A manifestación está cada vez máis de moda, especialmente entre os mozos pola influencia das redes sociais. Non nos referimos a protestar nas rúas, senón a manifestar algo, un obxectivo, para conseguilo. Nalgunhas ocasións, manifestar é simplemente pensar en que se logrará esa meta. “Vou conseguir este traballo”, “vou aprobar este exame”, “vou levantar da cama”. As metas son moi variadas e ten unha certa parte mística. Con todo, hai algunha base científica? É positivo ou pode acabar en frustración?
“É un establecemento de obxectivos puro e duro”, explica o psicólogo deportivo Gabriel Pita. O experto afirma que cando as persoas precisan cambiar algún aspecto ou acadar algo, o primeiro que deben ter claro é un horizonte. “Poderíamos dicir que o feito de manifestar de maneira explícita o que queremos conseguir, o primeiro que vai facer é acercarnos á esa realidade”, sostén Pita.
As profecías autocumplidas
Outro dos puntos que destaca é que é similar a unha profecía autocumplida, un fenómeno moi básico da psicoloxía que se pode aplicar tanto na dirección positiva ou negativa. A profecía autocumplida é que unha crenza inicial pode influír nas persoas de tal xeito que pode acabar facéndose realidade. É dicir, que a expectativa que se ten dun mesmo provoca accións conscientes e inconscientes que levan a confirmar aquilo que se pensaba nun primeiro momento.
Un exemplo moi famoso de profecía autocumplida cunha expectativa externa, segundo relata Pita, é o efecto Pigmalión. Este foi o resultado dunha investigación na que se dividiron a dous grupos de forma azarosa. A uns dicíaselles que eran malos estudantes e a os outros o contrario. “Ao final de curso, os resultados coincidían coa previsión que se tiña feito”, concreta.
Escribir os obxectivos, un proceso catártico
En moitos casos, a manifestación pasa tamén por escribir nun papel ou nalgún sitio esa meta. “É un elemento que pode ser bastante catártico, porque é unha maneira de ordear os pensamentos”, afirma. Tamén hai que recordar, segundo o experto, o compoñente que ten desde o punto de vista psicolóxico poder reducir o nivel de incertidume. “Cando un humano enfronta situacións que escapan do noso control, unha das cousas que máis alivio pode xerar é confiar en algo externo”, destaca. É algo moi vinculado ao relixioso, segundo di, e moi habitual de escoitar. “Frases como Deus dirá ou se Deus quere tamén é unha forma de deixalo en algo externo”, afirma. Agora que a mocidade non cre tanto en cuestións relixiosas, a manifestación pode ser unha vía para confiar en algo externo.
“Os factores psicolóxicos sempre están presentes porque funcionamos como un todo”, apunta Pita. Iso si, concreta que cando por exemplo falamos dunha enfermidade complexa, hai outros factores de moito máis peso. Porén, manifestar podería axudar a levar o día a día se o facemos de forma realista. “Está claro que eu podo rezar a Deus para aprobar un exame que se non estudo o exame non o vou aprobar”, concreta o psicólogo. Por iso, o experto só di que se precisa sentido común, pero que non ten por que ser contraproducente sempre e cando saibamos por que o facemos e como o utilizamos. Desta forma, a manifestación pode ser unha boa fórmula para reducir a ansiedade, a ruminación, e desfrutar máis do día a día.














