A recuperación de rexistros sonoros de 1910 saca á luz un estudo pioneiro en 11 linguas (incluída a galega)

A Biblioteca de Verín rescata do esquecemento a investigación do psicólogo, sociólogo e escritor Eloy Luis André na que estuda as curvas melódicas da fala

É 1910 e a psicoloxía aínda se considera nalgúns círculos un medio de estudo da alma. En Alemaña, en cambio, a concepción é moi diferente: Wilhelm Wundt abrira uns anos atrás o primeiro laboratorio que ve esta disciplina como unha ciencia experimental. A Universidade de Leipzig convertérase, así, no berce deste novo campo de estudo, un que deixaba atrás as conxecturas e acollía o método científico. E, nos albores desta disciplina que se estrenaba baixo un novo concepto, un investigador galego decidiu tomar parte dos seus primeiros pasos. O seu nome era Eloy Luis André (1876-1935) e foi un escritor, filósofo, tradutor e politólogo verinés que recolleu, entre 1910 e 1911, as curvas melódicas de 11 linguas coa fin de identificar cambios na fala dependentes da emoción do locutor.

O rexistro da voz forma parte da súa tese As curvas melódicas da fala en distintos idiomas vivos. O documento orixinal, manuscrito e anotado polo investigador, atópase agora no arquivo da Biblioteca Municipal de Verín, nunha sala na que se congrega o coñecemento relativo á vila e aos persoeiros que marcaron a súa historia. A institución asumiu a tarefa de recuperar a memoria desta figura e poñer en valor o seu peso histórico e as súas achegas culturais, pois este estudo situou o galego, entre outras linguas, no laboratorio que plantaría o xermolo da psicoloxía moderna.

Publicidade

Como chegaron os rolos á Biblioteca?

Os responsables da biblioteca, Vicente Rodríguez e Aurora Prieto, contan que o comezo desta viaxe foi un ciclo informativo sobre a figura de Eloy Luis André. “A través dese evento, a familia de don Eloy contactou con nós e decidiu doar a súa biblioteca persoal, que se atopaba na que fora a residencia do intelectual en Vilardevós”, lembra Rodríguez. O bibliotecario, acompañado polo voluntariado da institución —que foi premiado en numerosas ocasións polos seus labores de difusión cultural e fomento a lectura—, visitou o lugar para recoller a colección. Entre as pertenzas do investigador contábase a correspondencia de André con grandes eruditos da época, como o escritor Unamuno e o nobel de Literatura Rudolf Christoph Eucken.

Os bibliotecarios verineses sabían que entre os papeis que entraban na súa hemeroteca se encontraba a tese de Eloy Luis André; porén, cando o manuscrito chegou a eles, tamén o fixeron cinco rolos fonoautográficos en distintos estados de conservación. Rodríguez e Prieto explican que contactaron coa Biblioteca Nacional coa esperanza de recibir indicacións sobre o manexo e coidado dos aparellos, pero a resposta que recibiron foi moi diferente: “Na Biblioteca Nacional non había nada así, e nós contabamos con cinco rolos. Tiñamos nas mans algo único en España“.

Publicidade

As súas pescudas leváronos ao Museo do Pobo Galego, ao arquivo sonoro do Consello da Cultura Galega, ao Phono Museum de París e á asociación estadounidense First Sounds. A través destas consultas, puideron concluír que non se trataba de pezas únicas en España, senón en todo o mundo. “Sabemos que a empresa alemana Zimmermann producía este tipo de rolos para o primeiro laboratorio de psicoloxía experimental, que dirixía o profesor Wundt e no que participou Don Eloy, pero non temos coñecemento de que existan outros fonogramas da mesma forma e formato”, explican os bibliotecarios.

Unha tecnoloxía perdida

Os rolos son tiras de papel afumado que están impregnados en carbón; neles realizouse a gravación dos sons. Trataríase, como explica Rodríguez, dun fonoautógrafo modificado, unha sorte de laringófono que capturaría o son directamente na larinxe. “Naquel momento estaría algo desfasado, porque xa existían os discos de Edison“, apunta o bibliotecario. Estes aparellos permitirían unha reprodución máis sinxela dos sons gravados; porén, a intención de André era priorizar a captación gráfica da fala, xa que non estaba prevista a reprodución posterior das curvas rexistradas, polo que escolleu o fonoautógrafo.

  • Rolo da compañía alemana Zimmermann. Imaxe: Biblioteca de Verín
  • Tese manuscrita en alemán de Eloy Luis André. Imaxe: Biblioteca de Verín
  • Rexistro da información da gravación no rolo 2. Imaxe: Biblioteca de Verín
  • Rexistro da información da gravación no rolo 3. Imaxe: Biblioteca de Verín

O persoal da biblioteca dixitalizou os rolos e contactou co maior experto en rexistros de audio antigos, o profesor Patrick Feaster, da Universidade de Indiana. “El forma parte do proxecto First Sounds. Fixeron unha análise sobre a que se considera a primeira gravación do mundo do son, que é unha canción francesa de 1860 chamada Luz de lúa. Eles foron ao rexistro de patentes de París, onde se conserva esa representación gráfica, e analizaron as cuartillas nas que se rexistrou”, contan. Feaster elaborou un programa propio para procesar a súa dixitalización, e ese mesmo software foi o que empregaron para descifrar os audios escondidos nos rolos de Eloy Luis André.

“Nós fixemos unha dixitalización ‘doméstica’, polo que non ten a maior calidade e iso afecta o audio”, explican os bibliotecarios. Así e todo, Feaster puido obter unha reprodución sonora que permitiu confirmar que se trataba de voces humanas, por un lado, e de que se correspondían co experimento levado a cabo por André, polo outro.

“Vostede ve o Sol”

O obxectivo principal de André era demostrar que a intención do locutor pode afectar a súa curva melódica. Naquel momento, o investigador sinalou que xa había estudos que analizaban as variacións presentes na voz cantada, pero era máis difícil determinar se estes cambios se producían de xeito regular nunha lingua. Para iso, levou a cabo o primeiro experimento que mide a curva melódica da fala de catro ramas idiomáticas.

“Eloy Luis André asistiu a un curso de Wundt que admitía 500 alumnos. Deles, o profesor seleccionaba 10 para que estudaran baixo a súa supervisión no laboratorio de psicoloxía. Don Eloy foi un dos escollidos“, explica Rodríguez. Conta que foi o seu mentor quen lle propuxo estudar as linguas en función dos diferentes estados de ánimo. A investigación estableceu unha frase modelo, ‘Vostede ve o sol‘, que foi repetida en tres linguas xermánicas —alemán, holandés e inglés—, tres latinas —galego, castelán e rumano—, dúas eslavas —ruso e esloveno— e outros tres idiomas de control: o lituano, o grego e o xaponés. Para cada lingua repetiuse a frase nun estado afirmativo, negativo, condicional e imperativo ata acumular máis de 300 observacións das distintas entoacións.

O investigador mediu entón as curvas impresas: tomou a súa lonxitude, oscilación e posición e, tras analizalas cun microscopio, aplicoulles fórmulas matemáticas para obter resultados estatísticos.

A subxectividade reflíctese na fala

“O estudo non busca a lingua máis melódica, non é unha competición entre elas, senón que se comparan consigo mesmas. Trátase de demostrar cientificamente que hai variacións nas curvas, nas representacións gráficas, dun idioma”, aclara Rodríguez. O bibliotecario explica que non se chegou a publicar a súa versión final, polo que a tese permanece incompleta. De feito, sinala que no manuscrito que se atopa na institución verinesa aínda poden lerse anotacións doutros investigadores que revisaron o documento.

As circunstancias que seguiron no plano persoal e global explican por que a tese non chegou a completarse: “Don Eloy recibira unha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos para ir a Leipzig, pero tería que pagar do seu peto a segunda viaxe e estancia en Alemaña. Ademais, xa nos poñemos en 1913. Hai unha inestabilidade europea moi grande. Tamén morrera o axudante de Wundt, que se encargaba de supervisar a tese de don Eloy”, explica o bibliotecario.

Así e todo, o estudo xa propuña unha serie de conclusións. “Proba que si hai diferenzas na fala dependendo dos estados de ánimo. É algo que nos parece moi obvio agora, pero esa foi a primeira demostración científica de que existen variacións no ton en función das emocións”, declara Rodríguez. Así, a investigación determina que os factores que inflúen na melodía da fala responden a aspectos tanto obxectivos, como subxectivos; é dicir, as curvas gravadas reflicten contidos emocionais. As análises de André permítenlle, ademais, establecer relacións entre as linguas: sinala, por exemplo, que na frase afirmativa da rama latina hai máis similitudes estruturais entre o castelán e o rumano, que entre o galego e o castelán. Porén, os valores tonais son máis parecidos nos segundos, que nos primeiros.

Esta investigación sobre o estudo, financiada polo Concello de Vilardevós, resultou nunha publicación que recolle as conclusións conxuntas ás que chegaron os bibliotecarios e os seus colaboradores. O texto contou con achegas do antigo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o psicólogo Xosé Ramón García Soto, o etnógrafo Miguel Losada, o experto en sons antigos Patrick Feaster e, por suposto, os bibliotecarios Aurora Prieto e Vicente Rodríguez. Así, os estantes da biblioteca son agora o fogar dun manuscrito que proba metodicamente a pegada subxectiva na expresión sonora humana, e de cinco rolos únicos que conteñen voces gravadas hai máis dun século, no laboratorio alemán que daba comezo á psicoloxía moderna.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Ler é un pasatempo… ou moito máis?

A lectura destaca por activar procesos cognitivos específicos que, especialmente cando o cerebro se está desenvolvendo, poden marcar diferenzas importantes na idade adulta

De verdade fomos máis felices en 2016? A ciencia detrás da última tendencia en redes

Os recordos cargados de emoción consolídanse mellor que os neutros, pero co tempo ocorre algo curioso: moitas experiencias negativas perden forza

O impacto emocional do accidente de Adamuz: “Unha catástrofe deste nivel sacode toda a sociedade”

Os expertos sinalan a importancia da intervención psicolóxica temperá ante os síntomas de ansiedade e estrés agudo das vítimas e familiares