Rogelio leva 30 anos no mar. Ten sobrada experiencia para identificar os peixes autóctonos de Galicia. E nunca, nas súas tres décadas de profesión, vira unha lampuga (Coryphaena hippurus) nin na auga nin na lonxa de Ribeira, onde vai vender o seu produto. Ata este ano. En primavera avistou unha en Corrubedo e hai uns días identificáronse cinco exemplares deste peixe propio de augas tropicais e subtropicais no porto de Malpica. “É algo excepcional”, asegura Rogelio Santos Queiruga, que ademais de mariñeiro é un recoñecido divulgador do mar. As súas impresións non están erradas e dende a sede viguesa do Instituto Español de Oceanografía (IEO), a investigadora Eva Velasco confirma que as lampugas son unha especie propia de augas máis cálidas que as galegas, nun rango que vai dende o 18 ata os 30 graos.
Segundo continúa explicando, están moi condicionadas pola temperatura. Se as augas baixan dos 18 graos, o seu metabolismo ralentízase e comezan a migrar cara a un mar máis cálido. Cabe pensar, entón, que que apareceran no porto de Malpica e tan preto da costa, non é casualidade. “Cando a temperatura do mar está anormalmente alta é probable que aparezan en Galicia”, sostén Velasco, sinalando que neste 2023 se rexistraron valores moi elevados nas augas atlánticas. A hipótese que defende a investigadora do IEO é que esta especie propia de zonas máis cálidas atopou unha afinidade térmica en Galicia que habitualmente non ten. Pero neste 2023 déronse as condicións perfectas: un episodio de temperaturas anormalmente altas no mar e un afloramento menos potente do habitual.
“Cando a temperatura do mar é anormalmente alta é probable que aparezan lampugas en Galicia”
EVA VELASCO, investigadora do IEO de Vigo
Malia que as lampugas non son propias de Galicia, que cheguen ata nós non é un acontecemento insólito. Segundo explica Velasco, as nosas augas están dentro do seu rango de distribución, que vai dende o Golfo de Biscaia ata Sudáfrica, incluíndo o Mediterráneo. Ademais, a investigadora do IEO cita algunhas publicacións dos anos 80 onde xa se explica que esta especie, sen ser propia de Galicia polas características térmicas das súas augas, pode aparecer na nosa zona atlántica. E, finalmente, aínda que atopar lampugas en Malpica non é o habitual, xa apareceron exemplares na lonxa de Avilés. “Cruzaron Estaca de Bares e chegaron ao Cantábrico porque as condicións hidrolóxicas de temperatura foron o suficientemente boas para esta especie”, insiste Velasco.
Do que non cabe dúbida, máis alá de que a presenza de lampugas en Galicia puidese ser un feito anecdótico, é que as augas se están quentando, repercutindo así na distribución das especies. “Hai campañas oceanográficas que se levan realizando dende os anos 80 para ver se se produciron cambios na pataforma galega e si, si que os hai. Hai especies que se están indo máis ao norte ou incluso a augas máis profundas para atopar a súa afinidade térmica“, explica Velasco, confirmando que as lampugas fan exactamente o mesmo proceso, pero migrando cara a augas máis cálidas. Ademais, todo parece apuntar que o que hoxe lle parece excepcional a mariñeiros como Rogelio Santos, que leva décadas no mar, nun futuro próximo xa entrará dentro da normalidade. Velasco confírmao ao asegurar que as especies de augas máis cálidas serán cada vez máis frecuentes en Galicia. “Todo apunta a iso”, insiste a investigadora do IEO.
Como recoñecer unha lampuga?
A clave para saber se estamos ante unha Coryphaena hippurus ou outra especie, sexa autóctona ou tropical, é fixarse na súa cor azul rechamante e na súa medida, que rolda o metro de lonxitude pero pode acadar ous dous. Son habituais nas augas tropicais e subtropicais do Altántico, do Índico e do Pacífico e, amais delas, xa leva leva anos asentada nun Mediterráneo en quecemento. “No Levante ten un gran interese para a pesca deportiva polo seu tamaño e a súa cor. E, ao parecer, é un peixe cunha carne moi saborosa”, apunta Velasco. De feito, as lampugas son un importante recurso pesqueiro e unha especie comercial cotizada nas zonas nas que viven. “As únicas vendas de Galicia foron en Vigo, pola frota palangreira de altura pero non pola frota artesanal porque, de momento, non é un recurso explotable na nosa zona”, matiza a investigadora do IEO.
“É unha especie que esperta gran interese na pesca deportiva polo seu tamaño e cor”
EVA VELASCO, investigadora do IEO de Vigo
Outra das características das lampugas é que son unha especie peláxica e malia que ás veces se achega á costa, prefire vivir nos primeiros metros da columna de auga. Ademais, estes peixes son grandes migradores. Segundo un estudo que cita Velasco, son capaces de realizar desprazamentos estacionais de aproximadamente 2.000 quilómetros en liña recta. “Aínda non se sabe con exactitude cales son os motivos polos que migran, pero poderían estar asociados a temas reprodutivos e de crecemento”, apunta a investigadora. E apunta outra hipótese: que os movementos das lampugas estean especialmente condicionados pola temperatura da auga malia que haxa outros factores, como as correntes, os ventos, ou a tipografía do fondo que tamén poidan influír nos seus desprazamentos.
