este estudo puido desenvolverse grazas ao traballo previo de posta a punto dunha potente metodoloxía de secuenciación ultra profunda que permite detectar secuencias víricas mutadas que se achan en proporcións moi baixas e que non son detectables polas técnicas de secuenciación habituais de pouca profundidade. “De cada mostra analizada e de cada anaco do virus analizado obtemos moitos miles de secuencias; isto permítenos detectar mutacións a distintos niveis de frecuencia coexistindo dentro do paciente infectado”, explica Celia Perales, investigadora do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC) e do Instituto de Investigación Sanitaria da Fundación Jiménez Díaz.

Publicidade

Resultados

Os resultados desvelaron que a pesar de que os pacientes se infectaron coa variante alfa, predominante nesa data (entre xaneiro e marzo de 2021), cambios correspondentes a variantes delta plus, iota e ómicron, xa estaban presentes nesas mostras meses antes de que adquirisen relevancia epidemiolóxica. “Este traballo resalta a necesidade de analizar as poboacións de virus con alta resolución e en profundidade para obter unha visión conxunta dos moitos mutantes que coexisten en cada individuo infectado”, destaca Esteban Domingo, investigador do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CBMSO-CSIC-UAM).

Malia que os pacientes se infectaron con alfa, cambios correspondentes a delta plus, iota e ómicron xa estaban presentes nesas mostras

Estas análises poderían permitir o seguimento de mutacións, ou conxunto de mutacións, potencialmente relevantes con anterioridade a que poidan formar parte de variantes perigosas. Dous dos autores deste traballo, Celia Perales e Esteban Domingo, pertencen ademais ao Centro de Investigación Biomédica en Rede de enfermidades hepáticas e dixestivas (CIBERehd), do Instituto de Saúde Carlos III. Grazas a iso, os conceptos sobre variabilidade do virus da hepatite C que durante anos estiveron desenvolvendo poden ser agora aplicados ao virus causante da covid-19.

Publicidade


Referencia: Vaccine-breakthrough infections with SARS-CoV-2 Alpha mirror mutations in Delta Plus, Iota and Omicron (Publicado en The Journal of Clinical Investigation).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Unha tese galega explora o potencial inmunomodulador e neuroprotector do litio fronte á covid-19

A investigación identifica cambios en biomarcadores inflamatorios e parámetros inmunolóxicos en pacientes tratados co fármaco

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé