Xoves 25 Abril 2024

“A somatización non é unha percepción alterada ou errónea, é un síntoma real”

A psiquiatra Iria Veiga explica que as emocións poden ter repercusións a nivel físico e, en ocasións, afectar á calidade de vida das persoas

O dualismo cartesiano, defendido por René Descartes, postulaba a existencia de dous tipos de substancia: o espírito ou alma e o corpo. Unha teoría que a día de hoxe “non só se considera errónea, senón que levaría a múltiples malentendidos sobre como funciona a fisioloxía humana”, declara Iria Veiga, psiquiatra no Hospital do Barbanza e divulgadora. E engade: “Esta idea de que o espiritual vai por un lado e o físico vai por outro, dá lugar a que pensemos que o psíquico non inflúe a nivel físico, pero agora sabemos que as emocións e sentimentos teñen influencia sobre o organismo porque forman parte del”.

Un bo exemplo de como se reflicten as emocións no corpo é o fenómeno de somatización, que podería definirse como “a expresión física, en forma de ansiedade, do malestar psicolóxico”. Ao que Veiga agrega: “Unha somatización non é unha percepción alterada ou errónea. É un síntoma físico real cuxa causa é un factor psíquico”. Este proceso pode afectar a calidade de vida das persoas que o padecen, chegando a converterse nun trastorno que limite o día a día.

Publicidade

Somatización e estrés

“O estrés o que fai é desencadear unha serie de mecanismos hormonais que son adaptativos —é dicir, que teñen que estar aí para que nos enfrontemos a situacións complexas que atopamos na nosa vida—, co obxectivo de xerar unha resposta de fuxida ou de ataque nunha situación concreta”, sinala Veiga. Como explica a psiquiatra, o problema é que o noso organismo non está preparado para manter esa maior actividade por períodos ilimitados de tempo, e na vida actual, “estamos sometidos a factores que nos causan estrés de forma prolongada”.

“A ansiedade é un fenómeno que implica un cambio de estado e forma de funcionar en todo o organismo”

No pasado pensábase que certas doenzas como a úlcera estaban relacionadas co estrés. Non obstante, Veiga comenta que “agora sabemos que a úlcera está provocada por unha bacteria, a Helicobácter pylori, pero si que é verdade que os estados crónicos de estrés poden facer que aumente o contido ácido do estómago, o que incrementa os síntomas da úlcera”. Isto débese a que determinados estados emocionais, sobre todo o estrés prolongado, alteran o sistema endócrino, “o que provoca que se liberen determinadas substancias como a adrenalina ou o cortisol, o que produce alteracións de todo tipo: no aparello dixestivo, na pel, na menstruación, no sono…”, sinala Veiga. E engade: “Non diría eu que o estrés sexa a única causa dunha doenza, pero si pode agravar determinados síntomas de enfermidades preexistentes”.

A ansiedade é un mecanismo que afecta ao noso organismo de forma global e desencadea unha serie de cambios. Como explica Veiga, “para unhas persoas poden manifestarse máis a nivel psíquico e para outras a nivel físico, pero en xeral, cando unha persoa tende a somatizar dunha determinada forma, esa somatización adoita ser constante”. Aínda que como engade a psquiatra, iso non sempre ten que ser así, xa que en determinadas etapas da vida pódese somatizar de diferente forma —por exemplo, alguén que cando se estresa acostuma experimentar dores de costas ou cabeza, pero noutro período sáenlle eccemas—. “O que hai que entender é que a ansiedade é un fenómeno que implica un cambio de estado e forma de funcionar en todo o noso organismo, e nese sentido pode producir manifestacións a calquera nivel”, indica Veiga.

Dor emocional e dor física

As zonas cerebrais que se activan cando sufrimos unha dor física son as mesmas que cando experimentamos dor emocional? Segundo Veiga, a grandes trazos, si. Como explica a psiquiatra o cerebro activa unhas zonas para identificar estímulos aversivos ou reforzadores. “Os estímulos aversivos poden ser físicos, como unha dor, ou sociais, como unha perda, e unha parte deses estímulos aversivos activan as mesmas áreas cerebrais que a dor física. Non obstante, na dor física tamén se activan outro tipo de áreas que teñen que ver coa localización, por iso sabemos que nos doe unha perna e non un brazo”.

Iria Veiga
A médica psiquiatra e divulgadora Iria Veiga.

