Dona Teresa, a primeira raíña de Portugal

Foi filla ilexítima de Afonso VI de Galicia e León e tivo encarnizados enfrontamos coa súa irmá dona Urraca e co seu fillo Afonso Enriques, futuro rei do país veciño

A estatua de dona Teresa érguese sobre un manto de flores. O seu rostro disimula un tenue sorriso. A súa man dereita porta un pergamiño que segue a liña da súa mirada. O colofón do monumento é a gran coroa que viste a súa cabeza. Estamos en Ponte de Lima, considerada a primeira vila de Portugal grazas ao foro outorgado en 1125 por dona Teresa. E na súa honra, o pedestal da estatua homenaxéaa como “nai de reis e avoa de imperios”. Pero a definición non é de todo axeitada. Dona Teresa non só foi parente e antecesora. Foi, en realidade, o xerme. Ela, filla de rei, herdou o condado portucalense e comezou a empregar o título de “raíña” na documentación. Así era tratada na época pola súa media irmá e raíña de León e Galicia, dona Urraca, e incluso por Roma. Se o seu fillo, Afonso Enriques, se considera o primeiro rei de Portugal, por que ela non se pode considerar a primeira raíña?

“Se Afonso Enriques se proclama rei de Portugal é polas accións previas da súa nai. Se ela non tivera rivalizado coa súa medio irmá Urraca, talvez el non tivera pasado de ser un conde máis”, sinala a historiadora Diana Pelaz Flores da Universidade de Santiago (USC). A súa reflexión, tal e como di ela, é “historia-ficción”, pero serve para entender o papel clave de dona Teresa na creación do reino de Portugal. A controvertida relación con Urraca debuxa un escenario político marcado pola man de dúas poderosísimas mulleres nos albores do século XII.

Publicidade

Filla ilexítima, pero filla de rei

Teresa naceu da relación entre o rei de León e Galicia, Afonso VI, e unha das súas amantes, Ximena Muñoz. Por tanto, e a diferenza de Urraca, Teresa era unha filla ilexítima. “Naquel momento, ter descendencia fóra do matrimonio era relativamente cotiá. Todos os fillos e fillas necesitaban herdar, había que dotalos e dotalos ben. Por tanto, Teresa non foi unha filla de segunda, foi filla de rei e, como tal, podía considerarse raíña. Vaino usar no seu beneficio cando chegue a ocasión”, continúa explicando Pelaz Flores.

A ollos de hoxe resulta difícil de entender por que usaba o título de raíña, mais é preciso entender o contexto da época. Un século XII, aínda incipiente, no que non existía un concepto de Estado tal e como o entendemos na actualidade. “Os reinos podíanse descompoñer en tantas partes ou pezas como o rei quixera. Por iso, naquela altura, había reinos que se contraían e outros que se expandían, porque podían atomizar o poder á súa vontade“, sinala a historiadora da USC. Así é que Teresa herdou o condado portucalense que, en principio, non estaba destinado a ser reino, pero que ela, reclamándose filla de rei por dereito, acaba convertendo nun reino propiamente dito.

Publicidade

Primeiro matrimonio

Teresa, ao igual que Urraca, casou cun nobre procedente da rexión francesa de Borgoña. As alianzas matrimoniais eran unha forma de conectar coa nobreza europea e reforzar vínculos. “A condición de Teresa como filla natural ou ilexítima non é un obstáculo para que se lle busque un matrimonio favorable para os intereses da monarquía. Casa ao mesmo nivel que a súa irmá”, apunta a estudante de doutoramento Carla Trincado, tamén da USC. Hai máis similitudes coa historia de Urraca das que a elas, talvez, lles gustaría admitir. “Cando Teresa casa con Henrique de Borgoña, é el quen acumula toda a atención e ela pasa a unha posición marxinal, como a súa irmá, a pesar de que son elas as que dan o título e a lexitimidade do poder”, argumenta o doutor en Historia da Arte e xestor cultural Suso Vila.

