Os morcegos tamén precisan quen os protexa

Preto dunha trintena de especies de quirópteros viven en Galicia, e 11 delas figuran no Catálogo de Especies Ameazadas

A visión que a especie humana ten cara a outros animais está moitas veces mediada pola ficción, tecendo un veo de crenzas que non adoita corresponderse coa realidade. E os morcegos, desde logo, non saen gañando da imaxe que se construíu a través das obras literarias e cinematográficas sobre vampiros e outros seres fantásticos. Coa pandemia da Covid-19, ao atribuír a procedencia do virus a esta orde de animais, avivou a animadversión cara ao que é un dos tipos de mamíferos con maior diversidade (máis de 1400 especies distintas) e presenza no planeta, sendo ademais os únicos capaces de voar.

En Galicia estímase que hai arredor de 26 especies de morcegos, das que 11 se inclúen no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Como acontece con moitos outros taxóns, tampouco se libran da vulnerabilidade que supón a destrución de hábitats e a fractura de cadeas tróficas causadas polo impacto humano nos ecosistemas. Hai case 15 anos, a asociación Drosera puxo en marcha o programa “Morcegos de Galicia”, que aglutina o traballo de moitas persoas preocupadas polos quirópteros. A iniciativa é un dos principais núcleos de investigación, conservación e divulgación desta orde de animais no territorio galego. Neste tempo converteuse na actividade principal de Drosera, que na última asemblea aprobou cambiar o nome da entidade a Morcegos de Galicia.

Publicidade

O descoñecemento

“Son tan fascinantes e vulnerables que, a pouco que se aprenda deles, adoita cambiar a percepción negativa”, explica Roberto X. Hermida, biólogo e membro da asociación Drosera para o estudo e conservación do medio natural. Pero de entrada, a pesar da sona que os morcegos acadan na ficción, descoñécense moitas das súas características. “Hai moito descoñecemento sobre os morcegos, e isto é unha porta de entrada para os mitos e as falsas crenzas”, advirte Hermida. Así, por exemplo, aínda que está moi estendida a visión dos morcegos como animais que devecen polo sangue, só tres das máis de 1400 especies se alimentan dela, e todas habitan en América.

Só tres das máis de 1400 especies de morcegos se alimentan de sangue, e as tres habitan en América

Desde Drosera apuntan, neste sentido, da necesidade da divulgación en colexios, asociacións e outros colectivos, a través de elementos como unidades didácticas, para transmitir a “importancia, a diversidade e as sorprendentes adaptacións dos morcegos”.  Un dos aspectos nos que se incide, por exemplo, é no relevante papel polinizador e de dispersión de sementes que teñen, ao alimentarse de froitos que espallan nos seus voos, ou no control dalgunhas pragas na agricultura, ao cazar determinados insectos daniños para os cultivos. A procesionaria do piñeiro, a couza da pataca, a da vide ou a do buxo son avelaíñas, un dos grupos sobre os que máis depredan os morcegos.

Publicidade

Ademais do escaso coñecemento de parte da sociedade, a falta de estudos en profundidade sobre a situación das poboacións de quirópteros en Galicia dificulta o seu seguimento, nunha liña semellante ás eivas que afectan a outras especies. “Queda moito por facer no estudo da distribución e ecoloxía. Pero tampouco son os morcegos un caso especial neste sentido. En Galicia, os mamíferos de pequeno tamaño son complicados de estudar e, cando voan de noite, aínda máis”, expón Hermida.

 Hibernantes, lonxevos e cun sexto sentido

Pola súa morfoloxía, os morcegos son un exemplo único do camiño evolutivo que se percorreu das aves e mamíferos. Coma estes, manteñen estable a temperatura corporal, teñen mamas coas que alimentan con leite ás crías e teñen o corpo cuberto de pelo. Pero ao tempo posúen outros trazos adaptativos máis salientables, como a súa lonxevidade (ata 40 anos), a capacidade de voar grazas á membrana que une os seus dedos (chamada pataxio) ou o chamado sexto sentido, a ecolocación: mediante a emisión de ultrasons, e grazas a unha membrana no interior da orella, chamada trago, son quen de facer unha radiografía da súa contorna, medindo as distancias aos obstáculos, o tamaño e a velocidade á que se moven os corpos que os rodean e mesmo a textura. Esta habilidade permítelles ser cazadores hábiles.

Outra das imaxes que se adoita difundir deles é a súa posición boca abaixo, suspendidos coma un péndulo de todo tipo de estruturas e cavidades. Así poden pasar meses, pois ao tratarse de animais hibernantes, manteñen unha actividade mínima durante o outono e o inverno. Esta capacidade é posible grazas a un mecanismo de bloqueo dos tendóns que retraen as patas. Mesmo resiste despois de mortos; é dicir, o individuo pode falecer pero o bloqueo das súas extremidades manteno pendurado.

Son quen de analizar a súa contorna a través de ultrasons grazas á ecolocación

As especies en Galicia

Ademais das limitacións sobre a situación dos quirópteros en Galicia por mor da falta de análises das poboacións, a súa diversidade impide facer unha valoración conxunta, segundo explica Roberto Hermida. “Cada especie é diferente, ten hábitos e necesidades distintas, e requiren de métodos de estudo moitas veces diferentes”. Así, “a distribución dalgunhas especies máis comúns e doadas de detectar está bastante definida desde hai anos xa, pero temos outras máis complicadas das que apenas sabemos que están presentes nuns poucos puntos. Queda moito por facer no estudo da distribución e ecoloxía en xeral”.

Deste xeito, “a algunhas especies moi adaptables, como Pipistrellus pipistrellus, parece irlles ben. O morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros) probablemente estea a vivir un momento doce, con multitude de casas abandonadas para usar de refuxio e unha cobertura forestal enorme”, explica Hermida.

Mais por outra banda, outros taxóns “tiveron que notar moito a case desaparición do gando no campo”, pois “a maioría das vacas agora están estabuladas e non deixan os excrementos nos prados, o que, xunto con outros cambios nos usos agrogandeiros, levou a unha caída das poboacións de insectos que son a súa fonte de alimentación”. A menor presenza de bestas salvaxes nos montes, a cuxos excrementos acoden insectos que son présa de especies como o morcego de ferradura grande (R. ferrumequinum), tamén impactan na súa conservación.

Desde Morcegos de Galicia estase traballando tamén con outras especies, como Pipistrellus nathusii, un morcego migrador do que non hai citas oficiais pero si rexistros da súa presenza, e da que se sabe pouco no territorio galego.

Once especies de morcegos figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas

Sobre as catalogadas como ameazadas, Roberto Hermida expón que probablemente sería preciso incluír algunha máis nesta lista, como “a recentemente descrita Myotis crypticus, que ten unha área de distribución moi pequena e está moi ligada a bosques”.

Outros quirópteros en situación delicada son os que dependen de hábitats escasos, como os bosques: “Aí temos algunhas especies do xénero Myotis (M. bechsteinii, M. mystacinus, M crypticus, M. alcathoe) e Nyctalus (N. leisleri e N. lasiopterus, que é o morcego máis grande de Europa). En Galicia pode chamar a atención dicir que os bosques son escasos, pero así é: temos centos de miles de hectáreas de plantacións de eucaliptos, pero moi pouco bosque”, reflexiona Hermida.

Outras especies dependentes de cavidades, como os morcegos de ferradura (xénero Rhinolophus), Miniopterus schreibersii ou Myotis myotis, vense afectadas pola degradación de covas e galerías mineiras nas que a persistencia de quirópteros é cada vez máis complicada, ben polas visitas que reciben ou polos peches non adaptados á presenza destes animais.

Elo clave nos ecosistemas

Podería parecer que a vida se detén na natureza cando chega a noite, pero son moitas as especies que, canda os quirópteros, manteñen unha intensa actividade nocturna.”Os morcegos europeos son os grandes consumidores de insectos nocturnos e, por tanto, os grandes reguladores das súas poboacións”, explica Roberto Hermida. Xogan un rol, por tanto, “na dinámica dos ecosistemas, pois os insectos son a gran biomasa animal dos ecosistemas terrestres”.

Está comprobado, por exemplo, como os morcegos controlan o grao de defoliación das árbores do bosque ao regular as poboacións de insectos, e como preveñen outros inconvenientes. “Máis dunha vez calculouse o impacto económico da actividade depredadora dos morcegos e as cifras son enormes: cada ano os morcegos contribúen con miles de millóns de euros a nivel mundial no control de pragas agrícolas”, destaca o biólogo de Drosera.

Un exemplar de Rhinolophus hipposideros, pendurado nun refuxio grazas ao mecanismo co que os morcegos conseguen ficar suspendidos durante longos períodos. Foto cedida por Roberto Hermida.
Un exemplar de Rhinolophus hipposideros, pendurado nun refuxio grazas ao mecanismo co que os morcegos conseguen ficar suspendidos durante longos períodos. Foto cedida por Roberto Hermida.

Debido a isto, “en moitos lugares están reforzando as poboacións de morcegos con refuxios artificiais” co obxectivo de protexer os cultivos “En España temos un caso de éxito nos arrozais do Delta do Ebro, onde hai anos que se consigue controlar a praga do barrenador do arroz (outra avelaíña) grazas aos morcegos, sen necesidade de insecticidas, cos beneficios ambientais e para a saúde humana que iso implica”, comenta Hermida.