E engade: “O cerebro identifica un estímulo aversivo —aquel que queremos intentar que deixe de acontecer—, exactamente igual se é de tipo físico ou se é psicolóxico ou social”. Veiga explica que as persoas que teñen dificultade para nomear as emocións e poñerlle palabras —coñecido como alexitimia— teñen máis tendencia a producir síntomas físicos ante o malestar psicolóxico —xunto co estrés prolongado—. Non obstante, fai fincapé en que “para falar de somatización, ten que haber un síntoma real, por exemplo unha migraña”, e non sería o mesmo que “suxestionarse e interpretar sensacións físicas normais como síntomas”. E recorda: “Unha somatización non é unha percepción alterada ou errónea”.

Doutra banda, “hai que ter en conta que as emocións desencadean cambios nos neurotransmisores, e que todo o sistema hormonal vaise ver afectado por un cambio a nivel emocional”, sinala Veiga. Por exemplo, a serotonina, que é o neurotransmisor responsable do benestar, reduce os seus niveis ante a ansiedade, o estrés ou a depresión. “Outro tipo de hormonas, como o cortisol, segréganse en maior medida cando estamos sometidos a estrés, e tamén hai alteracións nas hormonas sexuais, podendo provocar modificacións na menstruación ou no desexo sexual”, indica Veiga, que engade: “Cando hai unha situación que entendemos como adversa, o noso organismo intenta dalgunha maneira aforrar enerxía”.

Trastorno de somatización

“Cando falamos de trastorno de somatización implica que xa é algo que limita a nosa vida e normal funcionamento, pero que non existe unha causa orgánica detrás do síntoma”, explica Veiga. Por exemplo, unha persoa que padeza dores de estómago asociados á ansiedade e que non se atopen outras causas que expliquen esa dor. “Un trastorno por somatización sempre será un diagnóstico de descarte, no que finalmente se atribúe a orixe do síntoma a unha causa psíquica/emocional”, sinala.

Para abordar a somatización, o primeiro a facer é descartar outro tipo de posibles causas dos síntomas

“Por desgraza, cando alguén ten un trastorno por somatización, o máis frecuente é que se atribúan novos síntomas á somatización”, comenta Veiga, “e isto non debería ser así porque unha persoa con este trastorno non está libre de ter outras enfermidades”. A este respecto, o persoal de psiquiatría e psicoloxía fan moito fincapé en que se descarten outro tipo de patoloxías e non se empregue a etiqueta de “persoas somatizadoras” cando asistan ao sistema de saúde, xa que pode facer que se retrase o diagnóstico doutras doenzas. “O estigma sempre está presente nos trastornos psiquiátricos”, comenta.

Para abordar a somatización, “o primeiro a facer é descartar outro tipo de posibles causas dos síntomas realizando as probas axeitadas”, indica a psiquiatra. Unha vez que o diagnóstico está claro —e é somatización—, pódese tratar dende un punto de vista psicoterapéutico, dotando á persoa de ferramentas para mellorar a súa xestión do estrés, ou ben con fármacos, como ansiolíticos ou antidepresivos. “Os estudos din que o que mellor funciona é a terapia combinada, psicoterapia máis farmacoterapia, e despois disto, o exercicio físico”.

Diferencia por xéneros

“Xa hai datos que demostran que ante o mesmo síntoma, ás mulleres prescríbenselles en máis medida ansiolíticos e antidepresivos, mentres que aos homes se lle solicitan máis probas complementarias”, sinala Veiga. Xunto con isto, un estudo publicado na Psychosomatic Medicine hai uns anos facía referencia a que a maioría de síntomas físicos adoitan ser notificados polo menos nun 50% máis dos casos por mulleres que por homes, o que pode deberse a que “as mulleres tenden a consultar máis, mentres que os homes acostuman ignorar os síntomas físicos”.

Se o dato de somatización das mulleres é superior ao dos homes, tamén pode deberse a que nas primeiras se descarta menos a enfermidade orgánica, xa que segundo a psiquiatra, “cando unha muller expresa un síntoma, hai certa tendencia a que se lles atribúa unha causa psíquica, o que repercute nunha peor saúde para elas”.


Referencia: Gender Differences in the Reporting of Physical and Somatoform Symptoms (Publicado en Psychosomatic Medicine).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

Os acontecementos estresantes na mediana idade son un factor de risco de alzhéimer

Os sucesos angustiosos ao comezo da vida asócianse a procesos neuroinflamatorios relacionados coa enfermidade en etapas posteriores

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira