O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

Identificar as áreas con maior probabilidade de verse afectadas por grandes incendios foi o obxectivo dun estudo desenvolvido por investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal no marco do proxecto Use4Forest. Seleccionado polo programa Interreg Sudoe e liderado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o proxecto dá a coñecer os resultados de máis de 120.000 simulacións realizadas co obxectivo de identificar zonas con alto risco de incendio no norte España e Portugal e no sur de Francia. Os resultados apuntan á “área suboriental” de Ourense, León, Zamora e a rexión de Tràs-os-Montes como unha das zonas máis susceptibles de verse afectada por grandes lumes. 

As simulacións realizáronse tendo en conta diferentes escenarios climatolóxicos e distintos puntos de inicio dos lumes, e permitiron constatar a existencia de “áreas con alto risco de incendios” que previamente non se viran afectadas por lumes extremos, como explica o investigador Juan Picos. O propósito deste estudo é pór de relevo a importancia de contar con “novas ferramentas” en materia de prevención, nun contexto marcado polo cambio climático

Publicidade

Tendencias na evolución dos lumes

Entre os aspectos máis significativos sobre as tendencias na evolución do comportamento dos lumes, “especialmente relacionadas coa crise de incendios” sufrida en Galicia o pasado verán, o investigador Juan Picos explica que “aínda queda moito traballo por demostrar”. Non obstante, incidiu en que a área situada entre Portugal, Galicia e Castela e León, detectada nas simulacións, foi tamén unha das zonas que rexistrou unha maior cantidade de incendios no verán de 2025. Segundo explicou, esta área correspóndese “coa liña imaxinaria que separa os dominios bioxeográficos mediterráneo e eurosiberiano” da península, o que o levou a apuntar á influencia do cambio climático como un factor que está a incrementar o risco de grandes incendios forestais.

Do mesmo xeito, destacou que os lumes de 2025 superaron tamén “unha segunda fronteira”, a relacionada coa altitude, debido á súa incidencia en zonas elevadas, un feito que o investigador vinculou co quentamento global. “As zonas máis altas normalmente en verán estaban máis frías e a vexetación mantiña máis humidade, e o que vimos o ano pasado foi algo inaudito en termos de cantidade de incendios en altitudes moi elevadas”, recoñeceu Picos, sinalando como exemplo os incendios rexistrados nas montañas do macizo central ourensán.

Publicidade

As vagas de calor

O equipo investigador da UVigo analizou tamén “o impacto que sufriu a vexetación o pasado ano coas vagas de calor” e como este pode influír en futuros incendios. Como apuntou Juan Picos, “é posible” que ese impacto permaneza “latente na vexetación este ano”, debido á acumulación de vexetación morta en “áreas que non arderon”. Esta circunstancia pode resultar determinante na porcentaxe de humidade do combustible forestal, na que normalmente “domina a humidade” da vexetación viva, “que adoita ser maior”. Do mesmo xeito, o investigador sinalou a hipótese “de que a atmosfera poida ter unha maior capacidade secante”, o que faría que as plantas murchasen antes e que “a tempada de incendios se adiante máis aló do que estamos acostumados”.

Nesta análise do acontecido en 2025, o investigador da EE Forestal puxo tamén o foco nos “comportamentos moi desfavorables do lume” durante as noites, nas que “non se recuperou a humidade” nin baixou o vento, limitando así as posibilidades dos dispositivos de extinción de “consolidar” o traballo realizado ao longo do día.

Co obxectivo de favorecer o control dos incendios, a Xunta de Galicia presentou novo equipamento para a defensa contra o lume no marco dun encontro celebrado no Centro de Xestión de Crise de Verín e na Base Aérea de Verín-Oímbra: dúas furgonetas que funcionarán como postos de mando avanzado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Cal é o risco de incendio no teu concello? Descúbreo no novo mapa interactivo da AEMET

A ferramenta en liña combina variables meteorolóxicas con parámetros sobre o estado real do territorio para anticipar o perigo de incendios

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados