“Durante anos vivín unha dobre vida: pola mañá era Marina, a tía súper divertida que ía universidade, e pola tarde machacábame para acatar as normas do Opus Dei”. Fala Marina Pereda, exmembro do grupo relixioso. Abuso psicolóxico, doutrina coercitiva, control ambiental ou manipulación emocional son algunhas das características que levan a clasificar a un grupo como seita. Non sempre resulta sinxelo identificar estes padróns e, para concienciar á sociedade sobre isto, a Asociación Iberoamericana para a Investigación do Abuso Psicolóxico (AIIAP) celebra esta fin de semana en Santiago o X Encontro nacional sobre abuso psicolóxico e seitas.
Os expertos estiman que o 1% da poboación española pertence na actualidade a algún grupo con características de seita ou en propias seitas, apunta o psiquiatra e presidente da AIIAP, Íñigo Rubio. Malia que non son cifras exactas, xa que faltan análises estatais que afonden neste ámbito, calcúlase que ata 400 organizacións poderían estar operando no país. No que respecta a Galicia existiron casos mediáticos como ‘Os Miguelianos‘. Mais a día de hoxe, grupos con “tendencias de seita como o Opus Dei”, segundo o cualifica Rubio, seguen a formar parte da sociedade galega e do resto do mundo.
Unirse ao Opus Dei con 14 anos
A través dos testemuños de 13 mulleres, o documental El minuto heroico: yo también dejé el Opus Dei, da plataforma Max, expón por primeira vez á realidade que viviron integrantes do grupo. O abuso psicolóxico, a doutrina imposta ou a manipulación de menores de idade son algúns dos aspectos que se reflicten na peza audiovisual. Marina Pereda (Miranda de Ebro, Burgos, 1989), unha das exmembros da institución, explica a GCiencia como foi a súa vivencia e as consecuencias psicolóxicas que implicaron formar parte da oObra.

“Crecín unha familia de clase obreira que xa formaba parte do Opus. Dende cativa ía o club e rezáballe a Escrivá, polo que para min sempre foi algo normal“, contextualiza Pereda. Foi aos 14 anos e medio, nunha concentración en plena Semana Santa en Andalucía, cando decidiu —sen poder consultalo previamente cos seus pais— que quería formar parte da institución. “Os adolescentes non son libres, non teñen unha conciencia tan formada como un adulto e iso fai que sexa moito máis sinxelo influencialos e facelos crer que Deus ten unha vocación pensada para cada un deles”, explica o psiquiatra.
Após escribir a súa carta de integración é cando Pereda lle transmite aos seus pais a nova. “Ao formar parte da institución entendían que era algo bo para min e que era normal que non o consultase con eles previamente”, detalla. Así é que pasa a ser unha ‘agregada’ do Opus Dei. “Isto implicaba que podía vivir fóra dos centros asociados á institución, pero debía acatar a súa doutrina baseada na oración, no sacrificio e na realización de retiros, convivencias e cursos que se organizaban”.
10 anos de “moldeado”
Ata os 25 anos Pereda formou parte do grupo relixioso. “Polo xeral, a rapazada que tende a ser captada ten un perfil de persoa moi responsable, estudosa, leal e, no caso das mulleres, teñen moita empatía e un grande espírito de sacrificarse polos demais“, indica Pereda. Estes aspectos son “moldeados” ao longo da estancia na institución. “Vanche inculcando que tes que educar a túa vontade con frases como ‘esas tentacións que tes agora, se non as corrixes é coma un barco que non chegará a bo porto'”, detalla.
“Parten de que o compromiso co Opus é para toda a vida e que, se non acatan a súa doutrina, ademais de que non van ser felices, están cometendo unha traizón a Deus“, resalta Rubio. Todo isto “evoluciona con cada vez con máis e máis obrigas que levan a que sexa moi difícil saír da dinámica”, matiza. Dende a súa vivencia, Pereda resalta que se trata dunha “chantaxe emocional que che fai pensar que, se non estás dando o 100%, non estas facendo o suficiente”.
Así, durante a súa etapa universitaria, Pereda compaxinaba os seus estudios en Comunicación Audiovisual coa súa vida no grupo relixioso. “Pola mañá era Marina, a tía súper divertida que ía Universidade, e pola tarde machacábame para acatar as normas do Opus Dei”, asegura. Iso levouna a “convivir cun conflito interno constante, as veces máis latente e outras máis evidente, que xera moita ansiedade e culpa”.
