Estes mapas de Galicia sinalan o risco xenético de desenvolver 10 enfermidades

Un estudo da USC establece cales son as áreas con maior predisposición a ter doenzas como o alzhéimer, a diabetes tipo 2 e o cancro de ovario

Preto do mar ou no interior? Zonas verdes ou asfalto? Vila pequena, de aire puro, ou unha gran cidade de formigón? As preguntas podería ser infinitas pero o obxectivo é claro: describir o lugar onde naciches. É unha circunstancia azarosa que determina moitos aspectos da túa vida, incluso as enfermidades que padeces. Esta é unha liña na que traballan Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres, catedráticos da Universidade de Santiago (USC) e vinculados ao Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) da cidade compostelá. O seu último estudo non só reconstrúe a historia demográfica dos galegos, senón tamén o seu perfil xenético. É dicir, a predisposición que podes ter, en función do lugar onde naciches, a desenvolver unha ou outra enfermidade.

O equipo de Salas e Martinón móstrao a través de 11 mapas de calor que mostran o maior ou menor risco de padecer unha decena de enfermidades xenéticas en función da variable xeográfica. En concreto, as doenzas analizadas son os cancros de ovario e de mama, a enfermidade arterial coronaria, a fibrilación auricular, a enfermidade inflamatoria intestinal, a diabetes tipo 2, a infección aguda das vías respiratorias inferiores, o trastorno do espectro autista, a esquizofrenia e o alzhéimer. Segundo a lenda, canto máis cálida é a cor, máis predisposición xenética a padecer a enfermidade. Canto máis fría, menor risco.

Publicidade

A elaboración dun perfil xenético da poboación galega é fundamental de cara á medicina personalizada e á implantación de políticas de saúde pública. Os mapas, tal e como explicaba Antonio Salas durante unha conversación con GCiencia, reflicten o risco xenético que presenta unha poboación ante determinada enfermidade. Non obstante, esta información non é categórica, senón aproximada, e en ningún caso debe de tomarse como unha alerta. Máis alá da xenética, o ambiente tamén é fundamental á hora de presentar novas doenzas.

A continuación, analizamos cada un dos mapas elaborados polo equipo de Salas e Martinón de cara a afinar o perfil xenético dos galegos e galegas:

Publicidade

Cancro de ovario

O cancro de ovario non é o tumor xinecolóxico máis frecuente, pero si é un dos máis agresivos porque é difícil detectalo en frases precoces. En España morren cada ano arredor de 1.900 mulleres a causa deste tumor e en 2024 diagnosticáronse 3.582 novos casos no Estado. O mapa galego de risco xenético revela con claridade que hai unha maior predisposición a desenvolver cancro de ovario nas Rías Baixas e, concretamente, no denominado cluster de Porto do Son. É dicir, unha poboación máis illada que as demais e cunhas características xenéticas máis definidas. Pola contra, o sur e centro da provincia de Lugo, así como o leste de Ourense son as que menor risco xenético presentan de desenvolver cancro de ovario.

Alzhéimer

O alzhéimer é unha enfermidade neurodexenerativa sen unha causa clara, e a máis común de todas as demencias. En Galicia están rexistradas 70.500 persoas con esta doenza. O mapa indica que a zona con maior risco xenético de desenvolver alzhéimer é a Costa da Morte. En concreto, arredor dos municipios de Corcubión, Dumbría, Cee, Fisterra e Muxía. Tamén hai unha área cálida, pero de menor intensidade, entre Ferrol e Ares. Pola contra, o sur de Lugo e o leste de Ourense son as zonas de Galicia con menor risco de alzhéimer.

Diabetes tipo 2

A diabetes tipo 2 é unha enfermidade sen cura que afecta a forma na que o corpo procesa o azucre no sangue. En Galicia os casos están a ir en aumento. O mapa mostra con claridade un punto quente no norte da provincia de Pontevedra. Máis en detalle, nos municipios da Estrada, Lalín, Vila de Cruces e Agolada. Tamén hai un risco elevado en parte da Costa da Morte e do interior da Coruña, e no norte da ría de Muros e Noia. Hai outro punto de risco importante no oeste de Ourense, preto da cidade. Non obstante, as zonas do sur de Lugo e do leste da provincia ourensá volven a ser as que menos risco teñen de diabetes tipo 2.

