Rendibilidade ou sostibilidade? O aguacate pon á proba os recursos hídricos de Galicia

A produción deste froito na comunidade, aínda incipiente, require grandes cantidades de auga e combina oportunidades económicas con retos ambientais

O aguacate (Persea americana) é o ouro verde da agricultura grazas á súa crecente accesibilidade e á difusión da tendencia dunha alimentación saudable. Segundo o xornal dixital agrario Campo Galego, a produción mundial deste froito en 2024 alcanzou os 10,4 millóns de toneladas. Con todo, en Galicia o seu cultivo aínda se atopa nunha fase inicial, que en ocasións compromete a súa sustentabilidade ambiental, especialmente polo elevado consumo de auga. Nas principais zonas produtoras de España estimouse que para producir un quilo de aguacates se precisan 684 litros de auga.

“Poderíamos pensar que o aguacate non ten encaixe na nosa ecoloxía, pero non é así”, explica Julián García Berrios, profesor do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago (USC) e experto en viticultura e arboricultura. Con todo, os últimos rexistros do Ministerio de Agricultura, correspondentes a 2023, contabilizan 7 hectáreas de plantacións de aguacate na provincia de Pontevedra e unha na Coruña, cunha produción total de 6 toneladas.

Publicidade

Este desenvolvemento está favorecido pola existencia de diversos microclimas dentro da comunidade, aínda que só algúns resultan óptimos para o cultivo deste froito. O clima chuvioso converte Galicia nunha zona propicia, pero non sempre: un exceso de auga pode danar as flores e favorecer a aparición de fungos na pel do froito, que se manifestan co tempo.

Aínda así, as máis de 100 variedades de aguacate existentes no mundo, cun diverso material vexetal, permiten a súa adaptación a distintos climas, dende zonas de montaña ata áreas costeiras e tropicais: “Hai un abano grande de posibilidades de adaptación”, afirma García Berrios. Non obstante, aínda que se adoita pensar que en Galicia todo está pasado por auga, no caso do aguacate este é un factor determinante debido á súa elevada demanda.

Publicidade

A esixencia das variedades comerciais galegas

O aguacate, que pode superar os 3 euros o quilo, conta con diversas variedades comerciais demandadas polo mercado, e o seu cultivo é cada vez máis habitual na Galicia costeira. Segundo o experto, estas variedades presentan maiores esixencias que os cítricos, especialmente en canto a auga: “Teñen un interese económico grande, pero tamén unha demanda hídrica considerable“.

Con todo, Galicia podería xogar cunha vantaxe: por agora, a demanda de auga é menor que na zona do Levante peninsular. O clima galego é máis doce e menos cálido, aínda que non exento de problemas relacionados coa falta de ciclos óptimos. Por iso, a prioridade no cultivo de aguacate debería centrarse na selección axeitada de localizacións e variedades.

Esta situación vese favorecida polo carácter incipiente do cultivo na comunidade. “Nos primeiros estadios non hai pragas nin enfermidades específicas“, asegura Julián Garcías Berrios, xa que estas aparecen co tempo, como ocorreu co kiwi. Con todo, isto pode cambiar de forma rápida e aparecer un parasito sobre as plantas, advirte Javier Cancela Barrio, do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC.

flor do aguacate
Flor do aguacate (‘Persea americana’). Foto: Wikimedia Commons

Ademais, hai unha particularidade que require adaptación: a polinización do aguacate está condicionada pola apertura das súas flores, diferenciadas entre machos e femias, que se produce en momentos distintos do día, entre a noite e a mañá. Estes procesos están regulados fotoperiodicamente e termicamente, polo que tamén é preciso estudar se as estratexias de polinización utilizadas noutras áreas da península son efectivas en Galicia.

Que pasa coa auga?

“O aguacate é un cultivo que ten unha demanda importante de auga no seu ciclo produtivo”, informa Cancela Barrio, quen traballa no uso sostible da auga. Isto non significa que precise cantidades excesivas, senón que require o achegue axeitado en cada momento.

En Galicia, os veráns son cada vez máis secos, polo que é necesario garantir unha achega constante de auga aos cultivos. A isto súmase que os solos adoptan ser fracos e areosos, con pouca capacidade de retención hídrica, o que obriga a repoñer a auga case a diario. “Manexar a auga sen sobrepasarnos nin quedar curtos é un reto ambiental”, subliña Cancela Barrio, quen defende que é fundamental atopar solucións canto antes para facer do aguacate un cultivo viable no mercado galego.

Ademais, a produción galega non segue os mesmos prazos ca os grandes produtores mundiais. Nos campos galegos aínda existe unha boa dispoñibilidade de auga nos meses de verán, período crítico para o cultivo, aínda que anos como 2025 presentan máis dificultades. Porén, Javier Cancela asegura que nas zonas produtoras de Galicia, especialmente no Baixo Miño, non houbo problemas de seca nesta campaña.

En Andalucía, pola contra, a complexidade é moito maior: “Xa non teñen recargas de recursos hídricos porque as precipitacións son cada vez máis escasas”. En Galicia, a auga acumulada nas estacións de inverno e primavera segue sendo clave para cubrir as necesidades do cultivo durante o verán. Con todo, Cancela advirte: “A medio prazo, é probable que teñamos que buscar outras estratexias que permitan garantir a auga que require o cultivo”.

A procura de solucións

Cando borde un problema, é necesario buscar solucións. No caso da xestión da auga, Javier Cancela Barrio explica que unha opción habitual é o uso de augas rexeneradas procedentes das depuradoras residuais urbanas. Dende o grupo de investigación PROEPLA. Proxectos e Planificación, estudan a viabilidade de empregar esta auga de forma que achegue nutrientes e, á vez, recircule directamente nos leitos fluviais, especialmente en zonas costeiras. “Debería ser unha alternativa estudada e viable, adaptándose ás normativas existentes”, subliña.

Por outra banda, para abordar o mesmo desafío, o investigador da USC, xunto a un grupo operativo galego, iniciou un estudo de tres anos sobre o rego sostible do aguacate en Galicia. Durante a investigación, analizaron como aplicar técnicas de rego sostible e os seus efectos na planta, aínda que non se centrou na marcación xeográfica da rexión.

Aínda que se trataba dunha zona pequena e experimental no Baixo Miño, a conclusión foi clara: “Unha regra deficitaria axuda a baixar as demandas da auga que esixen os consumos habituais”, explica. Deste xeito, conséguese manter unha produción estable e rendible sen exceder os recursos dispoñibles no territorio.

Rendibilidade económica

Julián García Berrios explica que a busca da rendibilidade económica non é exclusiva do aguacate, senón de toda a cultura froiteira. Dende esta perspectiva, asegura que Galicia pode ser unha contorna produtiva axeitada: “Adecúase ben á explotación de tamaño medio ou pequeno”, sinala, algo que resultaría inviable economicamente noutros cultivos froiteiros. Así, na rexión hidrográfica Miño-Sil, é fundamental non sobrepasar os límites dos usos prioritarios da auga para a produción de cultivos.

No caso andaluz, moitos produtores de aguacate son relativamente pequenos se se comparan coas grandes extensións típicas do sur. Con todo, o mercado nunca está controlado polos produtores individuais, senón polas comercializadoras.

“A rendibilidade non é incompatible coa xestión e o aforro de recursos”, asegura o doutor do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. Mentres, Cancela Barrio engade que a viabilidade económica non significa que todas as superficies de cultivo deban dedicarse ao aguacate: “Temos que buscar un equilibrio, apoiándonos en estudos de sostibilidade”. Todo depende da estratexia que se adopte en cada explotación.

Un cultivo viable a longo prazo?

A pesar de que o cultivo do aguacate non consume unha cantidade excesiva de recursos de forma xeral, Javier Cancela advirte sobre a súa correcta administración: “Chegará un punto no que os recursos hídricos comenzarán a preocupar”, sinala. Non porque Galicia careza de auga para regar, senón porque esta podería non ser suficiente para garantir un cultivo viable a longo prazo.

Nun contexto comercial aínda incipiente en Galicia, Julián García asegura que o aguacate podería ser viable como calquera outra froiteira. “É unha cultura nova aquí”, comenta, e engade: “Habería que poñela a punto en canto a ubicacións, combinacións de variedades e manexo dos recursos”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño