A edición de 2026 dos Premios Nobel de Ciencias (Fisioloxía e Medicina, Física e Química) conclúe sen mulleres entre as persoas galardoadas. Esta estampa repítese a través dos anos como testemuña dunha loita aínda en progreso: non só se recoñece en menor medida o traballo das mulleres, senón que esta fenda é máis pronunciada nos campos científicos.
GCiencia xa recollía hai uns anos o marcado desaxuste entre o número de premiadas e premiados ao lembrar que en 2017, en declaracións á Axencia Sinc, o presidente da Fundación Nobel dicía: “Agardo que nuns anos haxa máis mulleres gañadoras do Nobel”. Como resposta a estas diferenzas, o presidente do Consello de Administración da Fundación Nobel, Carl-Henrik Heldin, argumentaba entón: “É certo que houbo poucas mulleres premiadas co Nobel. Isto débese en parte a que os galardóns que se outorgan agora corresponden a traballos levados a cabo moitos anos atrás, cando non había tantas investigadoras traballando nos distintos campos da ciencia”. Cúmprese máis dun lustro desas declaracións e os resultados de 2026 confirman que o recoñecemento das investigadoras aínda non está á par que a dos seus compañeiros masculinos de profesión.
Anne L’Huillier é unha das cinco mulleres que recibiron un premio Nobel na historia deste galardón. Ademais, é beneficiaria dunha cátedra do goberno sueco que ten por obxectivo mellorar a presenza feminina nestes programas. Nunha visita a Santiago de Compostela no marco do Programa de divulgación ConCiencia 2026, sinalou que “creo que é importante animar e favorecer que as mulleres poidan estar nestes espazos. En moitos lugares hai nesgos en prol dos homes, pero vexo que a situación está cambiando”.
A gran diferenza entre elas e eles
Nos tres campos científicos houbo 26 mulleres que recibiran un Premio Nobel, con Marie Curie como beneficiaria de dous deles en diferentes categorías, o que marca un total de 27 entregas a mulleres nas categorías de Física, Química e Medicina. No caso dos homes, o número acada con ampla folgura as tres cifras: suman máis de 630. En total, 664 persoas recibiron polo menos un destes recoñecementos ao longo de toda a historia dos galardóns. As mulleres non supoñen nin o 4% do total (chegan a un 3,91%).
Soas e (ante todo) acompañadas
A gloria de recibir semellante galardón foi, en moitas ocasións, compartida. No caso do Premio Nobel de Física, ningunha das cinco mulleres gañadoras o foi de xeito individual: todas elas recibiron o premio xunto a dous homes.
Tan só dúas mulleres recibiron o Premio Nobel de Química sen ir acompañadas dun nome masculino: foron Dorothy Crowfoot Hodgkin (1964) e Marie Curie (1911). En 2020, dúas investigadoras —Emmanuelle Charpentier e Jennifer A. Doudna — compartiron o recoñecemento. As outras catro químicas recibiron o galardón compartindo escenario con homes.
No caso do Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, tan só Barbara McClintock recibiu o galardón en solitario. As 13 restantes (incluídas Elizabeth H. Blackburn e Carol W. Greider, ambas premiadas no 2009) compartiron o recoñecemento con homes.
En total, só Dorothy Crowfoot Hodgkin, Barbara McClintock e Marie Curie recibiron o premio en solitario (e tendo en conta que Curie tamén o gañara previamente acompañada de dous homes), e só en dúas ocasións se lles entregou o galardón a dúas mulleres, nunha desas edicións acompañadas dun home.
Lista completa de gañadoras dun Premio Nobel de Ciencia
NOBELES DE FÍSICA
—Anne L’Huillier – 2023
—Andrea Ghez – 2020
—Donna Strickland – 2018
—Maria Goeppert Mayer – 1963
—Marie Curie – 1903
NOBELES DE QUÍMICA
—Carolyn Bertozzi – 2022
—Emmanuelle Charpentier – 2020
—Jennifer A. Doudna – 2020
—Frances H. Arnold – 2018
—Ada E. Yonath – 2009
—Dorothy Crowfoot Hodgkin – 1964
—Irène Joliot-Curie – 1935
—Marie Curie – 1911
NOBELES DE FISIOLOXÍA E MEDICINA
—Mary E. Brunkow – 2025
—Katalin Karikó – 2023
—Tu Youyou – 2015
—May-Britt Moser – 2014
—Elizabeth H. Blackburn – 2009
—Carol W. Greider – 2009
—Françoise Barré-Sinoussi – 2008
—Linda B. Buck – 2004
—Christiane Nüsslein-Volhard – 1995
—Gertrude B. Elion – 1988
—Rita Levi-Montalcini – 1986
—Barbara McClintock – 1983
—Rosalyn Yalow – 1977
—Gerty Cori – 1947