Morcegos e virus

Hai uns días, desde Morcegos de Galicia facíanse eco dun artigo publicado na revista Biological Conservation no que se advertía de que a falta de información clara sobre o vínculo entre os morcegos e o SARS-CoV-2 repercutía negativamente na percepción que a cidadanía ten arredor destes animais. “As continuas mensaxes que aparecen nos medios de comunicación, incluso en comunicados oficiais, culpabilizando aos morcegos de ser a orixe da pandemia, non están a axudar”, lamenta Roberto Hermida

Así, a simplificación do proceso complexo que supón a xénese dunha zoonose fai que se acade “ata ese punto absurdo de chegar a crer moita xente que isto comezou cunha sopa de morcego”, lembra o biólogo. Mais “a realidade é que a orixe epidemiolóxica do virus segue a ser unha incógnita; non se sabe desde que especie animal saltou o virus por primeira vez a unha persoa”, apunta Hermida.

Por iso, aínda que se mencione continuamente aos morcegos, a “distancia evolutiva” entre o SARS-CoV-2 e os virus máis parecidos atopados neles está entre 50 e 70 anos. “É dicir, aínda supoñendo que este virus tivese a súa orixe evolutiva no virus detectado en morcegos (algo que non se pode afirmar de momento), teríase diferenciado hai polo menos 50-70 anos, e do que pasou nese tempo, o que levou ao virus a adquirir esta capacidade de infección en humanos, non se sabe absolutamente nada”, explica.

A reflexión desde Drosera é que “todas as especies silvestres poden transmitirnos enfermidades, igual que nós podemos transmitirllas a eles”. Así, unha das recomendacións de traballo para as persoas que manexan habitualmente morcegos é o uso de máscara. “Pero non é para protexernos nós, senón para protexelos a eles! Non sabemos o impacto que podería ter este virus nas nosas poboacións de morcegos, para os que este coronavirus é tan alleo como para nós”, salienta Hermida.

Hai, con todo, outros riscos sobre a especie que se poden evitar con medidas sinxelas. “A única enfermidade que poderían transmitir morcegos a humanos en Europa é a rabia, e sábese que dúas especies de morcegos son reservorios deste virus”, destaca o biólogo, que advirte ao tempo que “protexerse dun posible contaxio é moi doado, nunca se deben coller coa man”. Mais en condicións normais, non adoitan sacar o dente. “Son especies moi pacíficas. Cando rebolen ao noso arredor é por curiosidade ou porque están asustados, non por agresividade”.

Que facer se atopamos morcegos nalgunha casa?

Os morcegos poden atopar lugares para refuxiarse na natureza, máis tamén en construcións erixidas polo ser humano. Calquera oco nun tellado, nun sobrado, nunha fenda, pode ser un lugar acaído para agocharse.  “Se vivimos nunha contorna rural, seguro que temos morcegos na casa ou nas proximidades; mesmo no medio urbano non será nada raro que algúns morcegos usen algún oco do noso edificio ou de edificios veciños para refuxiarse”, sostén Roberto Hermida.

Mais o actual contexto da pandemia, sumado aos prexuízos e o descoñecemento sobre a especie, pode espertar o rexeitamento cara a estas colonias. Non é, de feito, a primeira vez que se constata a eliminación dalgunha colonia. Mais desde Drosera manifestan que o labor de divulgación e concienciación xa ofrece bos resultados. “Temos que dicir que xa vimos mudar a percepción negativa sobre os morcegos moitas veces, e algunhas colonias seguen refuxiándose en casas, igrexas ou mosteiros, grazas ao compromiso dos seus propietarios, que souberon descubrir a importancia dos morcegos”. Neste sentido, desde Morcegos de Galicia  establécense acordos con propietarios para ofrecer acompañamento e información para facilitar a convivencia”.

A convivencia é posible na gran maioría dos casos “En Galicia temos especies de morcegos que, como resultado de miles de anos de transformación do medio polos humanos, adaptáronse a criar exclusivamente en construcións humanas, como o morcego de ferradura pequeno”. Mais no caso de que poidan xurdir conflitos, como os causados polos ouriños e os excrementos, en Drosera insisten na necesidade de actuar correctamente. ” Polo xeral, molestias e medos poden superarse adoptando sinxelas medidas de prevención e ofrecendo ós propietarios a información axeitada”.

Neste sentido, reclaman máis participación das autoridades: “Bótase en falta un maior apoio e acompañamento desde a Administración, pois as persoas que conviven con morcegos precisan información e ás veces unha man ou un consello para mitigar molestias; e ás veces tamén se fai preciso o desaloxo, e nese caso débese facer ben para non causar danos”, resumen.


Para máis información:

Se tes morcegos na casa e buscas información ou desexas colaborar no proxecto de conservación de morcegos en construcións, podes contactar con Morcegos de Galicia deste xeito:

Correo-e: info@morcegosdegalicia.org
Teléfono: 670 514 888.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Morcegos contra mosquitos tigre: a estratexia (complementaria) que se vai probar en Moaña

O concello do Morrazo está a preparar a instalación de 30 caixas-refuxios de quirópteros como alternativa natural contra o 'Aedes albopictus'