Zoonoses: unhas vellas coñecidas que non saen de laboratorios segredos

O coronavirus SARS-CoV-2 ten a súa orixe en animais, como moitas das grandes pandemias que afectaron á Humanidade

Botando a vista cara a atrás na historia, moitas das enfermidades infecciosas que se converteron en pandemias e golpearon á Humanidade teñen un nexo común: foron doenzas que circularon nun primeiro momento entre outros animais para, debido a determinadas circunstancias, acabar transmitíndose entre seres humanos. A peste negra, moitas das epidemias de gripe, a rabia, o ébola, ou a sida teñen a súa orixe en animais. A bioloxía, tan fascinante ás veces en sentido positivo, pode noutras ocasións lanzar os dados de forma que estouren problemas moi serios para as civilizacións humanas, chegando a cambiar o curso da historia.

Co gallo da pandemia da Covid-19, causada polo coronavirus SARS-CoV-2, houbo quen atribuíu a súa orixe a unha suposta síntese dun virus nun laboratorio segredo. O argumento funcionaría ben nun filme de ciencia-ficción: un grupo de científicos malvados deseña un virus a medida para espallalo por todo o planeta e causar unha catástrofe de gran magnitude. Pero a propia ciencia pode ofrecer unha explicación máis complexa, aínda que menos conspiranoica: segundo as investigacións realizadas en todo o mundo desde hai moitos anos, estímase que un 70% das novas enfermidades que afectan a seres humanos teñen a súa orixe nos animais. Este fenómeno ten un nome: zoonoses.

“As zoonoses son as enfermidades que se transmiten dos animais ao home; e delas hai dous grupos principais: as que se transmiten directamente, como a brucelose, que se adquire polo consumo de produtos dun animal infectado, ou contacto con ese animal; e por outra banda están as zoonoses como o actual coronavirus, a gripe ou o ébola, que comezan transmitíndose de animais a persoas e, posteriormente, poden converterse nun problema serio porque  adquiren tamén a capacidade para transmitirse entre persoas”, explica Gonzalo Fernández Rodríguez, profesor de Sanidade Animal e decano da Facultade de Veterinaria da USC no campus de Lugo.

A peste negra, a gripe de 1918, o ébola, a rabia ou o VIH teñen a súa orixe en animais, e despois comezaron a transmitirse a humanos ou entre humanos

O problema agravouse nas últimas décadas, pero ten unha longa traxectoria na historia da Humanidade. Na actualidade, o SARS-CoV-2 é o coronavirus máis coñecido polo impacto que causou, pero non é, nin moito menos, o primeiro que chega a nós. A peste negra, unha das pandemias máis mortíferas, arrasou Europa no século XIV e marcou os séculos posteriores. E estaba causada pola bacteria Yersinia pestis, que ten a capacidade de ser letal para o ser humano se non se trata de forma axeitada, algo imposible cos recursos e o coñecemento científico da Idade Media. Esta bacteria viaxaba nas ratas, que a súa vez levaban con elas pulgas que actuaban como vectores da Y. pestis. A falta de hixiene da época provocaba que as picaduras destes insectos transmitisen a doenza.

Xa no século XX, é moi probable que a gran pandemia da gripe de 1918 tivera a súa orixe nalgún animal, aínda que se descoñece hoxe en día a xénese do virus. Xa na segunda metade do século, o ébola, un dos virus máis mortais coñecidos hoxe, pasou desde os morcegos ás persoas. E crese que o virus da inmunodeficiencia humana (VIH), causante da sida, tamén apareceu primeiro en primates.

Moitas veces, os virus afectan a animais e non ‘saltan’ a humanos, polo que a atención mediática non é tan grande. Porén, o SARS-CoV-2 non é, nin moito menos, un caso sen precedentes neste sentido: “Este virus en concreto ten unhas características que o converteron nun problema grave de saúde pública, pero non é o primeiro coronavirus que pasa de morcegos a persoas, xa é o séptimo. O que acontece é que os outros controláronse moito antes, ou ben causan problemas moi leves, como catarros infantís, que non se converten nunha pandemia mundial”, continúa Fernández.

En Galicia, pola importancia do sector gandeiro, os veterinarios, a través dos servizos de Sanidade Animal, traballan día a día para frear as enfermidades animais que se poden converter en zoonoses. “O que se fai nas granxas é desenvolver programas de control e erradicación de enfermidades. Por exemplo, en Galicia hoxe estamos libres de brucelose, unha enfermidade que hai 20 ou 30 anos causou moitos problemas”, lembra o veterinario. En 2017, despois de seis anos sen positivos, a UE declarou a comunidade libre desta doenza bacteriana, que afectaba especialmente ás crías do gando bovino e podía transmitirse a humanos. Na actualidade séguese traballando contra a tuberculose bovina, e tamén é posible que a rexión sexa declarada indemne proximamente.

É precisamente o coñecemento destas zoonoses o que fai desbotar as conspiracións que circulan sobre a posible orixe artificial do SARS-CoV-2: “É imposible que este virus se fabricase. É dicir, ti podes fabricar un coche novo con pezas de outros coches, aínda que xa se coñecen, pero se de pronto xorde unha peza que non existía noutros coches, é imposible que alguén o fabricase”, exemplifica Gonzalo Fernández.

Antes da aparición do SARS-CoV-2, institucións de todo o mundo xa advertían de que as posibilidades dunha pandemia eran altas por mor da explotación crecente dos recursos da natureza e a destrución de ecosistemas por parte da humanidade. “Hai anos, cando traballaba en prevención de enfermidades na Administración, sempre nos preguntaban cando podería xurdir unha pandemia, e eu contestaba que non se sabía, pero que ía pasar, mañá ou dentro de 40 anos. O que precisamos é ter un sistema básico de resposta, unha estrutura mínima que permita enfrontarse a estes problemas, e que non volva pasar o do coronavirus, que colleu fóra de lugar a todos”, destaca o investigador da USC.

QUIZ: Canto sabes das zoonoses?


Coa colaboración de

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.