Cidade intelixente ou ‘smart vila’: “A tecnoloxía vai pechar a fenda entre o campo e a urbe”

Orlando Woods, da Singapore Management University: “As ferramentas e o desenvolvemento incentivarán o interese polo rural das novas xeracións”

Cidades intelixentes, si, pero, e as vilas que? Académicos, autoridades e homes de negocios de case 30 países debaten estes días en Viena sobre o significado da resiliencia urbana. A cidade está no foco, como motor de resistencia fronte ao quecemento global ou o problema da vivenda, aínda que colectivos non urbanos pero non por iso menos desenvolvidos reclaman o seu protagonismo. En Galicia, por exemplo, onde a poboación das cidades non alcanza o 37% do total. É por iso menos resiliente? “En absoluto”, sentenza Orlando Woods, investigador na Singapore Management University (SMU). “Todo o contrario. A tecnoloxía está chamada a pechar a fenda entre o campo e a cidade”.

A agricultura intelixente, unha das claves

Woods é un investigador multitarefa. Doutor en Xeografía polo University College London e director do Instituto Urbano da SMU, analiza o fenómeno das cidades desde múltiples ángulos: historia, filosofía, teoloxía… Pero o seu traballo tamén o achegou ao mundo rural. Contribuíu a proxectos multidisciplinarios e multiinstitucionais que exploran o mapeo e as iniciativas de mitigación do dengue en Singapura ou o impacto dos megaproxectos de infraestrutura asociados á Iniciativa da Franxa e a Ruta de China nas comunidades relixiosas de Sri Lanka. En Chiang Mai, no norte de Tailandia, onde a contorna agrícola é predominante, tivo ocasión de experimentar os efectos da agricultura intelixente, un fenómeno que crece en rexións como Galicia.

Publicidade

“Baseándome na miña propia investigación alí, podo garantir que o fenómeno da cidade intelixente é cada vez máis amplo e menos excluínte do ámbito rural”, relata para GCiencia, único medio español xunto a El Confidencial convidado o foro City Dialogues, que organiza a SMU en Viena, como evento asociado ao Mayors Forum of World Cities Summit 2025. “A poboación usa cada vez máis a tecnoloxía: para regar as plantas, para monitorizar os niveis de sol, para controlar e combater as pragas…”. “O que fixeron foi monitorizar granxas intelixentes no centro de Chiang Mai a unha escala moi pequena: invernadoiros individuais ou cousas moi reducidas. Experimentaban prototipos tecnolóxicos que logo se implementaron en granxas fóra da cidade a unha escala moito maior, e foi un éxito. É un exemplo moi interesante de como pechar realmente esa fenda entre o campo e a cidade”.

Cada vez máis interese polo rural

Concello de Viena, onde se celebran as xornadas sobre resiliencia urbana.

O mundo rural tamén afronta un recambio xeracional. As telecomunicacións son cada vez máis fiables. Por que hai que pensar que o poder de atracción das cidades durará para sempre? Orlando Woods está convencido: “As ferramentas e o desenvolvemento incentivarán cada vez máis o interese polo campo das novas xeracións”. Para o profesor da SMU, o crucial é o factor humano, “tentar que os mozos se interesen pola agricultura”. “Recordo entrevistar a un rapaz graduado en informática pola Universidade de Chiang Mai. Era un agricultor intelixente, porque recibiu financiamento dunha institución alemá para desenvolver tecnoloxía. E así espertou o seu interese pola agricultura. Pensou: “Eh, podo ser enxeñeiro e programador informático, pero tamén podo ser agricultor”. É un exemplo que Woods integra nun proxecto moito máis amplo: atraer os mozos ao mundo agrícola ou gandeiro.

Publicidade

O profesor Woods é un personaxe central no City Dialogues asociado ao World Cities Summies, no que participan medio cento de alcaldes de todo o mundo. O profesor da nova pero influente universidade de Singapura (este ano celebra o seu 25 aniversario) fai de presentador, de relator, de coordinador… A capital austríaca recibiu aos centos de asistentes con ata 35 graos, en plena onda de calor que abrasa o centro de Europa. Cobra especial forza o eixe de moitas das súas investigacións: os riscos climáticos urbanos. Obviamente, escapar da calor do asfalto é “outro punto a favor do rural”.

Viena, cidade modélica contra a calor

Durante estes días, as autoridades de Viena teñen a oportunidade de presumir dunha cidade modélica en moitos sentidos. A resistencia ante as altas temperaturas é un deles, coa apertura de espazos públicos baixo teito nos que non é necesario pagar nin consumir. Tamén con infraestruturas sociais que protexen aos máis vulnerables ou cos seus enormes parques e xardíns, que ofrecen a vieneses e turistas un refuxio climático ideal. Isto último, froito de séculos de planificación urbana, é un factor imposible de traspoñer a outras cidades, pero si un obxectivo para autoridades obrigadas a pensar no longo prazo.

Tampouco se lle poden esixir resultados urxentes a outra estratexia que fixo de Viena unha cidade modelo, considerada polo índice de The Economist como a unha das de maior calidade de vida do mundo: o seu sistema público de vivenda.

Desde as primeiras décadas do século XX, coa Viena Vermella, a cidade aplicou unha política de housing que converteu o seu concello no maior propietario inmobiliario de Europa: atesoura 220.000 propiedades subvencionadas, nas que reside o 60% dos seus habitantes. Forma parte dunha partida de 600 millóns de euros anuais para crear “espazos alcanzables” aos seus cidadáns. O prezo do metro cadrado é en Viena ao redor dun terzo do que se paga en Londres ou ao redor da metade que en Madrid ou Barcelona. A receita consiste en: moito tempo, moito solo público, pouca poboación. Non todas as cidades poden limitarse a copiar o modelo, pero si aproximarse a el.

Galicia como alternativa?

Coa covid, relata Woods, en Tailandia moitos mozos volveron a súa mirada ao campo, para obter traballos máis estables, menos dependentes dos servizos e doutras persoas. Tamén en Galicia, onde a eclosión do teletraballo incentivou, como o resto de España, un relevante regreso á contorna rural: un refuxio climático que calquera dos invitados ao World Cities Summit envexaría. Pode converterse o campo en Galicia nunha alternativa convincente fronte ao quecemento global e o problema da vivenda? O investigador británico non alberga dúbidas: “Definitivamente si”.

Pablo López / Viena
Pablo López / Viena
Director de GCiencia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o segundo mes de xuño máis cálido dende que hai rexistros

O último informe de Meteogalicia conclúe que foi un período seco e marcado por dous importantes episodios de calor

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé