Un equipo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) acaba de publicar un estudo onde se analizan as tendencias de temperatura e salinidade da ría de Vigo e da plataforma continental adxancente ao longo de 34 anos. Os resultados da investigación mostran que entre os anos 1987 e 2020 a ría non experimentou unha tendencia significa a longo prazo na súa temperatura. É dicir, esta pequena zona da marxe ibérica atlántica foi capaz de amortecer a escalada de temperatura que si se observou e de forma significativa durante ese período tanto en augas oceánicas como no Cantábrico.
Porén, os científicos do IEO de Vigo recoñecen que estes últimos meses se están a rexistrar valores máis altos do habitual. O autor principal do estudo, Pablo Otero, sinala o seguinte: “Este verán está a ser moi atípico, con temperaturas moi altas nas rías Baixas. Series longas de medidas como estas son as que nos permiten coñecer mellor canto de anómalas foron estas temperaturas. Pero, que non houbese tendencia significativa no pasado recente non quere dicir que non entremos nun período de cambio. De aí a importancia de seguir medindo”.
“Que non hoube tendencia significativa no pasado recente non quere dicir que non entremos nun período de cambio”
PABLO OTERO, investigador do IEO e autor principal do estudo
A investigación tamén permite concluír que, aínda que a salinidade está determinada nunha escala temporal curta por factores como a descarga fluvial, a radiación de onda curta ou o vento local, a circulación atmosférica do Atlántico Norte desempeña un importante papel modulador, especialmente durante os meses de inverno. Na plataforma continental, por baixo dos 50 metros de profundidade, os resultados mostraron unha tendencia negativa significativa da salinidade. A variabilidade atmosférica no Atlántico Norte impacta a circulación no xiro subpolar, que, á súa vez, pode influír no equilibrio entre as augas centrais subtropicales ou subpolares na zona de estudo. Esta podería ser a razón do predominio de períodos máis salinos na columna de auga observados durante 1996-1997 e 2005-2013.
Estudio de referencia
O traballo, que acaba de publicarse na revista Science of the Total Environment, estuda a ría de Vigo no actual contexto de cambio climático e establece un marco de referencia para futuros estudos. Estes resultados permiten ademais establecer un nivel base de coñecemento sobre a hidrografía da zona, útil como referencia para o estudo da variabilidade do sistema. Para chegar a estes resultados, foi necesaria revisar de forma exhaustiva 971 perfís hidrográficos procedentes de 337 campañas de investigación dos últimos 34 anos, para asegurarse un procesado homoxéneo dos datos e a correcta validación dos mesmos.
O estudo levouse a cabo no marco do proxecto RADIAIS, que supón un esforzo de monitorización do IEO grazas ao cal se conta actualmente coa máis lonxeva das iniciativas multidisciplinares de investigación en series temporais oceanográficas en España. Ante a situación actual de cambio climático, “é necesario facer un chamamento á monitorización e control dos nosos mares. Só así é posible coñecer o impacto nos nosos recursos ecosistémicos. Necesítanse anos de esforzo continuado de decenas de investigadores e técnicos para comprender e parametrizar a resposta do ecosistema ante as diversas fontes de variabilidade temporal, tanto nas súas características oceanográficas como nas poboacións planctónicas”, sinala Pablo Otero.
Referencia: Temperature and salinity trends in the northern limit of the Canary Current Upwelling System (Publicado en Science of the Total Environment)














