Venres 11 Outubro 2024

O efecto das vacinas: primeiros sinais da inmunización en Galicia

Os datos do Ministerio de Sanidad e a Xunta de Galicia constatan a caída da incidencia nas residencias, cun menor número de mortes e casos graves

A pesar do camiño que queda por diante para que a cidadanía deixe atrás o pesadelo causado pola pandemia da Covid-19, hai unha pequena parte da sociedade que xa ve preto a luz ao final do túnel. E trátase, ademais, dun dos colectivos que máis padeceu a crueza do coronavirus: o dos centros residenciais, nos que se produciron miles de falecementos por mor do SARS-CoV-2, principalmente na primeira onda de primavera de 2020. A pesar de que algunhas residencias galegas volveron sufrir un duro golpe na terceira onda, o proceso de inmunización en marcha desde decembro de 2020 conseguiu frear o agravamento dos posibles brotes.

Así o confirmou este luns o director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias, Fernando Simón, que destacou a menor incidencia de novos casos entre a poboación maior de 65 anos que vive en residencias observada nas últimas semanas. E son máis os indicadores que así o constatan, como se pode ver baixo estas liñas. Mentres que a detección de casos da terceira onda no conxunto da poboación superou notablemente a da segunda, as cifras foron semellantes dentro das residencias de persoas maiores ou con discapacidade nas ondas de novembro e xaneiro.

Publicidade

A diferenza obsérvase nas porcentaxes que representaban os casos activos nestes centros respecto ao total de infeccións activas. Se na primeira onda, a comezos de abril (cando a Xunta de Galicia comezou a achegar os datos destes centros), os casos activos ascendían ata preto dos 1.500 e representaban máis do 35% de todos os rexistrados en Galicia, na segunda onda chegaron ata o 15% e nesta terceira apenas pasaron do 5%.

Este indicador, con todo, tamén precisa de contexto. Porque o nivel da transmisión na poboación que estourou a partir do Nadal, unido ás medidas de prevención establecidas nas residencias, fixeron que esta porcentaxe fose menor. Mais tamén é indubidable que a inmunización reduciu o agravamento dos brotes nos que se puido completar a pauta das dúas doses da vacina.

Publicidade

Aínda así non se puideron evitar graves brotes en residencias como as DomusVi de Vimianzo, Carballo ou Laraxe-Cabanas, a Quercus de Leiro, a Nosa Señora do Carme de Sarria, Pai-Menni de Betanzos ou NS Fátima y Cristo Rey de Crecente, que causaron, no seu conxunto, preto de 200 falecementos vinculados a centros residenciais desde finais de decembro. A vacina para estas persoas non chegou a tempo. Nestes lugares, por mor dos surtos, retrasouse a inmunización ata que se solvente a situación.

Menos falecementos e casos graves ca na segunda onda

Mais estas mesmas cifras apuntan a que o dano causado dentro das residencias polo SARS-CoV-2 é menor desde que comezou o proceso de vacinación. Entre mediados de setembro e as vésperas do Nadal, punto de partida e de ‘freo’ da segunda onda antes do estourido da terceira, faleceron en Galicia 548 persoas con Covid-19. Delas, case o 40% (218) estaban vinculadas a centros residenciais.

Desde o comezo da terceira onda, a partir do 23 de decembro, e aínda que nun rango de tempo máis curto, faleceron preto de 740 persoas por mor do coronavirus en Galicia. Porén, as pertencentes a residencias non chegan ás 200, o que supón algo máis do 26% do total.

Esta tendencia tamén se observa no conxunto de España. Os brotes asociados a residencias reducíronse á metade desde mediados de xaneiro na información que achega o Ministerio de Sanidad.

As cifras estanas constatando os profesionais que traballan nestes centros. Tal e como declarou estes días a La Voz de Galicia Miguel Vázquez, presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, “nós ó que estamos vendo é que os que contraen a enfermidade despois de recibir a primeira dose practicamente non teñen síntomas, febrícula e pouco máis“.

