“En última instancia, todos somos froito dunha migración”. Esta foi unha das aprendizaxes que nos deixou o prestixioso xenetista galego Antonio Salas na xornada Pontevedra Multicultural. Ciencia pola Igualdade, organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra e GCiencia con motivo do 25N. O obxectivo principal deste día era analizar os nesgos de raza e xénero na investigación científica do pasado, profundar no racismo climático e mesmo na xenética galega.
Nas primeiras filas, entre o público podemos atopar aos cinco relatores que deron voz as xornadas: África Iglesias, bióloga da Universidade da Coruña (UDC); Laura Castro, profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC; Ignacio Varela Ramos, xeógrafo e investigador no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas (CISPAC); Keina Espiñeira, profesora na Facultade de Socioloxía da UDC; e Antonio Salas Ellacuriaga, catedrático de Medicina da USC, membro do Instituto de Medicina Legal e líder do grupo GenPoB-IDIS. Tamén participou a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, que destacou a importancia da loita baseada na ciencia contra os nesgos de todo tipo baseados.
Na sala, no centro social o Gorgullón, estes profesionais, conducidos pola xornalista de GCiencia Laura Filloy, trataron de dar resposta aos asistentes a algunhas das preguntas máis importantes do termo raza en tres horas: Que son as células HeLa? Galicia é racista? Cales poden ser as consecuencias dos nesgos de xénero e raza na intelixencia artificial? E o máis importante: por que o concepto de “raza” carece de evidencia biolóxica?
Existe o ADN galego?
Durante a súa intervención, o xenetista Antonio Salas presentou o seu último estudo que sinala que arredor do 15% do xenoma galego procede do norte de África e Oriente Medio, unha influencia anterior mesmo á expansión islámica. O traballo permitiu crear un atlas xenético útil para mellorar o diagnóstico de enfermidades e avanzar na medicina personalizada.
Dende o inicio, Salas deixaba claro que “non existen razas puras” e que, en realidade, “todos estamos emparentados”. Explica que, ao afondar na nosa xenealoxía, o número de ancestros medra tanto como 2n. É dicir, temos dous pais, catro avós, oito bisavós, e así sucesivamente. Isto leva ao chamado colapsamento dos pedigrís: as liñas familiares acaban entrecruzándose. El mesmo exemplifica esta mestura co seu segundo apelido Ellacuriaga, de orixe vasca, e coa súa ascendencia portuguesa, arxentina e italiana. Por iso, insiste: “Se cada un de nós mergullamos na nosa xenealoxía, os nosos ancestros son de todas partes do mundo”.
O público estivo atento sobre todo cando mencionou a Galicia: “Galicia ten máis compoñente norteafricano que Andalucía”. Porén, aclara que isto non implica a existencia dun ADN galego diferenciado. A investigación, desenvolvida xunto a Federico Martiñón Torres dende a Universidade de Santiago e o IDIS, conclúe que o chamado “ADN galego” non existe como tal. “O concepto de raza é superficial, non se pode asumir sen estudar o xenoma”, resume Salas, xa que os seres humanos somos iguais nun 99,9%, e mesmo dentro dunha mesma poboación poden existir máis diferenzas xenéticas ca entre grupos distintos.
As células inmortais de Henrietta Lacks
O relatorio sobre os nesgos de xénero e raza na ciencia comezou lembrando o caso de Henrietta Lacks, unha muller afroamericana á que en 1951 diagnosticóuselle un cancro de colo de útero e o equipo médico extraeu células do tumor con fins científicos, dando lugar ás células HeLa, aínda hoxe fundamentais pola súa capacidade única de reproducirse. Como explica a bióloga África Iglesias, “descubríronse moitos tratamentos e avances médicos, pero setenta anos despois non se sabe cal é o misterio“.
A pesar da relevancia destas células, Henrietta Lacks non recibiu recoñecemento e a súa familia tampouco obtivo compensación económica, aínda que agora están a negociar con Termo Fisher Scientific. Para África Iglesias, o esquecemento débese a que ser afroamericana e negra é “unha combinación explosiva para o esquecemento”.