O xerme dun reino

Non obstante, Teresa enviúva en 1112. Aí é cando se produce un cambio e, quizais, cando comeza a transformación de Portugal, que pasará de ser un condado máis a considerarse un reino. O herdeiro de Henrique de Borgoña é Afonso Henriques, o fillo varón que tivo con Teresa. E ante a morte do pai, é ela quen asume a súa titoría. A historiografía, como acontece con tantas outras historias de mulleres, interpretou a súa historia como a dunha muller que, unha vez que foi titora do seu fillo, comezou a “encariñarse” e “coquetear” co poder.

“Non se fala así dun home, verdade? Teresa nomeouse raíña porque tiña a capacidade e o dereito de facelo. Quixo establecer e consolidar un condado que herdou do seu pai. Vai ir construíndo un reino, que aparece por primeira vez en 1125 no documento do privilexio a Tui. Fálase de Afonso Henriques como primeiro rei de Portugal, pero a súa nai xa o estaba construíndo”, sostén Suso Vila, que trata de desmontar as ideas preconcibidas e nesgadas que tantas veces se propagaron sobre as mulleres con poder ao longo da historia.

A construción de Portugal como reino foi, por tanto, unha estratexia xestada ao longo do tempo nun momento histórico onde moitos aspectos do dereito aínda non estaban o suficientemente claros. Por tanto, non debemos imaxinar unha celebración ou unha cerimonia de proclamación de Teresa como raíña porque iso non existiu. “Ela comeza a usar este recoñecemento na documentación, que coincide no tempo cun maior papel da figura de Afonso Raimúndez, sobriño seu e fillo de Urraca, no reino de León e Galicia. Ao falar de si mesma como raíña, Teresa mantén a súa posición dentro da liñaxe de sucesión do seu pai”, afirma Carla Trincado.

Unha complicada relación nai e fillo

Teresa debía ser unha boa estratega. Era consciente dos movementos que se estaban a realizar no antigo reino do seu pai, agora en mans da súa irmá e, posteriormente, do seu sobriño. Sabía que existía un conflito entre ambos polo poder, e que a nobreza estaba dividida: entre quen apoiaba a Urraca e quen apoiaba o herdeiro varón, Afonso Raimúndez. De novo, a vida das dúas irmás volve confluír, e aquilo que ollaba Teresa dende o seu trono en Portugal, tamén lle acontecerá a ela nun guión bastante semellante. Haberá un conflito aberto co seu fillo que rematará con ela fóra do poder.

Estatua de dona Teresa en Ponte de Lima. Foto: Wikipedia

Teresa asume unha especie de rexencia. Era unha maneira bastante habitual de que as mulleres tiveran unha posición máis lexítima ou estable no trono, ao exercer en nome do herdeiro”, engade Diana Pelaz Florez. Unha posición, ademais, menos arriscada que a de Urraca, que era a raíña lexítima e de pleno dereito. Cando unha é rexente ou titora sempre está nun segundo plano porque se asume que o seu poder é transitorio, ata que o seu fillo suba ao trono. Pero que acontece se a raíña en cuestión, neste caso Teresa, quere exercer, xestionar e administrar por si mesma? Que acontece se ela mesma consegue converter un condado en reino? Que a situación se vai complicar cada vez máis.

“A medida que pasan os anos, Afonso Henriques vaise converter nun instrumento político para a facción nobiliaria contraria a Teresa que rematará nun enfrontamento militar do que ela sae perdedora”, sinala Carla Trincado. A relación da raíña con Fernando Pérez de Traba, un nobre do máis alto prestixio tanto en Portugal como en Galicia e co que tivo dúas fillas, acende a chama do conflito. “O enfrontamento nai e fillo vén dado por esa unión cos Traba. Talvez por unha percepción negativa, tanto dende o punto de vista político como persoal, por parte de Afonso Henriques, que talvez pensara que Fernando lle podía arrebatar o trono”, engade Diana Pelaz.

A tensión entre nai e fillo ou, máis ben, entre as faccións que apoiaban a un e ao outro, sáldase na batalla de San Mamede en 1128, dous anos despois da morte de Urraca e con Afonso VII xa no trono de León e Galicia. “O conflito remata coa derrota de Teresa, que se ve obrigada a fuxir ou, polo menos, a abandonar Portugal e establecerse no sur de Galicia acompañada de Fernando Pérez de Traba. Xa non volvemos ter grandes noticias dela ata a súa morte, dous anos despois”, subliña Carla Trincado.