Trastorno do espectro autista

O trastorno do espectro autista (TEA) é unha condición do neurodesenvolvemento que afecta a forma na que unha persoa se relaciona e percibe o mundo. Estímase que hai arredor de 27.000 persoas con autismo en Galicia. En relación ao risco xenético, hai un punto importante no sur da provincia de Ourense. Corresponderíase a concellos como Verín, Oímbra e Vilardevós. Tamén hai outra área, de menor tamaño, no interior da provincia de Lugo. No lado contrario estaría o límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense, sobre todo a área sur, con menor risco xenético.

Fibrilación auricular

A fibrilación auricular é unha enfermidade coronaria grave que provoca un ritmo cardíaco irregular e anormal. Estímase que só na área de Santiago hai arredor de 14.000 doentes. En relación ao risco xenético de desenvolver esta enfermidade, A Mariña lucense é a zona de Galicia con maior predisposición, poñendo o foco en concellos como Burela, Foz e Barreiros, entre outros. Tamén hai unha zona cálida arredor da cidade da Coruña. Pola contra, case toda Pontevedra —sobre todo o sur— e o oeste de Ourense presentan menor risco de fibrilación auricular.

Esquizofrenia

Fronte ao resto de doenzas, o risco xenético de esquizofrenia —unha enfermidade mental grave— está máis repetido ao longo e ancho do territorio galego, onde hai arredor de 27.000 casos. A cidade de Ourense é a área con maior predisposición xenética, así como o sur da provincia homónima, correspondente aos concellos de Oímbra, Verín e Vilardevós. Outra zona de alto risco é a correspondente ao comezo da ría de Pontevedra. Tamén hai puntos illados no norte da comarca do Deza e no nordeste da Coruña e Lugo. No lado contrario está a ría de Muros e Noia, a Costa da Morte e a cidade da Coruña.

Enfermidade inflamatoria intestinal

A enfermidade inflamatoria intestinal engloba Crohn e a colite ulcerosa, dúas doenzas crónicas de causa descoñecida caracterizadas pola inflamación do colon e/ou do intestino delgado. Estímase que arredor duns 27.000 galegos presentan estas patoloxías. O mapa de risco xenético é moi revelador, cunha alta predisposición nun punto do sur de Ourense, correspondente á zona de Verín. Tamén na mesma provincia, arredor da capital, e na cidade da Coruña se rexistran os menores riscos.

Enfermidade arterial coronaria

A enfermidade arterial coronaria caracterízase pola redución do fluxo sanguíneo cara ao músculo cardíaco e afecta, como indica o seu nome, ás arterias. No mapa hai tres puntos que marcan o maior risco xenético de Galicia: a Costa da Morte —centrado en Cee, Corcubión e Fisterra—, nos arredores da cidade de Santiago e en San Xoán de Río e Castro Caldelas. O menor risco está nunha ampla zona de Ferrol, en Lugo e en Verín.

Infección aguda das vías respiratorias inferiores

A infección aguda das vías respiratorias fai referencia a un grupo de enfermidades que afectan a tráquea, os bronquios e os pulmóns. Algunhas das doenzas asociadas son a pneumonía, a bronquite aguda e a bronquiolite. O mapa elaborado polo equipo de Salas e de Martinón sinala a zona de Ribadeo como a máis alto risco xenético de Galicia e o interior da Coruña, a de menos.

Cancro de mama

O equipo da USC e do IDIS realizou dúas métricas para analizar o risco xenético de cancro de mama. No primeiro pódese comprobar como a zona de Sober e de Monforte de Lemos, xunto a un pequeno punto preto de Cartelle e Toén, son as áreas de maior risco xenético de cancro de mama. No segundo mapa, aumenta dúas áreas significativas na provincia da Coruña que abranguerían a contorna de Noia e a de Santiago. As de menor predisposición xenética serían Verín, a comarca do Deza na contorna das Pontes de García Rodríguez.

Por que hai zonas con maior predisposición xenética?

A predisposición xenética a desenvolver unhas ou outras enfermidades non responde a un patrón determinado, senón que é máis ben froito do azar. Nunha entrevista que concedeu Antonio Salas a GCiencia, explicaba que o resultado dos mapas é semellante ao que acontece cando tiras pintura nun lenzo en branco: ves zonas de cores máis concentrados, pero responden ao azar. O xenetista tamén matizou que este estudo é interesante dende o punto de vista académico pero non debería de tomarse como unha alerta nin, tampouco, como unha proposta para modificar as políticas de saúde pública. “O risco xenético non é o único compoñente importante. Tamén está o sexo, a idade e moitísimos outros parámetros”, conclúe.


Referencia: Whole-genome sequencing in Galicia reveals male-biased preIslamic North African ancestry, subtle population structure, and micro-geographic patterns of disease risk (Prepint no repositorio Biorxiv)

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional