Son cegos os morcegos? Desmentindo un mito tan vello como o seu nome

Os quirópteros utilizan a ecolocalización e unha visión adaptada á escuridade para orientarse e capturar presas con precisión

Sabías que se algunha vez usaches a expresión “cego como un morcego” para describir a alguén que ten unha visión pésima, perpetuaches un mito falso? Os morcegos, eses mamíferos voadores fascinantes, e ademais claves para a supervivencia dos ecosistemas, non só teñen ollos funcionais, senón que ademais, en determinados contextos, ven incluso mellor que os seres humanos

Unha especie cosmopolita

Os morcegos son mamíferos que pertencen á orde dos quirópteros. Esta palabra provén dos termos gregos χείρ [cheir], ‘man’ e φτερό [pteron], ‘á’, e ten relación co feito de que estes animais teñen as extremidades anteriores transformadas en ás para voar. Pero este non é o único dato fascinante destes seres vivos, como contan desde o Museo de Historia Natural da USC.

Publicidade

“Son o segundo grupo de mamíferos máis diverso do planeta, só despois dos roedores”, explica Javier Iglesias, director do Museo de Historia Natural da USC. “Hai agora mesmo no mundo 1400 especies recoñecidas de morcegos. E podemos atopalos en case calquera esquina do planeta, con excepción das rexións polares. É dicir, aínda que en cada clima teñen as súas características, podemos dicir que os morcegos son cosmopolitas. E, por ir adiantando, teñen ollos que funcionan, e o fan á perfección”.

O nacemento dun mito

Iglesias explica que hai dúas razóns fundamentais para que se estendese o mito de que os morcegos non poden ver: a primeira está relacionada co seu nome, e a segunda co xeito no que se orientan na súa contorna.

Publicidade

“En canto á primeira razón, o nome común deste animal en galego e castelán deriva dos termos latinos ‘mus’, que significa rato, e ‘caeculus’, cego”, explica Iglesias. “É curioso que isto ocorre practicamente só en galego e castelán, porque noutros moitos idiomas, o seu nome común fai referencia á súa capacidade de voar, ao feito de que semella un rato voador, ou mesmo a unha mestura entre rato e bolboreta”.

A segunda causa deste mito está relacionada co xeito no que este animal se orienta e explora o espazo que o rodea. A inmensa maioría dos morcegos teñen a capacidade de guiarse a través do son. Este mecanismo coñécese como ecolocalización, e consiste en crear unha representación mental da contorna mediante ecos.

Os morcegos emiten sons —moitas veces en frecuencias ultrasónicas— e, ao escoitar o rebote deses sons nos obxectos próximos, son capaces de interpretar a distancia, forma e movemento do que os rodea. A partir deses ecos, constrúen unha imaxe auditiva do seu entorno, que lles permite orientarse con precisión, localizar as presas e cazalas mesmo na escuridade total.

“Esta capacidade de orientación tan particular foi probablemente a que contribuíu a esa crenza de que eran cegos”, reflexiona Iglesias. “Pero a realidade é que nin sequera todos os morcegos teñen ecolocalización. E tanto os que teñen, como os que non, teñen ollos funcionais e ven en maior ou menor medida. Os morcegos máis grandes, por exemplo, non teñen ecolocalización, pero guíanse pola vista e o olfacto”.

De feito, como a maioría das especies de morcegos son animais crepusculares e nocturnos —é dicir, activos durante o serán e a noite—, a súa visión está especialmente adaptada para funcionar con moi pouca luz. Isto permítelles ver con claridade en condicións de escuridade nas que os seres humanos apenas distinguiriamos formas ou movementos.

“Teñen os ollos adaptados a situacións onde a luz é moi escasa ou case inexistente, como acontece coas curuxas ou outras aves de presa nocturnas”, conta o director do MHN. “Se as células visuais dos ollos son os conos e os bastóns —onde os conos necesitan moita luz para ver e os bastóns son os responsables da visión con baixa intensidade lumínica— os morcegos teñen moitos máis bastóns, o que lles permite ver perfectamente pola noite ou dentro de covas”.

En resumo: os morcegos non son cegos, ven, moito máis do que pensamos, e, sobre todo, desenvolven sistemas sensoriais combinados —vista, audición, ecolocalización— que lles permiten existir nun mundo de escuridade sen perder orientación nin capacidade de supervivencia.

Así que, a próxima vez que escoites dicir iso de que os morcegos son cegos, lembra que se está repetindo un mito do mundo animal. Estes pequenos mamíferos non só ven, senón que son mestres da ecolocalización e capaces de voar con precisión milimétrica na escuridade máis absoluta. O que para nós sería un labirinto invisible, para eles é un mapa sonoro perfectamente detallado.

Os morcegos levan millóns de anos afinando os seus sentidos para sobrevivir na noite, e fano cunha combinación incrible de oído, vista e instinto. Quizais sexa hora de que cambiemos o dito e falemos da súa capacidade de supervivencia, porque os morcegos, de cegos, non teñen nada.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:28

Comer de noite engorda máis? O que di a ciencia sobre a hora da cea

A crononutrición evidencia que o momento das comidas pode influír no metabolismo, na resposta á insulina e na acumulación de graxa
00:03:47

Botar a cabeza cara a atrás cando sangra o nariz: que hai de certo neste costume?

Este fenómeno afecta arredor do 15% da poboación e prodúcese principalmente no terzo anterior do nariz, aínda que a inclinación non é a resposta para solucionalo
00:05:14

Mulleres e matemáticas: cando as orlas desminten un mito de xénero moi estendido

Unha mirada ás promocións históricas da USC revelan a presenza e influencia feminina nunha disciplina tradicionalmente considerada masculina
00:05:22

O estrés non sempre é malo: cando o corpo se activa para axudar

Reformular como interpretamos as situacións, establecer metas realistas e mellorar a asertividade pode contribuír a levar un estilo de vida máis saudable