Con todo, é probable que o efecto sexa aínda máis patente nas vindeiras semanas. Aínda que a protección xa é maior arredor de 15 días despois da primeira dose de vacinas como a de Pfizer (a administrada de forma maioritaria nestes centros), a inmunidade plena, coa eficacia superior ao 90% observada nos ensaios clínicos, non chega ata arredor de unha semana ou 10 días despois da segunda das doses. Segundo datos proporcionados este luns polo Goberno español, máis de un millón de persoas recibiron as dúas doses no territorio estatal, 55.343 en Galicia. Isto significa que como moi tarde dentro dunha semana o 2% da poboación galega xa estará inmunizada.

Esta situación levou este luns á Xunta de Galicia, como xa están facendo outras comunidades autónomas, a iniciar a nova ‘desescalada‘ nos centros onde xa se completara a vacinación e pasara o tempo preciso para que as persoas vacinadas acadasen a inmunidade plena. Así, as visitas pasarán de ser unha por semana a tres por semana, con dous familiares de referencia, e no caso dos centros de discapacidade volveranse autorizar as saídas de fin de semana.

Vacinación a maiores de 80 anos

A protección acadada xa nas residencias estenderase nas vindeiras semanas a outro dos colectivos máis vulnerables. De acordo ao plan de vacinación, despois das persoas vinculadas a centros residenciais, sociosanitarios e persoal de primeira liña, abordarase a seguinte fase: os maiores de 80 anos comezarán a recibir as doses, probablemente a partir da vindeira semana. Farase despois dun sorteo no que saíu a letra ‘h’, e o proceso completarase, de cumplirse a provisión de doses prevista, a comezos de maio. Con todo, esta data podería adiantarse de aprobarse novas vacinas como a de Janssen, dunha única dose, e da que España mercou 20 millóns de unidades. Protexer a este grupo de idade, que representa máis do 70% das persoas falecidas por Covid-19 en Galicia desde o comezo da pandemia, redundará nunha redución da mortalidade nas vindeiras semanas e meses.

Ao mesmo tempo, outro persoal sanitario e sociosanitario e traballadores esenciais doutros sectores menores de 55 anos (ao limitarse a esta idade a recomendación da vacina de AstraZeneca) comezará tamén a ser inmunizado proximamente.

Aínda que por agora a inmunización só garante a redución da gravidade da infección, mais non frea totalmente a capacidade de infectar a outra persoa, moitas persoas expertas coinciden en que a protección redundará na posibilidade de transmitir o virus. Para evitar contratempos, por agora segue sendo esencial o mantemento das medidas de prevención, como o uso de máscara, a distancia social, a hixiene de mans e a ventilación, entre outras prácticas, para conter a propagación do SARS-CoV-2.

Do mesmo xeito, mantense a incerteza sobre a posibilidade de que novas variantes do virus poidan reducir a eficacia dalgunhas vacinas. Este é un escenario co que xa se traballa noutros virus epidémicos, como o que causa a gripe, e que obriga a mudar de vacinas cada ano para adaptarse ás novas cepas.

Primeiros estudos que constatan o efecto das vacinas

A pesar dos bos sinais, por agora os efectos da vacina só se poden expoñer mediante correlacións, pero xa agroman as primeiras análises a gran escala que constatan como a inmunización é a gran esperanza contra a pandemia. En Israel, un dos países máis avanzados no proceso, un ensaio clínico confirmou como a vacina de Pfizer-BioNTech conseguiu reducir nun 94% os casos sintomáticos de coronavirus.

A investigación analizou os datos de 1,2 millóns de persoas usuarias de Clalit, unha das mutuas sanitarias de referencia no país. A metade (600.000) recibiron a vacina, e a outra metade non foran inmunizadas. Coa supervisión da Universidade de Harvard, constatouse que os síntomas caeron un 94% no grupo vacinado, e os casos máis graves caeron nun 92% respecto a quen aínda non recibira as dúas doses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Nova vítima mortal de Crimea-Congo: que é, como se contaxia e como pode afectar a Galicia

O virus que causa a enfermidade da febre hemorráxica xa está a circular no territorio galego, segundo o último informe do laboratorio que realiza o seu seguimento

O lado escuro dos ‘influencers’: a publicidade de produtos que quere evitar Sanidade

Os galegos Guillermo Carracedo e Sara Seco apoian o novo proxecto de lei, que restrinxirá a promoción de artigos sanitarios nas redes sociais