As imaxes que chegan desde Zaragoza poden recordar a moitos á traxedia que se viviu hai un ano na Comunidade Valenciana. Malia que con menor intensidade e con máis prevención, a situación pode provocar emocións naquelas persoas que viviron aquela traxedia. E non é a única nos últimos anos. Os incendios deste verán, que acabaron coa vida de oito persoas e que arrasaron varias vilas tamén pode provocar unha carga emocional difícil de xestionar. Por iso, é importante coñecer que sensacións podemos ter e como actuar se nós ou alguén do noso entorno sofre de preto estas situacións.
“Este tipo de desastres poden ter un impacto fundamental na saúde mental”, explica Fernando Vázquez, Catedrático de Psicoloxía Clínica e Coordinador do Grupo de Investigación en Psicopatoloxía e Saúde Mental (GRISAMP) da Universidade de Santiago (USC). O experto concreta que estas experiencias poden provocar ansiedade, depresión, insomnio e unha secuela relativamente frecuente que é o trastorno por estrés postraumático (TEPT). “É un trastorno que pode aparecer cando presenciamos un suceso como un desastre natural, un accidente, unha agresión violenta…”, comenta Vázquez. De feito, destaca que a prevalencia deste tipo de problemas está, normalmente, entre un 4% e un 6%. Cando aparecen episodios tráxicos como os da DANA, pode aumentar ata catro ou cinco veces máis do normal, con prevalencias de entre o 10% e o 30%.
“É importante remarcar que é unha reacción patolóxica, a inmensa maioría da xente exposta a unha catástrofe non desenvolve estrés postraumático”, recorda Iria Veiga, psiquiatra médica do Sergas. A aparición do trastorno de estrés postraumático caracterízase pola aparición de recordos intrusivos non desexados, como imaxes e pensamentos moi vívidos. Tamén adoitan causar pesadelos e flashbacks, algo que provoca moitos comportamentos de evitación de lugares, persoas e conversas entre outros, afirma Vázquez. Tamén hai persoas que se volven hipervixilantes e que teñen constantes situacións de sobresaltos ou dificultades para que se poidan concentrar.
Causas do estrés postraumático
“O primeiro factor causante da aparición é que esa persoa vexa ameazada a súa vida, a dos seus seres queridos ou cousas que valoren moito, como a súa vivenda”, comenta Veiga. Algo que se combina coa reacción á traxedia e os primeiros días, que tamén poden influír segundo considera Vázquez. Por exemplo, naqueles casos que viven episodios de disociación durante a traxedia, como xente que se sinta desconectada da realidade. Tamén cando tes a sensación de que non podes facer nada e de que vas morrer. “Pero na aparición destas situacións tamén inflúe se a persoa ten un historial de ansiedade e depresión”, asegura.
Sobre os días seguintes, a reacción da persoa e do entorno xoga tamén un papel, destaca. Hai factores como trámites, as posibles débedas, a posible perda do traballo ou o escaso apoio social que poden favorecer a aparición destas situacións. Tamén a sobreexposición, por exemplo, aos medios de comunicación. “Por iso é tan importante contar con apoio social real, información clara, rutinas e acceso temperán aos tratamentos”, defende Vázquez.
Reaccións habituais
O experto considera que o primeiro é buscar a seguridade e a calma, propiciar o descanso e a regulación fisiolóxica. “É dicir, que hai que tratar de coidar o sono, a alimentación e realizar actividade física suave”, concreta. Pero tamén tratar de non estar angustiados porque os primeiros días as vítimas sintan situacións de ansiedade e depresión. Tanto Veiga como Vázquez están de acordo en destacar que ter sensacións difíciles os primeiros días é normal e que só nunha minoría dos casos desenvolven estrés postraumático. “Ás veces tendemos a patoloxizar a ansiedade ante un momento negativo e mesmo catastrófico, o que pode contribuír a que sexa crónico”, asegura Veiga. Por iso, é cando a ansiedade é persistente, cando se volve máis grave ou se limita realmente a vida da persoa cando debe entrar en xogo o apoio psicoterapéutico.
Reaccións como a tristura o medo ou a irritabilidade son respostas normais a un suceso deste tipo, segundo tamén afirma Vázquez. “É importante entender que teñen todo o sentido e que hai que axudar a que esta persoa non reprima as emocións”, considera. Iso si, advirte que forzar á persoa a falar indiscriminadamente pode ser contraproducente: non estar revivindo ou narrando de forma compulsiva o ocorrido.
Recuperar o control
A clave, segundo Vázquez, é que poidan recuperar o control pouco a pouco: manter o horario do sono, das comidas e de actividades cotiás. Iso non quita que o entorno social non deba axudar para adaptar as responsabilidades ao estado emocional da persoa. Pero, en calquera caso, non debe desconectar completamente das súas responsabilidades. No caso de que as persoas, como se indicaba anteriormente, non sexan capaces de xestionar esta situación, cando incapacite ou pase un período longo de tempo, deben acudir sen dúbida á atención profesional.
Veiga destaca que o que normalmente se aplica nestes casos é a terapia psicosocial. “Só nalgunhas ocasións sería necesario o uso de tratamento farmacolóxico da liña dos antidepresivos”, apunta. A saúde mental é tan importante coidala como a física, polo que seguir as pautas marcadas polas autoridades e consultar a profesionais cando a situación o requira é esencial para poder levar unha vida sa. Iso si, Veiga recorda que un suceso negativo ou incluso catastrófico non ten por que comportar un trastorno de estrés postraumático. “A maioría das persoas teñen un trastorno de ansiedade puntual que evoluciona favorablemente cara á normalidade”, conclúe.