Esta non foi a única declaración que deixou abraiado ao público da xornada Pontevedra Multicultural. Lembráronse tamén outras figuras invisibilizadas, como Katherine Johnson, Dorothy Vaughan e Mary Jackson, matemáticas negras da NASA nos anos setenta, recoñecidas só tras a publicación do libro e da película Figuras Ocultas. Traballaron en condicións marcadas polo racismo e o machismo, onde mesmo existían instalacións separadas. “Non o tiveron fácil, traballaron á sombra”, sinala África Iglesias.
Subliña que, malia que a raza non existe como categoría científica, foi utilizada historicamente para xustificar abusos. Cítanse os experimentos nazis nos campos de concentración e outro caso menos coñecido: o do Imperio Xaponés, que no primeiro terzo do século XX realizou experimentos con poboación chinesa e coreana. “Chegaron a botar unha chuvia de pulgas infectadas de febre hemorráxica sobre unha cidade chinesa”, sinalou a bióloga, unhas declaracións que produciron reaccións de infarto entre os asistentes.
Os nesgos de raza na IA
Os nesgos de raza e xénero continúan hoxe presentes na intelixencia artificial (IA), especialmente nos sistemas adestrados con grandes cantidades de texto da Internet. Durante a súa intervención, a investigadora da UDC Laura Castro sinalou que “os textos dos que beben non poden representar o coñecemento humano”, pois existe unha sobrerepresentación do mundo anglosaxón e unha infrarrepresentación de rexións como África.
Na xornada tratouse un dos casos máis citados, o de Amazon en 2015, cando se descubriu que o seu algoritmo para filtrar currículos penalizaba ás mulleres porque se baseaba en CV de persoas contratadas previamente, “maioritariamente homes e brancos”. Así, ao atopar termos como “Feminina” ou “Mulleres”, o sistema descartábaos. Para Laura Castro, “este é o cabalo de batalla que temos neste 2025 coa confianza cega nas máquinas”.
Pero puidemos aprender que os nesgos tamén afectan ao recoñecemento facial: os sistemas teñen menos dun 1% de erro en homes brancos, pero poden acadar o 25% en mulleres negras, consecuencia dun adestramento desigual. Aínda así, as novas xeracións, xa familiarizadas coa IA xerativa, identifican mellor que moitas descricións responden a estereotipos raciais e de xénero. Segundo Castro, isto reflíctese mesmo no ton das respostas, cunha forte diferenza entre as dirixidas a homes e as dirixidas a mulleres.
O impacto do cambio climático nas migracións
Na xornada tamén houbo un turno para tratar os incidentes de Torre Pacheco, onde grupos ultras ameazaron á poboación marroquí e reabriron o debate sobre como o cambio climático e o quecemento global inflúen no aumento de discursos e racistas. Xa en 2019, o relator da ONU Philip Alston advertira dun apartheid climático.
O xeógrafo Ignacio Varela comezou reforzando esta idea ao afirmar que “o apartheid climático existe porque os ricos déronse conta dos efectos devastadores do clima”. Exemplifica isto coas inundacións recentes en Cuba, Sudán e Valencia, moi similares entre si. Tras estes desastres, xorde a pregunta sobre o destino das persoas afectadas, e con ela aparece a ecoansiedade, resumida por Varela na dúbida entre irse ou non irse, e no medo que persiste: “Quen lle quita ese medo á xente de que non volva pasar?”.

A profesora en Socioloxía Keina Espiñeira plantexa unha cuestión con pouca visibilidade: “Non é a xente máis pobre a que emigra”. Deste xeito, proxéctanse 200 millóns de desprazamentos por causas climáticas para 2050.
Baixo a idea de que “Galicia é o próximo paraíso”, Varela advirte de que os gobernos non están preparados para integrar estas novas chegadas. Espiñeira ilustra os límites da integración co concello de Burela (Lugo), unha das localidades galegas cun maior número de nacionalidades. Con todo, sinala que “parece que quedan conxeladas no tempo”: moitas mulleres caboverdianas seguen nos mesmos nichos laborais cas súas nais e avóas, e “a pesar de ter graos en universidades galegas, isto non lles permite unha mobilidade social”. O que non saben as persoas deste concello galego, modelo de integración dende Galicia, é que, segundo palabras de Antonio Salas, “todos estamos emparentados”. Tamén os galegos, fillos, como explcou, dunha gran inmigración.















Nin á miña xeración dos babyboom se nos explicou q o nivel de vida q desfrutamos é consecuencia dunha drenaxe de recursos da América cara a Europa feita polos nosos antecesores (na miña familia dous tios un avó e un pai). A quen se queixe pola emigración que desfrutamos de suramericanos iu africanos, a resposta é fácil: DEVOLVER OS RECURSOS QUE LLE ROUBADOS DURANTE SÉCULOS, e indemnizar polos millóns de persoas asasinadas polos invasores “descubridores” da América, África, Oceanía …