Os cerebros con párkinson presentan cambios funcionais antes dos síntomas

Un equipo de investigadores españois identifica varias proteínas alteradas en modelos animais coa forma temperá da patoloxía

O 11 de abril está marcado no calendario como o Día Mundial da Enfermidade de Párkinson. A investigación é fundamental para seguir xerando coñecemento científico sobre a doenza. Agora, un equipo de investigación do Centro de Investigación Médica Aplicada (CIMA) da Universidad de Navarra identificou varias proteínas alteradas en modelos animais con enfermidade de párkinson temperá, incluso antes de que haxa dexeneración neuronal e se presenten os síntomas.

Os resultados de estudo acaban de saír publicados na revista Brain e abren a porta ao desenvolvemento de biomarcadores que axuden na detección precoz da patoloxía, así como a crear novos tratamentos. Máis polo miúdo, o párkinson diagnostícase cando xa hai unha perda de entre o 50 e o 60% das neuronas dopaminérxicas, proceso que causa a enfermidade. Por iso, os científicos desenvolveron un modelo animal para detectar a evolución neuronal desde os estados iniciais.

Publicidade

O estudo abre a porta ao desenvolvemento de biomarcadores que axuden no diagnóstico precoz

“Ás catro semanas de inducir a enfermidade, as ratas mostraban un 30% de perda dopaminérxica, se ben non desenvolveran ningún síntoma. Nesa fase presintomática é cando a neurona dopaminérxica está morrendo de forma masiva sen que o saibamos e é na que nos interesa actuar”, explica a directora do Programa de Neurociencias do CIMA e do departamento de Neuroloxía da Universidade de Navarra, María Cruz Rodríguez-Oroz, en declaracións recollidas pola Agencia SINC.

Ademais, sábese que a sinapse, a zona cerebral encargada da comunicación entre neuronas, é a que máis enerxía consome. “É o primeiro que falla nun dano neuronal, polo que nós centrámonos en estudar os mecanismos que subxacen nestes cambios sinápticos”, indica a experta. “Mediante técnicas complexas de imaxe e fisioloxía confirmamos que se producen uns cambios funcionais temperáns, outros máis tardíos e, finalmente, modificacións estruturais que coinciden co proceso de morte neuronal. Todo iso antes das manifestacións motoras da enfermidade”, engade a investigadora.

Publicidade

Identificación de novas proteínas

Amais disto, o estudo centrouse na análise das proteínas que se alteran nos fallos funcionais previos a dita morte das neuronas. “Identificamos diversas proteínas relacionadas con vías metabólicas, que xa sabemos que están alteradas en pacientes, ou con mecanismos que poderían favorecer a saúde desta célula do sistema nervioso. Para iso, logramos illar o sinaptosoma, a parte que contén a zona pre e post sináptica, encargada especificamente da comunicación neuronal”, explica Rodríguez-Oroz.

Finalmente, segundo explica a autora, o seguinte paso é considerar estas proteínas como dianas terapéuticas cara ás que dirixir novos tratamentos, co obxectivo de restaurar a función da sinapse e evitar os cambios tardíos tanto funcionais como estruturais que se observan nesta zona. “Para avanzar na abordaxe do párkinson necesitamos biomarcadores que sexan capaces de determinar que persoas van ter a enfermidade”, conclúe a experta.


Referencia: Striatal synaptic bioenergetic and autophagic decline in premotor experimental parkinsonism (Publicado en Brain)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

Onde nace a atención? A neurociencia ten a resposta

O cerebro organiza estímulos e dirixe o foco cara ao relevante mediante circuítos dopaminérxicos. Por Juan Pérez Fernández e Carmen Núñez González / UVigo

A USC e Cambridge descobren un mecanismo clave na neurodexeneración e na neuroreparación

O traballo publicado en 'Nature' suxire un cambio de paradigma na comprensión de enfermidades como a esclerose múltiple, o alzhéimer e o párkinson