Como de vulnerable é o teu fogar fronte a incendios forestais? Compróbao nesta aplicación

O proxecto europeo FIREPRIME lanza unha ferramenta gratuíta que permite medir o risco das vivendas fronte aos lumes

O perigo que supoñen os incendios non resulta descoñecido en Galicia. A Xunta cifrou en 118.966 hectáreas a superficie queimada en todo 2025, un número que o Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS) do programa Copernicus eleva a máis de 171.000 hectáreas dende o inicio do verán. Agosto de 2025 pasou á memoria colectiva como un dos meses máis escuros para o ecosistema da comunidade.

Ante esta situación, non tardaron en chegar as reclamacións para elaborar un plan de medidas de actuación e, sobre todo, de prevención. A suma de diferentes factores, entre eles o aumento de temperaturas derivado do quentamento climático, forma un escenario traxicamente apropiado para a propagación de lumes. Neste contexto, o proxecto europeo FIREPRIME lanza unha aplicación gratuíta con afán de concienciación e prevención.

Publicidade

FIREPRIME: ciencia internacional ao servizo social

A iniciativa elaborou unha ferramenta gratuíta para axudar a medir os posibles perigos fronte ao lume. A aplicación, que pode descargarse en Google Play e App Store, está deseñada para que os residentes de zonas forestais poidan avaliar o risco dos seus fogares fronte a incendios forestais. Ademais, propón recomendacións personalizadas para reducir os riscos da vivenda.

Capturas de pantalla que amosan algúns contidos da aplicación de FIREPRIME.
Capturas de pantalla que amosan algúns contidos da aplicación de FIREPRIME.

Este programa ofrece unha modalidade básica, cun cuestionario de 10 preguntas, e unha avanzada, con ata 23. A ferramenta foi desenvolta por investigadores da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), a Fundación Pau Costa e os organismos RISE, de Austria, e BOKU, de Suecia. Deste xeito, queda patente que a loita contra o lume é un reto compartido dentro e fóra dos límites nacionais.

Publicidade

Como funciona a aplicación?

Para realizar un diagnóstico preciso, FIREPRIME emprega datos do programa europeo Copernicus —observatorio da Terra que ofrece información gratis e de libre acceso tomada de satélites e bases a nivel terrestre— e indicacións introducidas polo usuario sobre os materiais de construción da edificación e sobre a vexetación próxima ao domicilio.

Así, a ferramenta combina a información sobre os riscos da área xeográfica e a vulnerabilidade estrutural dos edificios co gallo de presentar unha análise fiable acompañada de suxestións de protección fronte a incendios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Fan falta máis medios de extinción para loitar contra os incendios forestais?

O consenso científico afirma que o problema é un modelo que continúa a investir máis en apagar o lume ca en evitar que se produzan grandes eventos. Por María-Luisa Chas-Amil e Emilio Nogueira-Moure

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

O lume a vista de paxaro: descubre como se combate un incendio dende o helicóptero

A conta da rede social X da Xunta de Galicia dedicada á prevención fronte ao fogo publica un vídeo sobre como loitan os medios aéreos contra as lapas

Así funciona a nova aplicación gratuíta para alertar dos lumes en Galicia

A Xunta presenta melloras tecnolóxicas como o lanzamento dun sistema de avisos cidadán e a incorporación de intelixencia artificial á rede de videovixilancia