Ideas dende a enxeñaría para facer máis rendibles os minifundios

A Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo colabora nun plan con propostas para mellorar a produtividade das pequenas explotacións

Detalle da parcelación dunha área forestal do distrito forestal Verín-Viana. Imaxe: Prominifun.

Os cambios poboacionais e de usos do territorio vividos no medio rural nas últimas décadas teñen provocado o abandono de numerosas superficies forestais que poderían ser postas en valor. Esta problemática constitúe o punto de partida do traballo que desenvolve o grupo operativo supra autonómico Prominifun, do que forma parte a Escola de Enxeñaría Forestal e que busca promover novos modelos de xestión agrupada das propiedades, así como outra serie de “solucións innovadoras” que faciliten a revalorización produtiva dos minifundios forestais.

Con esa idea, o proxecto pon o foco nas diferentes fórmulas e figuras xurídicas que permitirían fomentar a cooperación entre propietarios e abrangue o desenvolvemento de “iniciativas piloto de agrupación nunha serie de áreas de traballo en diferentes comunidades autónomas”, como explica o director da EE Forestal, Juan Picos, que foi o responsable da análise das diferentes figuras de asociación e cooperación que serve como punto de partida para esas experiencias.

Picos, á dereita, xunto aos investigadores da Universidad de Extremadura Juan Carlos Giménez e Javier Pineda, durante a preparación do informe .

Financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 da Unión Europea, no grupo Prominifun. Modelos de gestión innovadores para la mejora de la productividad en áreas de minifundio participan como socios a Fundación Cesefor, a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España, a Federación de Asociaciones Forestales de Castilla y León, a Asociación Profesional de Ingenieros de Montes al Servicio de la Hacienda Pública, Agresta e Föra Forest Technologies, ademais da Universidade de Vigo, á vez que conta tamén coa colaboración da Universidad de Extremadura.

“A recuperación, posta en valor e dinamización das áreas de minifundio no medio rural mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras na xestión do territorio, que permitan solucionar os problemas derivados do seu abandono” constitúe, como recolle a súa web, o propósito central deste grupo operativo, que se executa en 18 provincias españolas. Con ese obxectivo, contempla tanto a análise da estrutura da propiedade e da potencialidade produtiva de diferentes territorios, como o desenvolvemento de propostas e de políticas que favorezan “o acceso á xestión de áreas abandonadas de propiedade descoñecida”, así como a organización do primeiro congreso en España sobre propiedade forestal.

Diferentes alternativas para agruparse e cooperar

En España, máis da metade dos propietarios forestais posúen menos de cinco hectáreas de terra, ao que se suma a súa elevada fragmentación facendo do minifundio unha problemática que “limita a xestión forestal sustentable dos terreos, orixinando e agravando en moitos casos problemas como a existencia reiterada de lumes forestais”, destaca o grupo operativo. Neste punto, Picos sostén que a fragmentación da propiedade “é, máis que un problema, unha circunstancia que pode carrexar dificultades de competitividade económica”, pero, ao mesmo tempo, sinala, “que haxa unha pluralidade de persoas que teñan terras e poidan producir ten tamén aspectos positivos desde o punto de vista social e ambiental”.

Para iso é preciso “actuar en escalas superiores a unha única propiedade”, subliña Picos, que recentemente presentaba aos socios do grupo o informe Análisis comparado de figuras para la agrupación de minifundios forestales. “Trátase dunha primeira análise e unha compilación das figuras que ata agora se estiveron empregando”, sinala Picos, que avalía as posibilidades e limitacións de diferentes tipos de sociedades, como cooperativas, sociedades de fomento forestal ou comunidades de bens, pero tamén outras serie de figuras como a parcería, as alianzas público-privadas ou posibles iniciativas de colaboración, para cuestións como a venta conxunta de madeira, que poden levarse a cabo sen necesidade de ter constituída unha agrupación.

O grupo operativo seleccionou unha serie de áreas piloto de traballo no norte peninsular. Imaxe: Prominifun.

Trátase, como recolle o documento, de figuras xurídicas que “en moitos casos non resultan completamente idóneas para regular o sector forestal desde un punto de vista societario, privado e mercantil”, ás que se suma nesta análise unha selección de modelos de cooperación e agrupación de propietarios levadas a cabo noutros 16 países, na súa meirande parte europeos. O propósito deste traballo, explica Picos, era “revisar todas as posibles alternativas” para logo tratar de “empregar algunha das figuras” e promover iniciativas de xestión agrupada nas diferentes “áreas piloto de traballo”, como o distrito Verín-Viana no caso de Galicia.

A mellor figura é a que xere confianza

A conclusión que Picos extrae desta análise “é que non hai unha única figura que o arranxe todo, xa que cada unha ten as súas vantaxes e inconvenientes e vanse adaptar mellor a un territorio ou outro en función das súas características, do marco xurídico…” De aí que poña de relevo a importancia de que opción escollida xere confianza e promova a implicación das persoas propietarias. “Pode haber modelos que sexan especialmente bos desde o punto de vista fiscal, xurídico e operativo, pero que poidan ser difíciles de implantar”, sinala o investigador, que explica que os procesos de agrupación no eido forestal responden, ao igual que a propia explotación, a “ciclos longos”, polo que resulta “moito mellor comezar por un modelo máis limitado e conseguir que o día a día vaia fortalecendo esa xestión colaborativa e iso permita que estean dispostos a dar pasos máis ambiciosos”.

Para incentivar esa cooperación, unha das cuestións nas que o director da EE Forestal considera prioritario “concentrar os esforzos, máis que en facilitar novas figuras” e no impulso de “reformas xurídicas que acheguen maiores posibilidades desde o punto de vista fiscal e de investigación da propiedade”. Nese senso, a presenza nos montes de parcelas das que non se coñece o propietario constitúen un freo para “propietarios que queren promover unha agrupación”, o que o leva a incidir na necesidade de “reformas que permitan intervir as áreas abandonadas ou que estas sexan tuteladas polas administracións públicas como parte desa agrupación”.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.