Ás portas da sétima onda? Os científicos dubidan ante o repunte da covid

A evolución do coronavirus mantén expectante a Europa e o aumento de casos podería anunciar o “sétimo inverno pandémico dos dous últimos anos”

O aumento de casos de covid está aumentando en Galicia.
O aumento de casos de covid está aumentando en Galicia.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) facía un chamamento a extremar a vixilancia a mediados desta semana. Entre as rexións do mundo nas que se rexistraron nos últimos 14 días un aumento significativo de casos atópase Europa cun 2% de novos contaxios e as estatísticas máis recentes mostran que Galicia non é unha excepción.

Desde principios de marzo, o número de persoas infectadas na nosa comunidade achegouse, e superou en varias ocasións, a barreira dos 2.000 contaxios diarios. É o caso de hoxe, por terceira xornada consecutiva. Con un total de 20.984 casos activos por coronavirus este venres, as últimas cifras do Sergas confirman a tendencia ascendente.

O director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, aseguraba nunha conferencia de prensa celebrada este mércores que “este incremento de casos en todo o mundo, 11 millóns na última semana, rexistrouse malia redución de probas que se realizan agora en moitos países o que quere dicir que estas cifras poden ser só a punta do iceberg. Sabemos que cando os contaxios aumentan, tamén aumenta o número de mortes”.

Un incremento de casos con orixe multifactorial

Entre os factores que poderían encontrarse na orixe desta nova liña ascendente nos casos da covid-19, a organización internacional fala da alta transmisibilidade da subvariante de ómicron, a BA.2, da relaxación de medidas de saúde pública e das porcentaxes de persoas aínda non vacinadas nalgúns países.

Entre os factores que propician a liña ascendente de casos está a alta transmisibilidade de BA.2

En Galicia, a celebración do Entroido encóntrase no punto de mira dos científicos aínda que algúns como Juan Gestal, profesor emérito de Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asegura non estar convencido. “Vin nas estatísticas que hai un aumento en Galicia, Estremadura e Canarias, tres comunidades xustamente nas que o Entroido ten certa importancia. Isto pode ser unha explicación do aumento recente de casos pero tampouco creo que o explique todo. Eu, en realidade, neste momento, encóntrome nunha situación de expectación total, quero saber como vai evolucionar o virus porque noutros países tamén está aumentando considerablemente”, explica.

O Entroido tamén é sinalado pola inmunóloga da Universidade de Vigo (UVigoÁfrica González para quen a relaxación nas celebracións xunto co frío e a chuvia fixeron que as persoas estiveran máis na casa e se contaxiaran máis entre elas. “Pero xa non deberíamos falar de incidencia, eses datos non son reais, a xente xa no se fai tantas probas e hai moitos asintomáticos. O que temos que vixiar son os datos de mortes, ucis e hospitalizacións e o que está claro é que a vacinación diminuíu a gravidade da enfermidade”, afirma.

BA.2, a grande responsable?

No seu último informe, o proxecto CovidBens que lle seguiu o rastro ás mutacións do SARS-CoV-2 ata este mércores nas augas que verten os concellos de A Coruña, Culleredo, Arteixo, Cambre e Oleiros á depuradora de Bens, mostra que na segunda semana deste mes nesa zona, a variante ómicron é a dominante e que a súa subvariante BA.2 gaña lenta pero segura terreo e xa se atoparía nun 50% dos casos nestes concellos. Para Marga Poza, coordinadora do proxecto e especialista en microbioloxía, “a subvariante BA.2 e o Entroido son probablemente as razóns do aumento de contaxios. Esta subvariante será a seguinte en dominar, está claro. Creo que poden subir aínda un pouco máis os casos de covid-19 pero non que se trate dunha onda moi grande porque a estas alturas xa hai moitísima xente inmunizada”.

“Non creo que se trate dunha onda moi grande porque xa hai moitísima xente inmunizada”

Cunha detección máis lenta que a variante ómicron inicial e cunha sintomatoloxía e gravidade moi similares, a inmunóloga África González non lle botaría toda a culpa do aumento de casos á BA.2. “Hai outra variable que temos que ter en conta que é que os niveis de anticorpos co paso do tempo diminúen e aínda que se mantén a memoria inmunitaria durante meses, as persoas poden infectarse pero sempre de maneira máis leve. Temos que concentrarnos nas persoas maiores, nas máis vulnerables e nos nenos xa que agora mesmo en Galicia os contaxios están ocorrendo sobre todo na franxa de idade dos 12 aos 19 anos”, advirte.

A pandemia da covid-19 non rematou

“A pandemia da covid-19 non rematou”. Así de tallante foi este mércores o director xeral da OMS ante a prensa ao lembrar que “todos os países deben seguir sendo vixiantes, seguir vacinando, facendo probas e protexendo aos máis vulnerables”. E para aqueles que pensan que coa chegada do bo tempo un pode relaxar as medidas de protección que indican por agora as normas pero tamén o sentido común, Juan Gestal advirte de que o bo tempo non ten nada que ver coa transmisibilidade do virus. A primeira onda foi na primavera, outra onda importante chegou no verán con dous picos, un no verán e outro no outono, etc. Non hai unha estacionalidade. A onda máis importante que tivo Arxentina, por exemplo, foi no verán austral”, sinala o profesor da USC.

Asia foi a rexión do mundo onde se rexistraron nos últimos catorce días o maior aumento de casos, segundo a OMS. “A pandemia é global e se deixamos que en China, por exemplo, se produza unha explosión de casos poderían aparecer novas variantes máis contaxiosas, aínda que despois de ómicron parece difícil”, asegura África González da UVigo. “De todos modos a nós unha nova onda xa nos collería inmunizados, xa coñecemos o virus. O que temos que facer é traballar no camiño das vacinas multivariantes e dos fármacos para a poboación vulnerable. O virus vai quedar con nós, e, como digo, poderán vir outras ondas a medida que a xente saia e se comunique como pasou no último verán”, remata a inmunóloga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.