Un dos aspectos que máis sorprenden a Velasco é a rápida taxa de crecemento que adoita ter esta especie. “Medra moitísimo. No primeiro mes pode medir 20 centímetros e despois do ano e medio pode acadar xa o metro de lonxitude”, sostén. As lampugas tamén teñen un ritmo de vida moi acelerado e unha esperanza de vida que non supera os catro anos. “Nas augas quentes teñen un metabolismo moi rápido e para mantelo precisan comer moito, por iso son moi voraces”, apunta Velasco, que enumera as sardiñas, as xardas e os xurelos como a súa principal fonte de alimento. Ademais, teñen un desenvolvemento sexual moi rápido e presentan un dimorfismo sexual bastante acusado, segundo explica Velasco. Máis alá da súa cor rechamante, é fácil identificar os machos de lampuga pola súa crista ósea.
Outras especies tropicais en Galicia
Esta especie de cores vivos chamou a atención de Rogelio Santos e de tantos outros mariñeiros que, a través das redes sociais, mostraron o seu asombro nos últimos días polos exemplares atopados en Malpica. Incluso algúns deron testemuña da captura accidental dalgunha lampuga. “Se só fora o feito illado desta especie non sería tan preocupante, pero está coincidindo que chegan outros peixes de augas máis cálidas nun mesmo período”, explica o divulgador, alertando das altas temperaturas que se acadaron este verán. Velasco apoia esta tese e asente: “As augas estanse quentando e prodúcense cambios na distribución des especies”. A este respecto, sinala que xa chegaron a augas galegas o peixe limón (Seriola dumerili), o sanmartiño de prata (Zenopsis conchifer) e o peixe sapo lusitano (Halobatrachus didactylus).
“O preocupante é que están chegando outros peixes de augas máis cálidas nun mesmo período”
ROGELIO SANTOS QUEIRUGA, mariñeiro e divulgador
Máis alá da ciencia, a linguaxe fala por si soa. Velasco vén a confirmar o que o galego, como idioma, deixa en evidencia. Dende o proxecto A Chave, creado polo veterinario e filólogo Silverio Cerradelo Gómez, indícase que os termos correctos para denominar a especie Coryphaena hippurus en galego sería dourado macho, dourado común ou dourado do mar. Porén, no dicionario da Real Academia Galega (RAG) ningún termo asociado a dourado se vincula con esta especie, senón coa Sparus aurata, a dourada propiamente dita que si é habitual nas nosas augas. O mesmo acontece co Seriola dumerili (pez limón en castelán) que, segundo A Chave, debería denominarse charuteiro grande, que tampouco aparece no dicionario. No caso do Sanmartiño de prata e o peixe sapo lusitano, tan só aparecen asociados ao termo principal (Sanmartiño e peixe sapo, respectivamente) pero sen unha entrada específica para a súa especie, como si acontece con outros peixes como a sardiña, o salmón ou a pescada, propios das nosas augas.
A lingua non mente: o que non recoñece a fala non existe. Non existe, polo menos, na nosa cultura, capaz de describir a chuvia con decenas de palabras distintas pero sen un nome recoñecido oficialmente para a lampuga. Un feito tan simple deixa entrever, máis alá da confirmación da ciencia, que estas especies non son nosas. Porén, a ciencia advirte que nun futuro próximo si o serán e precisaremos de termos específicos para describrilas. Xa o di Rogelio, que leva décadas no mar. E xa o din os que, coma el, perciben que algo está a cambiar nas aguas de Galicia (e do mundo). E non precisamente para ben.
HABERÍA POR TANTO QUE OS CIENTÍFICOS E LINGÜISTAS DO MAR IR PROPOÑENDO UN NOME PARA O GALEGO TENDO EN CONTA , DESDE LOGO , A SOLUCIÓN PORTUGUESA …
A presenza de Coryphaenaq hippurus xa foi referida con anterioridade, por exemplo en “Marine fishes from Galicia (NW Spain): an updated checklist”; RAFAEL BAÑON,,DAVID VILLEGAS-RÍOS, ALBERTO SERRANO, GONZALO MUCIENTES2& JUAN CARLOS ARRONTE en Zootaxa 2667: 1–27 (2010)www.mapress.com/zootaxa/, e moi provabelmente noutras publicaccións anteriores. Por tanto, é probábel que se trate dun fenómeno recorrente e, porén, sen negar en ningún dos puntos a veracidade do artigo, pode resultar un pouco alarmista. Conviría revisar as citas anteriores nas variadas fontes e estabelecer si se trata dun fenómeno cíclico, cales son os parámetros que concordan coa aparición desta especie e se a súa fracuencia aumentou recentemente e de que maneira.