Disociación
Após sacar a súa carreira, pola que contraeu “unha débeda económica enorme”, Pereda realizou un máster que tiña que compaxinar cun traballo: “Non podía pedirlle diñeiro aos meus país e dende os 16 anos sempre fun economicamente independente”. Esta situación, sumada a súa implicación no Opus, creoulle un “cóctel explosivo emocional”. “Sentía que non podía chegar a todo, o que causou que mostrase moitos síntomas de estrés e ansiedade e un sentimento de culpa constante por non estar a facer o suficiente”.
Neste contexto comezou a somatización dos seus problemas psicolóxicos. “Tiña moitos bloqueos creativos, non podía escribir, choraba sen motivo aparente, non tiña enerxías —o Opus obliga a madrugar de forma extrema e non permite sestas— e mesmo deixei de comer porque estaba nunha especie de resignación vital”. Ademais destes aspectos, Pereda destaca a disociación que chegou a padecer: “Tiña a sensación de que ninguén me coñecía de verdade, de estar nun mundo que non me pertencía e que o meu corpo non era meu. Non detectaba os sinais de fame ou cansancio ata que eran moi evidentes”.
Saída do Opus
“Os motivos polos que as persoas deixan estes grupos son moi diversos, pero na maioría tende a ser psicolóxicos ou existenciais xa que se decatan que non é aí onde queren estar”, indica o presidente da AIIAP. No caso de Pereda foi unha suma de dúas cousas. O primeiro “clic” deuse cando unha amiga lle recomendou ir a unha psicóloga para que a axudara coa súa situación. “No momento en que o comentei no centro, eles recomendáronme outra profesional que nada tiña que ver co que estaba a sufrir, pero que formaba parte da institución. Foi aí cando pensei: teño que ir a unha profesional independente, non a unha que o seu único valor sexa que pertence ao grupo, porque entón non sei se me está axudando de verdade ou me vai convencer para que non deixe o grupo”
“Lendo o evanxeo vin unha pasaxe que falaba sobre como Xesús axudaba a unha viúda e iso fíxome reflexionar. Se cres en Deus é para ser feliz, non para estar amargada. Iso fixo outro clic en min e comecei a comparar o que dí o evanxeo e o que estaba a vivir“, relata. A partir de aí Pereda decatouse de que o problema non era ela, senón o contexto. “Malia que moitas veces me dicían que as miñas dúbidas sobre o Opus cambiarían, non o fixeron e acabei deixándoo”.
Estrés pos-traumático
Pero saír do grupo non é o final, senón o inicio doutro calvario. “Unha vez fóra é cando comeza o proceso de recuperación, que leva moito tempo. As secuelas que deixa pertencer a un grupo así son moi variadas e non sempre evidentes, pero moitas persoas poden padecer estrés postraumático“, asegura o psiquiatra. “Non é un trauma como un accidente que lembras o antes e o despois. Isto foi algo normalizado durante toda a vida e son cousas que ti asumiches que forman parte da túa personalidade, que es así, pero que que tes que ir reconfigurando“, engade Pereda.
Destaca varios aspectos sociais que tivo que aprender case de cero. “Estiven un ano sen poder traballar porque non podía levantarme a unha hora concreta e ser funcional. Ademais tiven que reeducarme en aspectos tan básicos como nutrirme ben, descansar ou aprender a ver que non todo é branco ou negro, que existen grises”, relata.
Ademais, a súa terapia tamén fixo que puidese volver ser vulnerable: “Antes non pedía axuda para nada, porque te inculcan que ti tes que poder soa con todo”. Tamén tivo conflictos coa autoridade: “Na primeira etapa despois de saír do Opus custábame moito acatar normas ou lidiar con todo aquilo que fose autoritario, incluídos os xefes”. No aspecto social Pereda asegura que “aprendín a relacionarme de novo, porque non sabía quen era un amigo de verdade ou non, tamén sentía culpa por só estar tomando un café cun home, traumas do celibato”, conclúe.















Marina, eres una sobreviviente del opus Dei, pienso en las que no sobrevivieron y en aquellas que aún están luchando para poder sostenerse … La obra tritura personas.
La incorporación definitiva al Opus Dei es a los 18 años, con la mayoría de edad. Hay gente que no encaja, como en cualquier empresa, pareja o país. Es normal. Conozco varios casos. Que sea positiva, no se coma el coco y se anime. Tiene mucha vida por delante. Rezaré por ella y tod@s en su situación.