Mércores 21 Febreiro 2024

Os parques eólicos matan a case un millón de morcegos ao ano

Un estudo do CSIC advirte que un tercio das especies presentes en España están ameazadas, e máis da metade son vítimas dos aeroxeradores

Un estudo liderado pola Estación Biolóxica de Doñana (EBD), centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), advirte dun impacto “devastador” dos parques eólicos sobre os morcegos en Cádiz e, posiblemente, noutras áreas de España. Esta é a principal conclusión á que chegou un grupo de investigadores da EBD-CSIC, a Universidade de Lund (Suecia) e a Universidade de Sevilla, despois de analizar datos de mortalidade de morcegos recollidos entre 2005 e 2016 en parques eólicos da provincia andaluza. Os resultados do estudo foron publicados na revista especializada Acta Chiropterologica.

Os plans de vixilancia ambiental de Cádiz inclúen a presenza diaria de vixiantes nos parques durante as horas de luz ao longo de todo o ano. A misión dos vixiantes é localizar os animais mortos ou feridos polos aeroxeradores e ordenar a parada das turbinas cando exista risco de colisión con algunha ave, ou bando, especialmente no caso de especies ameazadas.

Publicidade

Este plan de vixilancia é o máis intensivo dos que se realizan en España e considérase modélico. Os datos deste plan cifran en 2.371 os cadáveres de morcegos atopados no período do estudo, pertencentes a, polo menos, 15 especies diferentes das 20 que se localizan na provincia de Cádiz. O estudo centrouse en analizar con detalle as 582 incidencias atopadas en 2011, ano para o que se dispoñía da información máis completa.

Taxas altas de mortalidade

Para estimar a taxa real de mortalidade, os científicos levaron a cabo un experimento que consistiu en colocar máis dun centenar de cadáveres de morcegos en nove parques eólicos para utilizalos como cebo e así avaliar a eficiencia de procura por parte dos vixiantes e o tempo de permanencia de cadáveres no campo.

O persoal de vixilancia só localizou un 17% dos cadáveres colocados, a pesar de que a revisión dos aeroxeradores era diaria e estiveron á súa disposición polo menos durante catro xornadas seguidas. Ademais, a procura de cadáveres limitábase ás zonas limpas (plataformas e pistas) que supoñen, de media, menos do 15% da superficie potencial de procura. Corrixindoeste nesgo de detección, os investigadores estimaron unha taxa de mortalidade media de 41 morcegos por turbina ao ano na zona de estudo.

Estes resultados estiman que en 2011 morreron entre 33.000 e 37.000 morcegos nos parques eólicos de Cádiz. Así mesmo, segundo o estudo, algunhas das zonas prospectadas rexistraron as taxas de mortalidade en parques eólicos máis altas no mundo documentadas ata a data.

Os investigadores do CSIC estimaron unha taxa de mortalidade de 41 morcegos por turbina ao ano

“Convén lembrar que os morcegos teñen unha taxa de natalidade moi baixa, dunha cría (ás veces dúas) por femia ao ano”, sinala Sonia Sánchez, autora principal do estudo. “Os nosos datos poñen de manifesto un impacto “devastador” sobre as poboacións de morcegos, que neste caso afectan a especies sedentarias, a diferenza do que ocorre noutras partes do mundo, como no norte de Europa ou Norte América, onde os morcegos máis afectados son migradores”, prosegue.

Unha primeira conclusión deste estudo é que estes programas de vixilancia ambiental non son eficientes para a procura de morcegos e probablemente tampouco de pequenas aves, xa que están centrados en aves planadoras de gran tamaño e enmascaran taxas de mortalidade moi elevadas. Os autores recomendan por iso que se implementen novos métodos de monitorización, máis adecuados para animais de pequeno tamaño, así como estudos para avaliar a eficiencia de procura real dos programas de vixilancia ambiental. Unha segunda conclusión á que chegan os investigadores é que hai que adoptar de forma urxente medidas preventivas e de mitigación eficaces para protexer a este grupo de mamíferos que conta con moitas especies ameazadas, fronte ao desenvolvemento de enerxías renovables.

Neste sentido, Sonia Sánchez recoñece a importancia da enerxía eólica como fonte de enerxía renovable para loitar contra o cambio climático, pero reclama a necesidade de equilibrar a xeración de enerxía coa protección da biodiversidade: “As medidas de mitigación, como a parada temporal das turbinas durante os períodos de alta actividade de morcegos, demostraron ser vitais para reducir o impacto sobre estas especies e alcanzar esa “enerxía verde” da que tanto se fala”, conclúe.


Referencia: High Bat Fatality Rates Estimated at Wind Farms in Southern Spain (Publicado en Acta Chiropterologica)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As gaivotas trasladan centos de quilos de plástico dos vertedoiros ás reservas naturais

Un equipo internacional liderado pola Estación Biolóxica de Doñana do CSIC desenvolveu un modelo de deposición de residuos baseado na dieta e o movemento destas aves

Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

Creada a primeira base de datos sobre o impacto das plantas invasoras en Europa

Investigadores do CSIC participan na plataforma Plantimpactseurope, que inclúe información de 104 especies de 29 países europeos