Afonso Henriques, despois da súa vitoria, reclámase rei de Portugal. É así. Nunca xamais se considerou a si mesmo como conde. E se isto aconteceu é porque a súa nai levaba anos construíndo un reino. Polo tanto, é preciso desbotar esa idea da autoproclamación e dos desexos de poder, das ambicións desmedidas. Ou iso é o que defende Suso Vila: “Foi titulada raíña polos papas e polos seus propios vasalos”. Así o expón, dándolle lexitimidade a un título que se foi desvirtuando co paso dos séculos e co manipulado relato da súa historia.

O enfrontamento con Urraca

A pesar das similitudes evidentes entre a historia de Urraca e a de Teresa, a relación entre as dúas irmás foi moi tensa. Eran rivais directas: unha, raíña dos reinos de León e Galicia, e a outra de Portugal. “Cando Teresa comeza a chamarse raíña, saltan todas as alarmas de Urraca. Xa non é que o condado portucalense estea nas súas mans, senón que o ve como un enfrontamento directo contra ela. É un problema de grandes proporcións”, valora Diana Pelaz. Non obstante, non foi unha relación lineal, senón chea de altibaixos, de períodos de achegamentos e afastamentos en función das necesidades e intereses de cada unha.

“Hai un pragmatismo brutal. En función das súas dificultades e posibilidades, imos esquecer que somos inimigas. Todo dependía das circunstancias. E a isto hai que engadir que eran dúas mulleres que intentaban manter a súa posición de poder nun mundo dominado polos homes“, continúa explicando a historiadora da USC. Porén, e pese a esta relación inestable, as súas loitas non eran batallas campais como pode recrear o cine, senón máis ben cercos e sitios a vilas ou cidades clave. “Aconteceu en Lanhoso, xa no territorio portugués. Teresa acaba rendéndose e hai unha tregua, pero non durará moito”, matiza Carla Trincado.

“Tanto Teresa como Urraca son dúas figuras impresionantes, moi intelixentes. Un dos aspectos que sempre destaquei é que realmente son elas as que establecen as fronteiras do Miño. En realidade, a fronteira entre Galicia e Portugal debería estar máis ao sur, no Limia, porque sería a clásica división eclesiástica”, apunta Suso Vila. Non obstante, esas loitas constantes entre as dúas irmás, eses períodos de tensión e tregua, son os que determinaron unha fronteira política que consolidará posteriormente Afonso Henriques, o coñecido como primeiro rei de Portugal. Pero o protagonismo é indubidablemente feminino.

O poder territorial de Teresa

Teresa foi a creadora do reino de Portugal, pero a súa influencia en Galicia é indubidable. Especúlase, segundo traslada Suso Vila, que naceu e morreu na zona de Montederramo, en Ourense. Amais diso, hai outra documentación relevante que fala da súa pegada sobre a actual Galicia. É ela quen, en 1122, doa a xurisdición da cidade de Ourense aos bispos. Acontece o mesmo con Tui en 1125. “Ela reinvindicou que o seu condado chegaba a todo o sur de Galicia”, anota o investigador. Dalgunha maneira, continúa, Teresa pon en valor o legado dos suevos: “Vai reivindicar toda esa tradición para crear un novo reino”.

O final da vida de Teresa chega arredor de 1130, tras o seu exilio a Galicia e despois de perder a batalla de San Mamede contra o seu propio fillo. Non obstante, pese a ese enfrontamento encarnizado entre ambos, unha vez que ela falece, Afonso Henriques vaille dar a condecoración que ela tanto reclamou en vida. Esta foi unha forma, ademais, de que el puidese reivindicar a súa liñaxe como fillo e neto de reis e raíñas. Por tanto, vai trasladar os restos da súa nai ao Panteón Real da catedral de Braga, que será unha homenaxe real a unha raíña real. Unha raíña sobre a que pesou a sombra do cuestionamento, da historiografía e das miradas nesgadas das crónicas. Pero á que debemos reivindicar sen lugar a dúbidas como a creadora do que hoxe chamamos Portugal.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas