“Eu traballo durante o verán para poder gañar algo de diñeiro, pero ás veces síntome mal por non ter a liberdade que teñen os meus amigos para facer calquera plan en calquera momento”. Esta é a situación de Raquel, unha moza galega de 22 anos que traballa nun hotel dunha vila turística da costa durante os meses estivais. Coñeces esa sensación de incomodidade da que fala? Pois ten nome, e non é tan novo como parece: falamos do FOMO, un acrónimo do inglés Fear Of Missing Out, que se podería traducir como “medo a perderse algo”.
O termo foi acuñado polo estudante da Harvard Business School, Patrick J. McGinnis, nun artigo humorístico do xornal do campus, The Harbus. Refírese ao medo a quedar fóra de plans que parecen divertidos ou exitosos, sobre todo cando os vemos nas redes sociais. Aínda que ás veces se trata como se fose unha patoloxía, segundo a médica psiquiatra do Sergas, Iria Veiga, non é un unha enfermidade, senón unha manifestación social máis ampla.
Viralizado en Internet, o FOMO pódese comparar con outras etiquetas populares como o síndrome de Peter Pan ou a depresión postvacacional. Trátase dun fenómeno inherente á condición humana: o desexo de estar onde está “o importante”. O que cambia é a intensidade coa que se manifesta na actualidade.
Orixe nunha sociedade hiperconectada
“O FOMO aparece normalmente cando cremos que outras persoas están a experimentar algo mellor ca nós”, explica Fernando L. Vázquez, catedrático en Psicoloxía Clínica e director do grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía na Universidade de Santiago (USC). Este sentimento xorde con frecuencia ao ver que amizades ou familiares viven momentos especiais dos que non formamos parte.
Este fenómeno gañou visibilidade nos últimos anos impulsado polo afán constante de compartir nas redes sociais. Este comportamento alimenta un estilo de vida hiperconectado. “Esta sensación está presente en todos os grupos de idade que teñen en común o exceso de conexión ao mundo dixital”, sinala Vázquez. Esta sobreexposición é unha das principais razóns da aparición do FOMO.
As redes sociais funcionan como amplificadores desta sensación. Plataformas como Instagram, TikTok ou LinkedIn convértense en escaparates onde se mostran logros, viaxes e momentos de lecer a través dun filtro romantizado. “Esta imaxe activa unha comparación social continua”, engade o psicólogo, advertindo que ao contrastar a nosa vida real coa que vemos na pantalla, sempre saímos perdendo.
Un concepto próximo é o FOBO (Fear of Better Options), que a miúdo se confunde co anterior. Refírese ao medo a tomar decisións por se xorde algo mellor. “Mentres o FOBO paraliza, o FOMO empurra a facer máis plans”, explica Vázquez. Porén, ambos fenómenos teñen algo en común: a dificultade para estar en paz co presente.
Por que emerxe, segundo a psicoloxía
Fernando L. Vázquez sinala que existen diversas teorías psicolóxicas que explican por que aparece o Fear of Missing Out nas nosas vidas. Unha das máis relevantes é a teoría da autodeterminación, que sostén que o FOMO xorde cando non está cuberta a necesidade de relación social.
Ver outras persoas compartindo experiencias que non vivimos pode activar unha sensación de exclusión. Outra destacada é a teoria da comparación social, segundo a cal o FOMO aparece cando sentimos que os demais están a vivir cousas mellores ca nós.
Unha vez coñecidas as causas psicolóxicas, cómpre preguntarse: como se manifesta o FOMO na práctica? Segundo o experto, hai varios sinais que poden indicar a súa presenza. O máis habitual é a necesidade constante de revisar perfís en redes para non perder nada do que fan os demais. Tamén é frecuente a incapacidade para comprometerse cun plan por se aparece unha opción mellor, vinculado ao mencionado FOBO, ou a sensación persistente de que os demais están a vivir algo máis interesante.
“É frecuente experimentar irritación, tristeza e ansiedade ao ver imaxes de reunións, viaxes ou logros alleos”, explica Vázquez. Ademais, destaca a dificultade para gozar do presente, xa que este se compara continuamente cun ideal que, moitas veces, só existe a través dun filtro dixital.
O verán: a época do FOMO
“O verán probablemente sexa unha das épocas máis fértiles para a aparición do FOMO”, afirma Fernando Vázquez. O catedrático refírese a este período como “o tempo dos planazos”, esa etapa entre xuño e setembro na que vivimos pendentes das experiencias dos demais.
Un dos motivos polos que o FOMO se dispara nestes meses ten que ver coas redes sociais. Durante o verán aumenta a cantidade de publicacións que mostran escenas idílicas, todo encaixado na narrativa dominante do lecer idealizado. A isto súmase a presión social por vivir experiencias visiblemente emocionantes.
Así, para moitas persoas, o verán convértese nun tempo de comparación constante e frustración emocional. “Só ves que os demais están a poñer en marcha os seus ‘planazos’ e ti nunca chegas”, explica. Mais, como lembra Vázquez, non todas as persoas teñen os mesmos recursos económicos, físicos, emocionais e sociais. “Isto xéranos unha culpa silenciosa por non facer abondo”, engade.
Na base do fenómeno está a idealización do lecer. Non todo ten que ser facer fotos en festas multitudinarias para subilas a Instagram. Tamén hai pracer en plans tranquilos: ler un libro ou durmir a sesta. “Na actualidade hai unha minusvalorización destes plans, porque se interpretan como experiencias secundarias ou de pouco valor”, explica Vázquez.
Posibles consecuencias emocionais
Aínda que o FOMO adoita asociarse coa ansiedade social, o psicólogo Fernando Vázquez aclara que esta non é a súa causa, senón unha das consecuencias máis habituais. “Dentro das principais atópanse a ansiedade e o estrés”, explica o experto. A necesidade de estar sempre conectado e dispoñible para novos plans pode provocar esgotamento mental.
Outro efecto frecuente é a baixa autoestima, derivada da comparación constante coas vidas alleas. Isto pode conducir a decisións impulsivas: aceptar plans que non apetecen ou facer compras innecesarias, simplemente por medo a quedar fóra.
Estas reacción poden xerar unha cadea de consecuencias. Por exemplo, pode derivar en relacións sociais pouco auténticas, baseadas máis na soidade que en afinidades reais. Ademais, dende o punto de vista psicolóxico, unha das repercursións máis relevantes é a desconexión co presente: “É dificil gozar do aquí e agora se sempre estamos pensando no que deberiamos estar a facer noutro lugar”, sinala Vázquez.
Como xestionar o FOMO?
Para manexar este fenómeno emocional tan habitual, o primeiro paso é recoñecer o que sentimos. “O FOMO non é unha debilidade, senón unha reacción normal nunha sociedade que nos di que poderiamos estar noutro lugar facendo algo mellor”, explica o catedrático da USC. Por iso, propón sete consellos prácticos para sobrevivir ao FOMO no verán.
—Céntrate nos teus propios valores. “É importante preguntarse se o que envexas o queres realmente ou se te sintes presionado a querelo”, medita.
—Elixir con autenticidade. Vive de forma coherente coas tú ás necesidades e priorizar o que necesitamos para ser felices.
—Valorar o que estás a vivir, aínda que non semelle ser espectacular. Non todo ten que ser compartido para ser memorable.
—Practica a gratitude. Vinculado á psicoloxía positiva, ten que ver co agradecemento polo que tes, o que es e o que estás a vivir.
—Desidealiza o verán “instagrameable”. Ás veces, o mellor verán é o que permite descansar e reconectar.
—Modera o uso das redes sociais. Observa como te afectan antes e despois de usalas. “Hai que lembrar que o que se ve é unha versión editada da realidade”, sinala o catedrático.
—Lembra que ninguén o ten todo. Detrás da vida aparentemente perfecta, tamén hai dúbidas, momentos de baleiro e problemas.














