Un gaiteiro e unha soprano: estes son os rexistros sonoros máis antigos en galego

O Consello da Cultura Galega publica Alborada, gravado entre 1897 e 1900, unha muiñeira do 1900 e outras dúas pezas

O Consello da Cultura Galega publicou o rexistro sonoro máis antigo dun gaiteiro, titulado Alborada, polo gaiteiro de Valdeorras. Realizada entre 1897 e 1900 podería ser, segundo as estimacións, a gravación galega máis antiga. O gabinete fonográfico de Álvaro Ureña, no que se gravou, caracterizouse por impresionar a músicos que normalmente non se atopaban noutros establecementos.

Alborada, polo gaiteiro de Valdeorras, incrustado do Consello da Cultura Galega

 “É un raro exemplar”, asegura Carlos Martín Ballester, especialista en patrimonio sonoro gravado. Non é o único. Outro dos rexistros publicados, tras o traballo de identificación e localización de Martín, é a primeira peza en galego cantada por unha muller: Blanca del Carmen, soprano profesional. A muiñeira data de ao redor do ano 1900 e, aínda que con posterioridade deixou máis gravacións para a Compañía Gramophone, neste caso non se pode confirmar en que gabinete se realizou. Del Carmen cantou en diversos rexistros na súa vida profesional: zarzuela, ópera ou cancións de variada natureza.

Publicidade

Versión restaurada da gravación da soprano Blanca del Carmen, incrustado do Consello da Cultura Galega

Música con referencias a Galicia

Os outros dous cilindros (a peza na que se rexistraba estes sons) son de Antonio Pozo El Mochuelo, un cantante sevillano moi prolífico en canto a gravacións. Un deles corresponde a Sociedade Fonográfica Española Hugens e Acosta e o outro ao gabinete de José Navarro. Ambos estaban en mal estado pola humidade. As restauracións permiten escoitar con mellor calidade ao cantante, que gravou dous tangos con referencias galegas nos anos 1903 e 1905.

Martín Ballester defende que Galicia é unha zona moi relevante en canto á creación destes rexistros. O desenvolvemento do fonógrafo de folla de lata como aparato gravador e reprodutor de son fíxose famoso en pouco tempo e levou a este aparello a ser exposto como proba en distintas cidades. Segundo destaca Martín Ballester, as primeiras demostracións en Galicia foron o 30 de agosto de 1878 na Comandancia Xeral de Arsenais de Ferrol, tras regresar o enxeñeiro Andrés Comerma da Exposición Universal de París.

Publicidade

A chegada dos cilindros de cera

Durante anos, habería varios actos deste tipo ata que se desenvolveron os cilindros de cera como soportes de gravación. Estes, máis sinxelos e fiables, fixeron aínda máis popular o descubrimento. Aínda que a produción se centrou en Madrid, Valencia e Barcelona, os contidos vinculados con Galicia tamén son destacables, coma nos catro casos que agora amosa o Consello.

A publicación chega despois de que en febreiro deste ano se organizasen unhas xornadas sobre o rexistro sonoro en Galicia. Alí, Carlos Martín e Julio Gómez explicaban esta colección nunha conferencia titulada A arte do rexistro sonoro en Galicia: dispositivos, espazos e personaxes.

1 comentario

  1. Unha xoia de documento!. Tamén outra proba máis da tese de que a famosa ‘Alborada de Veiga’ atribuida a Pascual Veiga, estaba inspirada na realidade, nunha antiga alborada galega que podemos escoitar nidiamente nesta gravación do gaiteiro de Valdeorras. Polo norte da Terra Chá sabíase que o famoso gaiteiro Coruxeiras ( A Rigueira d’Estoa – A Pastoriza)) tamén tocoaba esta alborada, máis por ser coetáneo do compositor mindoniense, ademáis de gaiteiro oficial da Cateddral de Mondoñedo (a carón da caso de Veiga) daba lugar a certas dúbidas, máis con este documento coido que se pode constatar a enxebreza, carácter e orixe popular desta melodía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro