Venres 19 Abril 2024

Podemos falar xa dunha seca en España?

 *Un artigo de 

A seca é un risco silencioso pero constante. Desenvólvese lentamente e, sen que apenas nos deamos de conta, a falta de choiva vai baleirando os encoros e restando humidade no chan.

Publicidade

Un ciclo seco iníciase e evoluciona da seguinte maneira:

  • primeiro faltan as choivas (seca meteorolóxica) e rexístranse valores elevados de evapotranspiración pola falta de cobertura nubrada, impactando sobre o medio ambiente (seca ecolóxica), con encoros baixo mínimos (seca hidrolóxica);
  • logo, a agricultura de secaño empeza a padecer os seus efectos;
  • a continuación, falta auga para os regadíos (seca agrícola) e para a produción hidroeléctrica;
  • finalmente, se se mantén o déficit pluviométrico, a seca chega ás cidades con restricións de auga (con seca socioeconómica).

En resumo, as secas, a diferenza dos terremotos, presentan unha frecuencia elevada (así é no caso de España), unha duración prolongada (de varios meses ou mesmo anos), unha extensión espacial considerable e unha velocidade de implantación lenta, entre outras características físicas.

Tipos de secas

A implantación da seca, ademais de lenta, é moi discreta. É moi difícil determinar cando empeza exactamente unha seca. O seu inicio está esvaecido ou fragmentado nunha sucesión de diferentes episodios secos que alternan con episodios máis ou menos chuviosos.

En termos espaciais, debemos lembrar que este fenómeno é moi variable en España e impide falar dun só tipo de seca. Polo menos pódense distinguir catro tipos de seca no noso país, en función da área xeográfica afectada:

  • secas cantábricas, moi pouco frecuentes;
  • secas surestinas, as máis habituais;
  • secas en Cataluña, curtas pero intensas;
  • e secas ibéricas, que afectan á práctica totalidade do país e cunha duración prolongada.

Pola duración dunha seca, tamén podemos distinguir entre un ano seco, cando as precipitacións supoñen menos dun terzo do normal durante un ano, e unha secuencia seca ou gran seca, cando estas condicións se prolongan como mínimo dous anos seguidos.

Secas históricas

Actualmente, as illas Canarias están a experimentar unha seca prolongada —durante 2019, 2020, parcialmente 2021 e, se non cambia a tendencia actual, 2022—. Na península ibérica, o 2021 supón a extensión das condicións de diminución de precipitacións que acabaron por manifestarse de forma abrupta nas primeiras semanas do presente ano.

As últimas secas importantes na España peninsular desenvolvéronse a comezos dos anos oitenta e nos primeiros anos noventa do pasado século. Xeralmente, cando un ano ten máis de 150 días de anticiclón desenvólvese un ciclo seco.

Como exemplos de secas destacadas nas últimas décadas, pode citarse a do País Vasco de 1989. En decembro dese ano, Bilbo, que sufriu restricións de auga, só recolleu a décima parte da media de choiva do mes. Durante o mesmo período, o litoral andaluz (Huelva, San Fernando e Cádiz) practicamente rexistraba a metade das súas medias anuais, o que deu lugar a inundacións.

Pola contra, a gran seca de 1992 a 1995 no centro e sur de España, con restricións de auga moi severas en cidades como Sevilla e Cádiz, coincidiu con cantidades de choiva normais e ata superiores á media na costa cantábrica.

Ambas as secas poden relacionarse coa chamada Oscilación do Atlántico Norte (NAO), constituída polo dipolo do anticiclón dos Azores e as baixas presións de Islandia. Na súa fase positiva, este fenómeno dá lugar a períodos prolongados sen precipitación en boa parte de España, baixo a protección do anticiclón, exceptuando o norte. Na súa fase negativa, con baixas presións no golfo de Cádiz e un anticiclón na illas Británicas e as latitudes altas do Atlántico norte, a choiva é xenerosa no centro e o suroeste da península ibérica.

Por último, os anos 2005 e 2017 foron moi secos. Volveron rescatar a pantasma das restricións urbanas en diferentes localidades do noso país.

Figura 1. Evolución anual das secas na España peninsular de acordo co Índice de Precipitación Estandarizada (SPEI) de 12 meses de acumulación. Foto: Dominic Royé
Figura 1. Evolución anual das secas na España peninsular de acordo co Índice de Precipitación Estandarizada (SPEI) de 12 meses de acumulación. Foto: Dominic Royé

Un fenómeno cada vez máis frecuente e severo

Na península está a observarse en todo o territorio unha tendencia crecente cara a unha maior aridez, particularmente por un aumento na duración dos períodos de seca. Esta situación vén impulsada tanto pola diminución da precipitación como polo aumento da evapotranspiración.

As secas serán cada vez máis frecuentes, máis severas, máis duradeiras e cubrirán máis territorio. Esta tendencia podería agravarse nas próximas décadas debido ao quecemento global, de acordo coas últimas proxeccións de cambio climático, que veñen confirmar o balance cada vez máis negativo entre precipitacións e evapotranspiración.

Seca variable segundo a rexión

A situación que vivimos actualmente en España, no seu conxunto, pode cualificarse de condicións de prealerta de seca ibérica, que debe ser controlada semanalmente. Sen esquecer que en rexións como Andalucía, Cataluña, as illas Canarias e Galicia xa se disparou a alerta de seca.

Levamos case dous meses de condicións anticiclónicas, pero aínda non poderiamos falar estritamente de situación de seca ibérica. A evolución atmosférica nos próximos meses, de marzo a maio, vai resultar determinante para establecer o carácter máis ou menos seco do presente ano hidrolóxico. Se na próxima primavera escaseasen as choivas, entón falariamos dun ano seco importante, que podería ser o xerme dunha secuencia seca de longa duración.

As predicións estacionais dispoñibles indican, a unha escala espacial non detallada, se a choiva nos próximos meses será superior, igual ou inferior á normal ou a probabilidade de que alcance determinados percentís. Estes prognósticos sinalan que a precipitación será inferior á normal en gran parte da península ibérica no final do inverno e a primavera, coa excepción da súa franxa máis oriental, onde pode ser practicamente normal.

Ademais, a temperatura será en todo o territorio superior á normal, co que a escaseza hídrica verase agravada. En resumo, non se entrevé de momento o final deste período seco.

Figura 2. Predición das anomalías de presión a 500 hPa (5 000 km) para as próximas semanas. A cor azul corresponde a presións máis baixas e a vermella a presións máis altas do normal, ou sexa, a unha situación anticiclónica. Foto: ECMWF
Figura 2. Predición das anomalías de presión a 500 hPa (5 000 km) para as próximas semanas. A cor azul corresponde a presións máis baixas e a vermella a presións máis altas do normal, ou sexa, a unha situación anticiclónica. Foto: ECMWF

Estamos preparados?

Ante estas condicións, cabe preguntarse se o noso país está preparado para afrontar un ciclo seco importante, de longa duración. A resposta é clara: España segue sen estar preparada para afrontar unha gran seca.

A situación no interior peninsular e nas rexións do Cantábrico é especialmente delicada. O litoral mediterráneo e os dous arquipélagos están mellor preparados, seguramente porque padeceron os efectos de grandes secuencias secas en décadas pasadas e arbitraron medidas para evitar o desabastecemento, polo menos o urbano.

A construción de desalinizadoras e o fomento da reutilización de augas depuradas resultan claves neste proceso. E estas accións non tiveron efecto nas rexións do cantábrico nin no interior peninsular, de maneira que están moi expostas a unha secuencia longa de falta de precipitacións, que tería graves efectos na agricultura e gandería e provocaría un máis que probable desabastecemento en moitos núcleos urbanos.

España debe adaptarse de forma urxente á realidade do cambio climático e á posibilidade, máis que probable segundo nos din os modelos climáticos, de que estas secuencias secas sexan máis frecuentes nas próximas décadas. Non temos ben calculadas as dimensións dos depósitos de abastecemento urbano de auga para estas condicións.

En definitiva, a planificación da auga no noso país debe deixar de basearse na oferta continua, porque as choivas van escasear, e debe realizarse desde a correcta xestión da demanda, con aforro e cun uso racional, evitando implantar actividades no territorio que supoñan incrementos continuados de consumo de recursos hídricos (novos regadíos, promoción inmobiliaria por encima das necesidades reais de vivenda…).

O cambio climático obríganos a cambiar a nosa maneira de relacionarnos co medio natural e cos seus elementos, especialmente coa auga no noso país. Se non o facemos, situacións como as que estamos a vivir terán cada vez maior custo económico, social e político.


* Dominic Royé é investigador de Geografía Física na Universidade de Santiago de Compostela. Javier Martín Vide é catedrático de Geografía Física na Universitat de Barcelona. Jorge Olcina Cantos é catedrático de Análisis Geográfico Regional na Universidad de Alicante. Robert Monjo é PDI do Departamento de Álgebra, Geometría y Topología da  Universidad Complutense de Madrid.

Cláusula de Divulgación: Robert Monjo recibe fondos del Ministerio de Transición Ecológica y Reto Democrático (MITECO) através de los proyectos CLIMSE-RAM – IMAGUA e do Instituto Europeo de Innovación y Tecnología (EIT) Climate-KIC mediante el proyecto CRISI-ADAPT II

Dominic Royé, Javier Martín Vide y Jorge Olcina Cantos non reciben salario, nin exercen labores de consultoría, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado.

The Conversation
The Conversation
https://theconversation.com/es

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A primavera arrinca cun potente anticiclón que disparará os termómetros ata os 27 graos

Este luns entra aire frío en altura e pola tarde choverá con carácter tormentoso no interior da comunidade