Se os morcegos transmiten tantos virus, por que non acabamos con eles?

    Un grupo de virólogos son capaces de illar e cultivar no laboratorio o virus Lloviu, que pon de manifesto a importancia da vixilancia virolóxica en animais silvestres

    *Un artigo de

    Acaba de ser noticia que un grupo de virólogos foron capaces de illar e cultivar no laboratorio por primeira vez o virus Lloviu a partir de mostras de sangue de morcegos vivos obtidos en covas de Hungría. Aínda que de momento non sabemos que papel podería xogar este virus na saúde humana, o seu achado pon de manifesto a importancia da vixilancia virolóxica en animais silvestres, especialmente nos morcegos.

    Publicidade

    Pero quen é o virus Lloviu? En 2011 identificouse un novo virus da familia dos Filovirus en mostras de morcegos mortos achados na cova asturiana de Lloviu (de aí provén o seu nome). A ese mesmo grupo de virus pertencen os perigosos Ébola e Marburg, dos máis letais en primates, incluído o ser humano. O achado era significativo, porque ambos os virus son endémicos de África e Filipinas, e esta era a primeira vez que se detectaba un Filovirus en mostras naturais en Europa.

    Con todo, naquel momento, o virus non conseguiu cultivarse nin illarse no laboratorio. Só se detectou o seu xenoma ARN por métodos moleculares. Non había ningún dato que suxerise que podía ser patóxeno para o ser humano. De feito, non todos os Filovirus o son.

    Entrada da Cova do Lloviu, no concello de Villaviciosa, xunto ao río España (Asturias). Turismo Asturias
    Entrada da Cova do Lloviu, no concello de Villaviciosa, xunto ao río España (Asturias). Turismo Asturias

    Un virus que circula en morcegos

    Desde 2016 víñanse detectando xenomas do virus Lloviu noutros morcegos en distintas covas europeas, o que suxería que o virus podería estar a circular nas poboacións de morcegos. En concreto, no morcego insectívoro Miniopterus schreibersii.

    No traballo publicado agora, o virus púidose illar, foi cultivado en liñas celulares e comprobouse que é capaz de infectar e replicarse en células humanas e de mono no laboratorio. Por tanto, podería ter a capacidade de propagarse noutras especies.

    Ademais, os investigadores comprobaron que non existe reacción cruzada de anticorpos entre o virus Lloviu e o virus do Ébola. Iso implica que, probablemente, as vacinas que foron desenvoltas contra o ébola non serían útiles para previr unha potencial infección por Lloviu.

    Dentro da familia Filoviridae existen varios xéneros: Ébola (especies Zaire, Sudan, Reston, Tai Forest, Bundibugyo ebolavirus), Marburg (especie Marburg marburgvirus), Cuevavirus (especie Llobiu cuevavirus), entre outros. CDC/Dr. Erskine Palmer, Russel Regnery, Ph. D., CC BY
    Dentro da familia Filoviridae existen varios xéneros: Ébola (especies Zaire, Sudan, Reston, Tai Forest, Bundibugyo ebolavirus), Marburg (especie Marburg marburgvirus), Cuevavirus (especie Llobiu cuevavirus), entre outros. CDC/Dr. Erskine Palmer, Russel Regnery, Ph. D., CC BY

    Os morcegos, un almacén de virus perigosos

    Os morcegos, cuxo nome científico é quirópteros (Chiroptera), son un tipo de mamíferos cuxas extremidades superiores desenvolvéronse como ás. Trátase dos únicos mamíferos voadores, e poucos saben que existen máis de 1.400 especies de morcegos distintas e que representan aproximadamente un 20% de todas as especies de mamíferos. De feito, dentro dos mamíferos son, despois dos roedores, o grupo máis numeroso. Están presentes en todos os continentes, excepto nas rexións polares e nos desertos máis extensos.

    Algunhas especies de morcegos son un reservorio ou almacén natural para gran número de microbios patóxenos. É máis, como se demostrou coa pandemia de covid-19, poden xogar un papel esencial na transmisión de moitas enfermidades infecciosas.

    Hai uns anos analizouse o viroma (o conxunto de xenomas dos virus) do morcego xigante Pteropus giganteus (o raposo voador da India) e atoparon 55 virus distintos. Cincuenta deles eran novos, de varias familias de virus como Coronavirus, Paramyxovirus, Hantavirus, Astrovirus, Bocavirus, Adenovirus, Herpesvirus e Polyomavirus.

    Noutros estudos demostrouse que os morcegos son o hospedador natural de moitos virus zoonóticos que causan infeccións, algunhas moi graves en humanos. Desde os xa mencionados filovirus Ébola e Marburg, ata o virus da rabia. Tamén os coronavirus que causan as síndromes agudas respiratorias como o SARS-CoV1 e CoV2 ou o MERS. Sen esquecernos de Paramyxovirus, como os virus Nipah e Hendra ou distintos tipos de Influenza A.

    Por que os morcegos albergan tantos virus sen enfermar?

    A pesar de ser un almacén de virus, parece que os morcegos son inmunes á súa infección. Por que os morcegos, portadores de tantos virus diferentes algúns tan perigosos, non se infectan eles mesmos e morren pola acción dun ataque masivo? Que teñen de especial os morcegos para ser inmunes?

    Estas preguntas sempre intrigaron os investigadores. Algúns pensan que non teñen nada de especial, que só é cuestión de número: hai tantas especies de morcegos distintas e tantos individuos que non é sorprendente que teñan tantos virus. Algunhas colonias de morcegos, por exemplo, poden estar formadas por millóns de individuos!

    Con todo, hai outros investigadores que pensan que os morcegos si teñen algo peculiar. Por exemplo, hase secuenciado o xenoma dun par de especies de morcegos e atopouse que, a diferenza doutros mamíferos, os xenes do sistema de detección e reparación de danos no ADN están activos de forma constitutiva. Especúlase que isto podería estar relacionado co tipo de voo dos morcegos, que consome moita enerxía. Iso require un metabolismo moi activo, que xera moito estrés, o que á súa vez causa un dano no ADN das células, rapidamente detectado e reparado. Eses sistemas adoitan ser ademais a diana que utilizan moitos virus, polo que telos tan activos puido facer os morcegos inmunes e capaces de ser portadores de virus sen sufrir eles as consecuencias.

    Outra hipótese suxire que o voo dos morcegos xera un metabolismo tan activo que pode producir tamén un aumento de temperatura similar á febre. A temperatura corporal dos morcegos durante o voo pode chegar aos 40º C. Na maioría dos mamíferos, a febre está relacionada coa estimulación e activación do sistema inmune e axuda a combater as infeccións. Por tanto, aumentado a súa temperatura corporal os morcegos poderían ser capaces de controlar mellor que ninguén os seus virus.

    Colonia de morcegos durmindo. Shutterstock / salajean
    Colonia de morcegos durmindo. Shutterstock / salajean

    Que facemos cos morcegos?

    Agora que sabemos que os morcegos foron a orixe máis probable do devanceiro do coronavirus que nos causou a covid-19, e visto o potencial de novas infeccións que supoñen estes pequenos mamíferos, un podería pensar que o mellor sería acabar con todos eles. Pero, ollo, porque os morcegos xogan un papel ecolóxico fundamental e tamén son beneficiosos para o ser humano.

    Existen máis de 100 enfermidades distintas en humanos causadas por microorganismos transmitidos por artrópodos (mosquitos, moscas e outros insectos). É o caso de malaria, febre amarela, dengue, zika, chikungunya, Nilo occidental, encefalite e outras febres hemorráxicas.

    A manter as súas poboacións baixo control axudan os morcegos insectívoros. Algúns estimaron que este tipo de morcegos poden comer ata 1.200 mosquitos por hora, o equivalente ao seu peso corporal cada noite. Por iso, os morcegos actúan como axentes de control biolóxico, reducindo ou limitando o crecemento de poboacións de insectos ou outros artrópodos que transmiten enfermidades.

    Por outra banda, desempeñan un papel ecolóxico vital na dispersión de sementes e como polinizadores. Moitos morcegos aliméntanse de froitas, que máis tarde excretan noutro lugar, e contribúen á dispersión das súas sementes e á rexeneración dos bosques. Ademais, ao alimentarse tamén de néctar actúan como polinizadores moi activos. O ciclo biolóxico de moitas plantas tropicais depende completamente dos morcegos.

    Por todo iso, existen acordos internacionais para a conservación dos morcegos e, ademais, en moitos países europeos están protexidos por lei.

    En definitiva, a solución non é acabar con todos os morcegos. Se queremos previr novas ameazas debemos coñecer que virus ou outros patóxenos hai ao noso ao redor, e como a alteración dos ecosistemas podería afectar á súa bioloxía. A solución pasa pola vixilancia virolóxica e por insistir na estratexia Unha Saúde (One Health) ou Saúde Global: o noso benestar depende directamente da saúde animal e do medioambiente.


    *Ignacio López-Goñi é catedrático de Microbioloxía da Universidad de Navarra.

    Cláusula de divulgación: Ignacio López-Goñi non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

    1 comentario

    1. Bo día! Os que traballamos na conservación dos morcegos estamos tristemente afeitos a que, ao falar deles, se mesturen un montón de ideas, prexuizos e mitos, ademáis de titulares capciosos que non teñen en conta, entre outras cousas, que unha boa cantidade de lectores non van pasar máis alá de dito titular. Os medios que se adican á divulgación científica deberan ser especialmente sensibles a estes aspectos, xa que a maioría dos medios de comunicación non o son. Os mitos sobre os morcegos non se refiren únicamente aos mitos populares, senón tamén a aquelas supostas verdades científicas que, en realidade, ninguén foi quen de demostrar pero que se repiten continuamente. Ese é o caso do papel dos morcegos na Covid19, cuxo orixen epidemiolóxico segue sendo, en realidade, descoñecido. Ou do ébola, un virus do que aínda se descoñece case todo sobre o seu ciclo na natureza. Ou da relación morcegos-virus en xeral, pois recentes publicacións científicas demostran que os morcegos, a pesar do que se repite unha e outra vez, non albergan nin máis virus nin virus máis perigosos que outros grupos animais. Pero, incluso en ciencia, colle fama… O que si se demostrou máis dunha vez é como a transformación humana do medio natural (a destrución e fragmentación de bosques tropicais, por exemplo) exponnos cada ves máis, fainos máis susceptibles de entrar en contacto con patóxenos que ata agora permanecían lonxe de nós. Con respecto ao virus Lloviu, a SECEMU publicou hai uns días unha nota explicativa: https://secemu.org/sobre-el-supuesto-peligro-del-filovirus-lloviu-para-la-salud-humana/

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.