Durante 15 anos, un grupo de científicos recolleu os sons dos grupos de arroaces (Tursiops Truncatus) nas rías galegas e na costa da illa italiana de Sardeña. O obxectivo era determinar se existían diferenzas entre o comportamento destes cetáceos en función das augas nas que se movían. E, sobre todo, analizar o seu característico asubío, saber para que o empregan e cando o fan.
O resultado é o estudo, con participación do departamento de Bioloxía da USC, que vén de publicar recentemente a revista Bioacoustics, unha publicación científica especializada en traballos sobre os sons que emite o mundo animal. No mundo acuático, a comunicación é máis importante aínda, xa que o propio medio obriga ás especies que se moven en grupo a afinar as súas ferramentas de interacción. As dificultades visuais que ten un medio como o mar compénsanse, en parte, cas capacidades de propagación das mensaxes a través da auga.
Para analizar as comunicacións dos animais mariños, os cetáceos son un grupo ideal grazas ás súas estruturas sociais. Tamén, porque gozan dun amplo abano de repertorios vocais para comunicarse. E, dentro disto, destacan os asubíos. Con eles son quen de transmitir a súa identidade individual, que na maioría de especies se produce a través de sinais vogais das que carecen os cetáceos. Por iso, os asubíos permiten aos golfiños dicir “son eu”.
Os arroaces desenrolaron un sistema de comunicación acústica para as súas relacións sociais baseados nestes asubíos. Para cubrir o oco de investigacións previas que non serviran para determinar os porqués detrás da emisión destes sons, un grupo de científicos comezou un traballo de 15 anos para comparar o comportamento dos arroaces en dous puntos ben afastados no mapa: a illa de Serdeña e a ría de Arousa.
Co mesmo método e baixo a mesma dirección, o estudo dividiuse en dúas etapas. Entre 2005 e 2013 centrouse no nordeste da illa de Sardeña. Unha vez rematado, o traballo de campo desprazouse ao Grove, onde o doutor en Bioloxía Bruno Díaz, director do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), asumiu a captación dos sons dos nosos arroaces.

Os arroaces galegos
Nas augas galegas, identificáronse 144 individuos, dos cales, 66 (37 machos e 29 femias) foron considerados residentes nas zonas. As poboación das rías galegas e, en concreto, a de Arousa; amosan un alto grado de apego ao lugar, onde é común observalos ao empregar estas áreas como lugares onde se alimentan e aparean. Para estudar os seus asubíos, identificáronos mediante imaxes e marcaron aos individuos. Para ser considerados parte dun grupo, os arroaces debían manterse nun radio duns 100 metros, actuando entre eles ou realizando as mesmas accións ou movementos.
O resultado foron 695 gravacións de 373 grupos de arroaces conseguidas en 273 diferentes. Un total de 19 horas para aproximarse desde nove variables (como a localización, a tempada, o momento do día, etcétera) as razóns que motivan a emisión destes asubíos, que foron captados no 39% das mostraxes que compoñen os máis de 1.100 minutos de material sonoro recopilado durante 15 anos.
Un elemento de cohesión grupal
Unha das principais conclusión extraídas neste traballo é que o número de integrantes do grupo incrementa as interaccións entre os seus membros. Empréganos para cuestións de cohesión, como, por exemplo, para facer chamados para que o grupo non se disperse e permaneza unido.
Ademais, tamén serven para estreitar os vínculos entre as nais e as súas crías. Emiten estes asubíos para que os pequenos non perdan a referencia do grupo e continúen pendentes do resto. Os investigadores chegaron a esta conclusión baseándose nas interaccións doutros grupos de animais como as cabras.
En grupos de arroaces máis pequenos estes asubíos danse en menor medida pola sinxela razón de que son menos necesarios. Ao estar integrados por menos membros, a coordinación é máis natural sen que dependa excesivamente das súas vocalizacións.
En Galicia, grupos máis nutridos
O tamaño dos grupos de arroaces vén determinado por factores sociais e ambientais vinculados de forma estreita ao seu hábitat. Así, en Galicia son máis grandes que en Sardeña. A resposta a isto está na riqueza das augas, que non só determina a composición dos grupos, senón que tamén afecta á forma na que se organizan.

Os nutrientes das augas nas rías galegas grazas ao achegue fluvial e as contribucións estacionais fan que existan un maior número de presas a disposición dos arroaces. A abundancia ao seu dispor fai que se conformen grupos máis grandes, xa que a competencia é menor e faise máis doada cando se organizan.
Deste xeito, os grupos nas rías galegas emiten asubíos con máis frecuencia en comparación cos que viven nas augas sardas. Ademais de para mellorar a coordinación á hora de alimentarse, tamén hai outro factor que inflúe na emisión de sons: a necesidade de orientarse.
Porque a dispoñibilidade de nutrientes nas aguas pode facer que estas sexan máis turbias e obriga aos arroaces a comunicarse máis para se guiar nelas. Con todo, os propios investigadores consideran que esta afirmación é inicial, xa que non foi considerada inicialmente no seu estudo, e require de novos traballos para poder ser confirmada.
Socialización
Os achados deste novo estudo sobre o comportamento social do Tursiops Truncatus confirman que o nivel de actividade, as interaccións ou o estado emocional impulsan a emisión destas mensaxes acústicas.
Así, os exemplares en repouso, nos que a súa actividade e interacción son mínimas, amosan unha baixa necesidade de comunicación vogal. E a diferenza dos gorilas, por exemplo, que emiten sons para manifestar a fin do momento de descanso; os cetáceos recorren máis a sinais físicas e visuais para indicar que toca poñerse en movemento de novo.
Alén de agruparse para a procura de alimento, tamén foron identificados outros patróns de comportamento nas interaccións sociais, como o contacto físico, o apareamento, a protección da parella ou a competencia e agresión entre machos.
Referencia: Whistle rate determinants in wild bottlenose dolphins: behaviour, location, and group size (Publicado en Bioacoustics. The International Journal of Animal Sound and its Recording)