Tecnoloxía láser para detectar danos na fuselaxe dos avións

Investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo exploran a utilización de tecnoloxías de baixo custo para o control de crocaduras

Os avións, cando voan, sofren por exemplo impactos de aves ou graínzo que producen crocaduras na súa fuselaxe. Estas crocaduras deben medirse durante as operacións de mantemento e valorar se se atopan por baixo ou por riba dos límites permitidos. Afondando neste eido, investigadores da Universidade de Vigo levaron a cabo un estudo sobre o control de crocaduras en fuselaxes de aeronaves empregando técnicas sen contacto como a fotogrametría e sistemas Lidar. Nel, apuntan os seus autores do traballo, “demostrouse como a tecnoloxía Lidar podería ser unha boa candidata para escanear determinadas partes da fuselaxe, xa que se trata dunha superficie totalmente homoxénea con boas propiedades de reflectividade”.

O estudo foi publicado recentemente na revista Measurement nun artigo titulado Metrological comparison of Lidar and photogrammetric systems for deformation monitoring of aerospace parts, asinado por Higinio González, profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense; Enrique Aldao, egresado do mesmo centro, e José Antonio Pérez, profesor da Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo. O profesorado da UVigo participante poñe en valor como este estudo naceu a partir do traballo fin de grao en Enxeñaría Aeroespacial de Enrique Aldao, dirixido por Higinio González e titulado Medición de deformacións de fuselaxes de aeronaves empregando sistemas de escaneado 3D embarcados en UAV.

Publicidade

Higinio González, Enrique Aldao e José Antonio Pérez son os autores do traballo.

Ese TFG, destacan, defendeuse a finais do pasado curso académico e foi un dos primeiros lidos na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, cando a primeira promoción deste centro, da que Aldao forma parte, conseguiu rematar a súa formación de grao coa defensa dos seus traballos fin de estudo.

Resultados prometedores

O mantemento aeronáutico, comentan os autores do estudo, “é un dos aspectos fundamentais no transporte aéreo” e a inspección de fuselaxes e superficies aerodinámicas é unha tarefa moi importante neste mantemento. Tradicionalmente, detallan, esta tarefa tena realizado o persoal de mantemento, que revisa manualmente todas as partes da fuselaxe. Neste contexto, os investigadores da UVigo puxeron a proba técnicas de fotogrametría e sistemas Lidar, que “permiten obter de forma precisa a xeometría dun obxecto e determinar se se atopa dentro das tolerancias permitidas”. Ademais, engaden, no seu traballo exploraron “a utilización de técnicas de baixo custo, que se poden embarcar en pequenos drones, de forma que estes sirvan como ferramentas que dean accesibilidade aos inspectores para facilitar realizar as medicións sen a necesidade de estruturas complementarias, como estadas ou guindastres”.

Publicidade

Concretamente, no seu estudo avalían a viabilidade de implementar sistemas de escaneamento 3D portátiles de baixo custo para realizar estas tarefas de inspección de maneira “fácil e precisa”, realizando unha comparación metrolóxica entre un sensor Lidar, unha cámara dixital con software de fotogrametría e unha cámara estereoscópica. “Caracterizouse o seu comportamento así como as súas principais fontes de erro para determinar que tecnoloxía é a máis axeitada para inspeccionar superficies aeronáuticas”, comenta os autores dos traballos. O sensor Lidar empregado, o Kinect One, detallan os investigadores, “amosa os resultados máis prometedores e abre a posibilidade de aplicar esta tecnoloxía ás tarefas de mantemento de aeronaves no futuro”.

Neste senso explican como “foi capaz de detectar e cuantificar deformacións da orde dun milímetro nas probas realizadas, o que é destacable considerando o seu baixo prezo. É un claro indicador do potencial que ten a tecnoloxía Lidar sobre superficies homoxéneas sen textura”.

Probas de detección de crocaduras do estudo.

No estudo, indican os seus responsables, “demostrouse como a tecnoloxía Lidar podería ser unha boa candidata para escanear determinadas partes da fuselaxe, xa que se trata dunha superficie totalmente homoxénea con boas propiedades de reflectividade”. Neste senso, os investigadores comentan como “o escaneamento láser e a tecnoloxía fotogramétrica amosan potencial para a inspección de superficies aeronáuticas como o fuselaxe ou a hélice dunha aeronave. Porén, a falta de textura nalgúns casos dificulta o proceso de escaneamento”. No traballo desenvolvido, a tecnoloxía Lidar, apuntan, “funcionou moi ben” en superficies con propiedades ópticas uniformes aínda que presentou algúns problemas en materiais con baixos valores de reflectividade.

Sobre os resultados acadados, os autores do artigo sinalan como se obtiveron en determinadas condicións de laboratorio, en ausencia de erros ambientais e empregando técnicas de posprocesamento. “Para estender a tecnoloxía de escaneamento tridimensional para a inspección aeronáutica, é necesario asegurar unha alta confiabilidade e robustez fronte a perturbacións externas. Ademais, as tendencias futuras poderían integrar as capacidades dos sistemas de avións non tripulados para mover os escáneres 3D pola fuselaxe”, afirman.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto liderado pola USC alimentará vehículos espaciais con enerxía láser

Un equipo do CiTIUS recibe 4,7 millóns de euros de Europa para unha tecnoloxía que tamén terá aplicacións na agricultura e na industria

Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

As expresións emocionais dun documento altomedieval do mosteiro de San Salvador de Celanova poderían suxerir un matrimonio homosexual

Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración