Os golfiños fan as beiras? Un estudo galego analiza a comunicación vocal entre parellas

Un traballo do biólogo Bruno Díaz investiga as variacións sonoras entre arroaces: "Os machos e femias interactúan na época de apareamento"

“Os humanos non lle falamos igual a unha persoa coa que mantemos unha relación amorosa que a un compañeiro. Os arroaces tampouco”. Así explica as conclusións do seu traballo o biólogo galego e director do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove, Bruno Díaz. O estudo analiza como varía a comunicación vocal dos golfiños dependendo do contexto social e as diferentes tempadas. As súas conclusións constatan que “entre amigos semella que non fai falta dicir moito, pero entre parellas mixtas existe unha maior interacción, especialmente na época de apareamento”, detalla.

A investigación analizou a produción de sinais sonoros —como os asubíos e sons pulsados— entre parellas de arroaces (Tursiops truncatus) en liberdade. A través de gravacións acústicas e datos de comportamento recompilados entre 2004 e 2013 Díaz estudou 14 pares de golfiños localizados na costa noroeste de Sardeña (Italia). “As poboacións do Mediterráneo son menos numerosas e as parellas están máis illadas que as da costa galega, polo que era máis sinxelo para poder realizar os rexistros sonoros”, explica o biólogo.

Publicidade

Máis sons para facer as beiras en época de apareamento

Así, a investigación resaltou tres aspectos do comportamento destes animais mariños. En primeiro lugar acharon diferenzas na produción de sons segundo o sexo e a tempada. Acorde ao que declara o autor, as parellas mixtas emiten máis sons durante a época de apareamento. “Comprobamos a teoría de que entre machos e femias realizan máis sons pulsados que teñen un carácter máis reprodutivo, máis de ‘ligar’. Pero non se puido determinar o emisor, polo que podería interpretarse ou ben que os machos tentan impresionar a femia ou que esta indica que está receptiva para o cortexo”, detalla o director do BDRI.

Pola contra, entre exemplares do sexo masculino constatouse diferentes tipos de comunicación vocal. “As conversas —por dicilo dalgún xeito— cambian claramente en función de se son mellores amigos ou non. Se a afiliación social é maior, como dicimos por aquí, poucas palabras fan falta. A emisión de sons era moito máis elevada entre exemplares que non tiñan unha relación próxima, cun carácter máis agónico —semellantes aos berros dun chimpancé— en contextos de competencia ou conflito, como cando se alimentan”, explica.

Publicidade

Diferentes “acentos”

Ademais, tamén analizaron os asubíos, que son sons tonais e modulados, dos arroaces. O estudo indica que estas comunicacións están máis relacionadas coa cohesión do grupo e a coordinación das actividades, como a alimentación, en lugar de estar vinculados aos comportamentos reprodutivos ou de confrontación.

Malia a complexidade que implica estudar a comunicación dos golfiños “debido a que poden producir diferentes sons con características moi específicas ao mesmo tempo”, o biólogo detalla que existen estudos que analizan as variacións existentes entre distintas poboacións. “Esta claro que ao ser da mesma especie emite os mesmos tipos de sons, pero estes varían en función do contexto ecolóxico“, asegura Díaz.

Así, aqueles exemplares que se atopen nunha contorna máis ruidosa, con máis tráfico de barcos, emitirán sons máis longos ou máis agudos. “Ao igual que nós falariamos máis alto se vivisemos nun ambiente con moito ruído, eles buscan outras frecuencias con menos interferencias para poder comunicarse mellor. Teñen outro acento, por dicilo dalgún modo”, conclúe.


Referencia: Context-dependent and seasonal fluctuation in bottlenose dolphin (Tursiops truncatus) vocalizations (Publicada en Animal Cognition)

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño