O lume como espello: innovación, prevención e cooperación fronte aos incendios en Galicia

Unha xornada organizada por Firepoctep+ en Santiago reuniu a máis de medio cento de especialistas para repensar a xestión do territorio

O lume volveu poñer a Raia fronte á súa propia fraxilidade. O verán de 2025 foi un dos máis duros dos últimos anos, con incendios de alta intensidade que arrasaron máis de 620.000 hectáreas na península ibérica e puxeron a proba a capacidade do territorio para resistir. Neste contexto, unha xornada organizada por Firepoctep+ en Santiago de Compostela reuniu a máis de medio cento de especialistas, técnicos, empresas e representantes institucionais cun propósito común: repensar a xestión do territorio desde a prevención, a innovación e a cooperación.

“Este verán foi moi duro para Galicia. Os incendios de alta intensidade obrígannos a repensar como xestionamos o territorio”, dixo Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia.

Publicidade

A súa frase marcou o ton do encontro: unha chamada para revisar as bases dun modelo forestal e rural que, a pesar dos avances, segue a ser vulnerable ante un lume cada vez máis difícil de predicir e extremo. Na primeira mesa de debate, xunto a Juan Picos, da Universidade de Vigo, abordouse a urxencia de integrar a planificación territorial coa prevención. Picos foi claro: “Non hai territorio sen risco, o que hai son territorios mellores ou peor preparados”. A prevención, insistiron ambos, non pode limitarse á extinción nin aos veráns críticos, senón que debe formar parte dunha xestión constante, que combine ciencia, política pública e coñecemento local.

A innovación como ferramenta de prevención

A segunda mesa da xornada trasladou o foco ás solucións concretas. Empresas como EnergyLab, 3eData, AMETLAM e a Agrupación industrial da Biomasa de Galicia presentaron proxectos que demostran como a tecnoloxía pode converterse en aliada da prevención.

Publicidade

Desde a análise preditiva do comportamento do lume ata a teledetección e os modelos dixitais de territorio, as ferramentas de innovación están a cambiar a forma de entender o risco. Pero como advertiu Hugo Rodríguez, de AMETLAM, “se non xestionamos o territorio, o lume vaino facer por nós”. A súa intervención lembrou que a innovación debe traducirse en resultados tanxibles sobre o terreo, especialmente nun contexto rural envellecido e con poucos recursos.

A Agrupación industrial da Biomasa de Galicia, representado por Rubén Mosquera, subliñou que aproveitar a biomasa non só xera enerxía renovable e emprego, senón que reduce combustible acumulado nos montes. Nesa ecuación, a economía circular convértese tamén nunha estratexia de protección civil.

As empresas e centros presentes coincidiron en que o futuro pasa por unha intelixencia preventiva: sistemas de alerta temperá, sensores, drons, modelos de simulación e redes de colaboración que permitan anticiparse ao lume antes de que se descontrole. Pero tamén unha intelixencia colectiva, capaz de unir a administracións, pemes, universidades e cidadanía.

Fondos europeos e realidade local: o desafío de conectar ideas con territorio

A terceira mesa, dedicada ao financiamento e ás oportunidades europeas, foi unha ponte entre a estratexia e a acción. Moderada por Juanma Revuelta, da Fundación Finnova, reuniu a expertos como José Manuel Requena (Finnova), Lucía Castro (Datalife DIH), João Domíngues (FEUGA) e ao alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua.

Requena repasou os principais instrumentos dispoñibles (Interreg, LIFE, Horizon Europe, Innovation Fund) e subliñou que existen fondos para proxectos de prevención, formación, valorización de biomasa e restauración de áreas queimadas. Pero a conversación tomou un xiro máis próximo cando interveu Lucía Castro, que lanzou unha advertencia cargada de sentido común: “Non veñas coa convocatoria, vén coa necesidade”.

Participantes na xornada Firepoctep+.

A reflexión foi compartida polo alcalde de San Xoán de Río, quen falou sen tecnicismos, pero coa autoridade de quen vive o problema en primeira persoa. “O papel todo sopórtao, pero hai que escoitar máis a xente do rural”, afirmou. “Primeiro o proxecto, despois a subvención”, concluíu.

O seu relato lembrou que o despoboamento, o envellecemento e o abandono do monte son os verdadeiros combustibles do lume. Apostar pola “nova ruralidade”, con servizos, conectividade e oportunidades, é tan urxente como investir en drons ou satélites.

Unha nova cultura do territorio

A xornada deixou unha mensaxe que transcendeu o técnico: previr incendios é tamén reconstruír vínculos co territorio. Os participantes coincidiron en que o futuro esixe políticas que integren coñecemento científico, xestión pública, innovación empresarial e participación cidadá. Galicia, como outras rexións da península ibérica, ten a oportunidade de converter a súa vulnerabilidade nun laboratorio de solucións.

O encontro de Firepoctep+ demostrou que a loita contra os incendios non empeza coas chamas, senón coa cooperación. Entre drons, sensores, políticas públicas e cooperación entre España e Portugal, emerxeu unha convicción compartida: os lumes non se apagan no verán, senón con intelixencia preventiva, cohesión e territorio vivo.


Podes ver o vídeo completo da xornada nesta ligazón.

Firepoctep+ está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Foi designado como proxecto estratéxico polo Comité de Seguimento do programa Interreg, grazas ao seu traballo na identificación de Zonas Estratéxicas de Xestión (ZEG), claves no comportamento dos grandes incendios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Á procura dos 30 pasaxeiros que desembarcaron en Santa Elena: pode expandirse o gromo?

A prioridade das autoridades sanitarias pasa por identificar e seguir os contactos para evitar a propagación da enfermidade

Galicia e Portugal alíanse para impulsar unha asistencia sanitaria centrada no paciente

O proxecto NEW HEALTH promove unha rede transfronteiriza que integra innovación tecnolóxica, investigación avanzada e datos para mellorar a calidade asistencial

Europa amplía o número de especies afectadas pola covid das plantas que ameaza Galicia

Un informe cifra en 728 os vexetais susceptibles á 'Xylella fastidiosa', unha bacteria que causa enfermidade grave e incluso a morte nalgúns cultivos clave para a economía comunitaria

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019