Hai novos visitantes nas costas galegas. Os arroaces solitarios tenden a aparecer cada certo tempo, normalmente porque non poden seguir a manda. Neste caso, non están de todo soas, porque son dúas. Ladeira e Ladiña, nai e filla, son os dous arroaces (Tursiops truncatus) que visitan desde xuño de 2024 as costas galegas, segundo informa a Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA).
“O que supoñemos é que a femia ten algún problema de saúde que non sabemos identificar pero que lle obriga a parar fisicamente durante horas”, explica Alfredo López, biólogo mariño do CEMMA. Iso impide que poida seguir a navegación dunha manda o que a levou a achegarse aos portos e intentar alimentar á cría para poder sobrevivir.
Ao ter que estar en superficie durante horas, a situación da femia, especialmente se estivese en mar aberto, sería perigosa xa que está nun estado vulnerable, con pouca protección. Por iso pode aproximarse a algunha boia ou barco parado. Iso si, non socializa cos humanos, aseguran desde CEMMA. “É algo que a vai favorecer”, aseguran, porque as interaccións entre os arroaces e os humanos xeran moitos problemas para o animal. No caso de Confi, tamén coñecido como Manoliño, era moito máis sociable o cal supoñía un perigo para este.
A filla, xa recuperada
A filla tamén tivo algunhas complicacións nos primeiros meses. “Apareceu cunha ferida na aleta dorsal, bastante profunda e que chegaba ata a metade e a torcía polo efecto da natación”, destaca o experto. Afortunadamente, esa ferida xa está curada e cicatrizada. “Actualmente non reviste ningún tipo de perigo ou gravidade“, afirma o biólogo do CEMMA.
Os arroaces foron identificados por primeira vez no porto da Guarda, e desprazáronse ata Baiona. De feito, de aí vén o seu nome: no verán pasado estivo preto da praia de Ladeira. “Normalmente cando aparece un animal sempre poñemos un nome que fai referencia ao sitio”, comenta López. Tras unha volta temporal á Guarda, en inverno foron pouco a pouco subindo cara ao norte. “Antes do verán, instaláronse na zona da Ría de Arousa preto do río Ulla”, concreta.
Como debemos actuar?
López tamén destaca que en redes ás veces aparece información falsa, comentarios que están lonxe da realidade. “Pasou con Gaspar, pasou con Confi, sempre hai xente que busca explicacións estratosféricas, raras, paranormais e que o único que fan é facer voar a imaxinación da xente”, asegura. Por iso, destacan o que saben: que a femia ten un problema de saúde, motivo polo que non puido seguir á manda.
Desde CEMMA agradecen que as persoas que se atopen con estes animais avisen á Coordinadora e que manden información gráfica se así o consideran. “Dicir ás persoas que as vexan que manteñan a calma e que se está na superficie non se preocupen porque é un comportamento habitual no caso de Ladeira“, explica López. Iso si, piden sempre manter a distancia para non poñer en perigo ou molestar aos animais. Desde CEMMA pregan que se utilice o teléfono da UNIMOBIL de CEMMA (686 989 008) para trasladar información, avisos, imaxes ou consultas.














