Unha epidemia en aumento: “O fígado graxo é unha enfermidade ‘invisible’ ata fases avanzadas”

O doutor Javier Crespo, un dos hepatólogos máis prestixiosos do Estado, sinala que arredor do 30% da poboación adulta presenta algún grao desta afección hepática

Unha de cada tres persoas padece fígado graxo en España. Trátase do tipo máis común de enfermidade hepática no mundo e, xeralmente, provoca inflamación ou aumento do tamaño do fígado, ademais da acumulación de graxa no órgano. Isto pode causar un dano hepático que, co tempo, pode derivar en cirrose —formación de cicatrices graves— ou en cancro de fígado. No marco deste centro de conversa, visitará Pontevedra o doutor Javier Crespo, un dos hepatólogos máis prestixiosos do Estado, para liderar unha xornada o vindeiro 24 de marzo centrada nesta patoloxía hepática metabólica.

A xornada comezará cunha sesión dirixida especificamente a profesionais sanitarios. Pola tarde, contará coa participación do chef Pepe Solla, que abordará a importancia da alimentación saudable xunto co Dr. Crespo, baixo a moderación da Dra. Inhira P. Medrano. Ademais, un dos puntos de maior interese será a realización de probas de detección de fígado graxo, que se levarán a cabo de maneira libre e sen cita previa para todas as persoas que acudan á consulta número 1 do edificio de consultas externas do Hospital Provincial de Pontevedra.

En GCiencia falamos co doutor Javier Crespo sobre as cifras desta enfermidade, os factores que inflúen na súa aparición, os tratamentos dispoñibles, as probas de detección e os principais consellos para previr o fígado graxo.

—Nos últimos fálase cada vez máis de fígado graxo. Estamos ante unha enfermidade en aumento?

—O fígado graxo, tamén coñecido polos hepatólogos como esteatose hepática, é unha enfermidade que medrou de forma clara nas últimas décadas, en paralelo ao aumento doutras patoloxías coas que está estreitamente relacionada, como a diabetes e a obesidade. Dado que ambas están en expansión, tamén o están os casos de fígado graxo.

—A diferenza doutras patoloxías, adoita avanzar sen síntomas claros. Por que ocorre isto e que implica para a súa detección?

—A inmensa maioría das enfermidades hepáticas son “invisibles”, xa que permanecen asintomáticas ata fases avanzadas. No caso do fígado graxo, existe un marcador bioquímico baseado en varios parámetros —transaminasas, idade e plaquetas— chamado FIB-4, que non se emprega de maneira rutineira, pero que sería recomendable incorporar. Este índice permite estimar o risco de evolución da enfermidade, aínda que non serve para diagnosticala por si só. Permite coñecer se o paciente está no pequeno grupo que ten fígado graxo e van evolucionar mal, ou se, pola contra, está no grupo que non vai ter complicacións graves.

—Cales serían as cifras máis relevantes desta patoloxía?

—En Galicia non teño cifras, pero penso que serán iguais ás de España. Estamos falando de que arredor 30% da poboación adulta presenta algún grao de fígado graxo, dende a enfermidade leve ata a grave. Deste grupo, aproximadamente o 80% non desenvolverá unha enfermidade significativa derivada, mentres que o 20% restante si podería evolucionar, e arredor dun 5% chegará a formas graves.

Estímase que ao redor do 2,5% das persoas con acumulación de graxa no fígado poden desenvolver cirrose hepática

—O fígado graxo pode derivar en cirrose ou cancro. Que probabilidade hai de que ocorra?

—Estímase que ao redor do 2,5% das persoas con acumulación de graxa no fígado —o que supón aproximadamente un 1% da poboación adulta—, poden desenvolver cirrose hepática. Unha vez aparece esta, o risco de complicacións graves, incluída a mortalidade, elévase moito. Nos Estados Unidos xa é a principal causa dun transplante hepático e de morte por enfermidade hepática, e en España podería selo en pouco tempo.

—Cales son os factores do día a día que inflúen máis na súa aparición?

—O fígado graxo é unha enfermidade multifactorial. Os factores máis relevantes son o sobrepeso ou a obesidade. Ter diabetes tipo 2 e obesidade va moitas veces da man e, por tanto, o escenario é aínda peor. Tamén existen variantes xenéticas e algunhas características da microbiota intestinal que poden acelerar o curso da enfermidade. Súmase a falta de actividade física.

—E consumir alcol?

—Por suposto, o alcol é un factor determinante. Cando se toma en exceso, cando se ten unha enfermidade relacionada co consumo de alcol —máis de cinco ou seis vasos de viño ao día—, é unha causa maior de enfermidade graxa, independentemente da obesidade ou diabetes. Se unha persoa ten graxa no fígado, a mensaxe é clara: o consumo razoable de alcol é cero, porque cando se suman pequenas cantidades a factores como a morbilidade, diabetes, hipertensión ou dislipemia, o risco de padecer unha enfermidade avanzada multiplícase por dez.

Se unha persoa ten graxa no fígado, o consumo razoable de alcol é cero

—Como inflúen os determinantes culturais e sociais?

—A poboación galega, aínda que ten unha orixe máis celta que a cántabra, de onde son eu, ten determinantes semellantes. O consumo de alcol por persoa non é moi diferente, e a taxa de obesidade e de diabetes tampouco. En xeral, a epidemia de saúde metabólica —que inclúe fígado graxo, obesidade, diabetes, hipertensión e dislipemia— está moi estendida no mundo occidental. É moi maior en Europa que en países africanos ou asiáticos, e é aínda menor que nos países que teñen unha deterioración de saúde metabólica moi grave, como Estados Unidos.

—O fígado graxo pódese reverter ou unha vez aparece é irreversible?

—Pódese reverter, o fígado graxo ten fases. Ao principio, cando ten graxa, é coma se fose unha esponxa con moito sangue. Unha esponxa está máis amarela porque ten moita graxa, e cando un se pon mal, evoluciona cara a unha pedra pómez; é dicir, endurécese moito. Cando só ten graxa, pódese reverter: se baixamos de peso, se controlamos a diabetes, se facemos un pouco de actividade física… Con esas manobras tan sinxelas, controlamos ben a tensión e a disciplina, o que mellorará en gran medida. Se a enfermidade avanzou, as medidas seguen sendo necesarias, pero haberá que aplicar tratamentos médicos.

En 2024, catro galegos probaron o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico. Agora, que tratamentos existen?

—Agora hai dous tipos de tratamentos. Por unha banda, os incretínicos, como a semaglutida, o famoso Ozempic. Ten unha indicación clara para fígado graxo e demostrouse que mellora de forma moi significativa, cunha vantaxe engadida: mellora a diabetes, diminúe o peso, mellora o risco vascular, o risco cardíaco e o risco renal. É un fármaco con ampla eficacia e cuxos efectos secundarios están claramente contrarrestados polos beneficiosos, moito maiores. Xa está aprobado en Estados Unidos e Europa, pero falta a negociación do prezo.

O outro fármaco chámase Resmetirom, un produto fundamentalmente orientado a diminuír a cirrose, as cicatrices do fígado. Xa temos unha enfermidade avanzada, é un tratamento moi ben tolerado e con mínimos efectos secundarios. Como o outro, está pendente de financiamento. Os dous foron aprobados para fases avanzadas, pero é probable que, co paso do tempo, un deles se indique para fases máis temperás do fígado graxo, porque ten efecto tamén en enfermidades máis leves.

—Durante a xornada do 24 de marzo realizaranse probas de detección sen cita previa. En que consisten? Quen se debería presentar para facer este tipo de probas?

—Dende o punto de vista global, débese por un marcador, o FIB-4. É un marcador de sangue gratuíto que fai un cálculo cos parámetros que se sacan dunha análise convencional. Non o facemos, pero penso que é necesario. Penso que o camiño máis razoable sería empregar un FIB-4 con toda a poboación, pero senón, en toda a de risco: persoas de máis de 40 anos, con sobrepeso ou obesidade e/ou enfermidades inflamatorias, como a enfermidade inflamatoria intestinal. Eu miraría aos que padecen dislipemia tamén. Estas características describen a aproximadamente o 70% da poboación.

Se o FIB-4 resulta nun número de risco, o paciente debe ir ao hepatólogo; se non ten risco, ten unha enfermidade leve. Pode pasar que dea un número intermedio, e nese caso teríamos que facer un fibroscan, unha proba que mide a rixidez do fígado. Iso é o que faremos na xornada do 24 de marzo, sen cita previa.

Tanto a dieta atlántica como a dieta mediterránea son exemplos perfectos de alimentación

—Na sesión tamén participará o chef Pepe Solla. Dende a medicina, como sería unha dieta ideal para coidar o fígado?

—O mellor é unha dieta feita con produtos de proximidade, produtos frescos que proveñen de hortas próximas. Que non conteña viño e teña un contido razoablemente baixo en graxas. Eu penso que non hai que dar consellos moi complicados para a poboación xeral: un bo prato de legumes de primeiro, algo con pouco aceite e poucas graxas de segundo e sen alcol. Temos unha comida de proximidade moi rica, non necesariamente moi cara, coa que se pode facer unha dieta extraordinariamente variada e sa. O que temos que evitar son os alimentos ultraprocesados: canto máis procesado, menos merece o nome de alimento.

Así, tanto a dieta atlántica como a dieta mediterránea son exemplos perfectos de alimentación, cunha modificación: cando miramos os gráficos, sempre hai unha botella de viño, dicían que unha copa era boa. Eu quitaríaa. O alcol pode non ser malo para algunhas persoas, pero teño moitas dúbidas de que sexa bo para alguén.

—Finalmente, que consellos daría para previr o fígado graxo?

—En primeiro lugar, unha dieta atlántica ou mediterránea, calquera delas. O segundo, actividade física: non imos facer a un señor ou señora de 65 anos con prótese de cadeira que faga deporte, pero si hai que explicar que movéndose un pouco, consegue moito. Ata fai pouco recomendábanse os 10.000 pasos, pero viuse que con 7.000 xa había unha mellora notable das enfermidades metabólicas. O terceiro sería non tomar alcol. Finalmente, o cuarto é levar a cabo unha análise automática nos laboratorios, da man dos hepatólogos, para facer un test e coñecer se se ten ou non graxa ou fibrose no fígado. Son catro consellos moi sinxelos.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

Salas: “A xenética dos galegos ten máis compoñente norteafricana que a andaluza”

O investigador do IDIS foi un dos poñentes na xornada 'Pontevedra Multicultural. Ciencia pola Igualdade', organizada polo Concello de Pontevedra e GCiencia con motivo do 25N

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Pontevedra xa rexistra máis mortes por cancro de pulmón que o de mama en mulleres

No ano 2024, a provincia galega sumou 159 falecementos por tumor pulmonar, fronte aos 146 causados por carcinoma mamario, segundo datos provisionais do INE